A Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación, recoñecida co premio Suso Jares
O galardón, outorgado por Nova escola galega e FOANPAS, premia as iniciativas en materia de convivencia escolar e cultura de paz
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, recolleu hoxe o premio Suso Jares de Programas e Experiencias de Convivencia Escolar e Cultura de Paz, outorgado por Nova Escola Galega e a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (FOANPAS) á Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería. O acto celebrouse na Escola Infantil Municipal Santa Cristina, na cidade da oliveira.
En concreto o premio acadouse na Categoría 2, dedicada a políticas e programas públicos e iniciativas ou traballos promovidos por Administracións, entidades sen ánimo de lucro e persoas físicas. O xurado decidiu outorgarllo á Asesoría de Bibliotecas Escolares por desenvolver “dende hai quince anos un programa cada curso máis diverso de innovación didáctica, tinguido cos valores do ensino cooperativo e da educación para a paz, que os promotores dos Recoñecementos Suso Jares consideramos deben ser abeizoados e visibilizados por toda a comunidade educativa”.
Neste sentido o xurado destacou o labor desenvolvido a través do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) para dotar o alumnado das competencias claves relacionadas coas alfabetizacións múltiples e para reforzar a presenza e acción das bibliotecas nos centros educativos. Así mesmo, salientouse o avance na dinamización da biblioteca escolar concibida como centro de recursos e espazo de contacto coa información dentro das escolas.
Entre outras iniciativas desenvolvidas nesta materia desde a Consellería, a acta de concesión do premio destaca programas de fomento da lectura como Maletas Viaxeiras, Hora de ler ou Clubs de Lectura, programas de innovación como o Concurso de Traballos por Proxectos, ou iniciativas solidarias como o Voluntariado de lectura ou o programa Biblioteca Inclusiva. Así mesmo, valoráronse as accións de formación do profesorado que se desenvolven nas Xornadas de Bibliotecas Escolares, os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares e nos Encontros dos Clubes de lectura.
Na categoría 1 do premio foi recoñecido o proxecto Salvemos os bosques da escolas infantís municipais Santa Cristina e Mestres Goldar que, en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo e Comarca, realizaron actividades medioambientais co obxectivo de concienciar aos máis novos sobre o coidado da natureza e a necesidade de participar na preparación e repoboación dos montes queimados.