Extraordinario de Antón Lopo, gañadora da XII edición do Premio Narrativa Breve Repsol
Hoxe á mañá deuse a coñecer o ditame do xurado nun acto público no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, o director da Área Institucional de Fundación Repsol, o director da refinería e o voceiro do xurado
A iniciativa promóvena a Xunta e mais a Fundación Repsol coa colaboración da Editorial Galaxia
A obra Extraordinario do escritor Antón Lopo, resultou gañadora da XII edición do Premio Narrativa Breve Repsol. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa o voceiro do xurado, Xoan Babarro, escritor e académico correspondente da Real Academia Galega (RAG). O acto tivo lugar na refinería de Repsol na Coruña e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e mais polo director da Área Institucional de Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, acompañados do director da refinería, Javier Sancho, e do voceiro do xurado. Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia.
Extraordinario: unha novela sólida, atractiva e ben narrada
O voceiro do xurado destacou da obra gañadora “a particular riqueza léxica, así como os valores estilísticos relacionados coa sintaxe, que se visualiza a miúdo a través dunha puntuación orixinal”. Babarro engadiu que “o uso da primeira persoa, a distribución do texto en noventa notas de desigual extensión e o ritmo narrativo conseguido facilitan a lectura e acaban atrapando o lector”.
O protagonista, desde hai anos separado do círculo familiar, regresa para coidar da nai, hospitalizada. A través da súa mirada iremos interpretando a personalidade de cada un dos membros da familia, desde a situación presente ata épocas pasadas. O autor non só nos mostra o ambiente hospitalario, senón tamén as difíciles relacións do personaxe central coa nai durante a infancia e a adolescencia, o trato coa irmá e o antagonismo co irmán máis vello. O xurado do XII Premio Narrativa Breve Repsol define a Extraordinario como unha novela sólida, atractiva e ben narrada, cunha riqueza temática que se complementa con recursos de tipo irónico e humorístico.
Escritor, xornalista e editor
Antón Lopo (Monforte de Lemos, Lugo, 1961), escritor, xornalista e editor. Foi durante máis de vinte anos coordinador da Revista das Letras. Como escritor publicou obras de poesía e de narrativa: As reliquias (1991), coa que gañou o Premio Café De catro a catro; O riso de Isobel Hill (2000); Ganga (2001); e Obediencia (2010), coa que obtivo o Premio Manuel García Barros. Como poeta é autor de Sucios e desexados (1987), Manual de masoquistas (1990), A sombra dos rapaces mexando (1995), O libro dos amados (1996), OM (1996) e Pronomes (1998) e obtivo en xaneiro este ano o VI Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.
Lopo tamén cultivou o teatro, o ensaio no ámbito da investigación literaria e mesmo a tradución. Fundou canda outros cinco autores no ano 2016 a librería compostelá Chan da Pólvora e a editorial homónima.
O Premio Narrativa Breve Repsol
O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e convócano desde 2010 a Fundación Repsol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración da Editorial Galaxia, da RAG e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Nesta XII edición contou cunha participación de 28 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O xurado estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: Xoán Babarro, escritor e académico correspondente da RAG; Carlos Lema, director de Edicións de Galaxia; Xosé A. Neira Cruz, gañador do Premio Narrativa Breve Repsol 2017 pola obra O sono das sereas; Eli Ríos, escritora e crítica literaria; e Dolores Vilavedra, profesora de literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela.
A entrega do Premio terá lugar antes de final de ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña. Máis información: fundacionrepsol.com.