A conselleira de Educación sinala a importancia dos clubs de lectura para a dinamización deste hábito na comunidade educativa
A conselleira visitou o IES do Milladoiro co gallo da Semana do libro
Hoxe publícase a resolución polo que se concede a María Reimóndez o premio destes grupos como a autora máis lida o curso pasado
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o IES Milladoiro co gallo da Semana do libro. Alí tivo a oportunidade de charlar con varios estudantes implicados no seu club de lectura, que é un referente para a comunidade educativa, e de coñecer as motivacións que os animan a unirse a estes grupos. Ademais, coñeceu a biblioteca do centro, integrada no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) da Consellería.
Durante a súa visita ao instituto, a conselleira destacou a importancia dos clubs de lectura como grupos de dinamización nos que se unen alumnas e alumnos, docentes e outros membros da familia e da comunidade educativa, que tamén teñen a porta aberta a esta experiencia. Neste sentido explicou que, ademais de ser un exemplo de hábito lector – desenvólvense fóra do horario lectivo–, son un espazo para o debate, o fomento do espírito crítico e o intercambio de intereses arredor das lecturas propostas.
Na actualidade funcionan no sistema educativo galego un total de 253 clubs de lectura ao abeiro das distintas convocatorias da consellería, que reúnen a máis de 11.000 persoas arredor do hábito lector.
Premio
Precisamente hoxe publícase a resolución pola que se concede o Premio dos Clubs de Lectura 2019 dos centros educativos galegos á escritora María Reimóndez, por ser a autora máis lida no curso pasado nestes grupos.
María Reimóndez (Lugo, 1975) é escritora, tradutora e intérprete. Foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (2006) e do Xerais con O club da calceta (2006), obra pola que foi galardoada co premio San Clemente, outorgado por alumnos de institutos, e que foi traducida ao castelán, italiano e francés. No referido á literatura infantil e xuvenil, ten publicados seis libros infantís sobre as comarcas galegas, ademais de obras como Lía e as zapatillas de deporte (2008), que foi Premio Frei Martín Sarmiento 2010; O Monstro das palabras (2009), Corredora (2017), O xeito das froitas (2018) ou Fóra do Normal (2018), entre outros. É autora, ademais, de narrativa para adultos, ensaio e poesía.
A autora será convidada a participar na XII Xornada dos Clubs de Lectura, prevista para xuño. Nas anteriores edicións recibiron o galardón Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017) e Carlos Negro (2018).