Educación convoca 1125 prazas de estadías en inglés, a English Week, para alumnado de Primaria e ESO
O prazo para solicitar a participación nesta actividade, que é totalmente de balde para as familias, estará aberto ata o 2 de xullo
A Consellería tamén convoca 335 prazas de formación do profesorado en linguas estranxeiras, un 56% máis que o curso pasado
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar a English Week deste outono, un total de 1125 prazas dirixidas ao alumnado de 6º curso de Primaria e dos catro cursos de ESO, para que realicen estadías lingüísticas en inglés no centro de inmersión lingüística dos Peares (Ourense), o único de toda España dedicado en exclusiva a tal fin.
As estadías, enmarcadas dentro da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020, son totalmente gratuítas para as familias, xa que a Consellería asume o custe das mesmas cunha partida de 544.500 euros destinados a sufragar os gastos de docencia e material escolar, de mantemento e aloxamento dos rapaces, a contratación dos monitores que os acompañan, as actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, os certificados e os seguros correspondentes.
Tal como se establece na orde que publica hoxe o DOG (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180607/AnuncioG0164-280518-0004_gl.html ) os centros escolares interesados en participar dispoñen de prazo desde mañá e ata o 2 de xullo para tramitar a correspondente solicitude. O número máximo de candidatos por centro será de 25 alumnos, todos do mesmo nivel educativo. E para a selección dos centros establécense unha serie de requisitos entre os que se priman cuestións como os contornos socioeconómicos menos favorecidos e os centros do ámbito rural.
Dez quendas de unha semana
As estadías desenvolveranse en dez quendas dunha semana de duración entre o 7 de outubro e o 15 de decembro deste ano. Deste xeito, os rapaces pasarán unha semana de domingo a sábado en réxime de internado nun campamento con profesores e monitores nativos en inglés, onde compaxinarán as actividades formativas con outras de carácter lúdico.
O obxectivo principal é proporcionar ao alumnado participante unha actividade de inmersión lingüística que lles permita mellorar as súas destrezas de comprensión e expresión oral en lingua inglesa. Para iso, organizaranse tanto actividades académicas como de tempo libre e obradoiros, de tal forma que se reforce a un tempo o programa ordinario do currículo dos alumnos e das alumnas e a convivencia entre eles, promovendo a comunicación en lingua inglesa entre os participantes.
Prazas de formación para o profesorado, PIALE
A Consellería de Educación tamén publica hoxe no DOG (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180607/AnuncioG0164-310518-0002_gl.html) a orde pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) para o ano 2018. En total serán 335 prazas, case un 56% máis ca no ano anterior para que os docentes do ensino non universitario melloren as súas competencias en inglés, portugués, francés ou alemán en estadías en países estranxeiros. Á súa volta, deberán elaborar materiais para a sociedade da información na lingua obxecto de estudo, co fin de que a experiencia redunde no beneficio do conxunto do sistema educativo.
As solicitudes deberán tramitarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de xuño.
Modalidades en Galicia e no exterior
Haberá dúas modalidades para as prazas convocadas. A primeira delas consiste nunha semana de formación en inglés, francés ou portugués en Galicia que se completa con outras catro semanas de inmersión total en centros escolares de Canadá, Francia ou Portugal.
A segunda das modalidades consiste, ben nun curso de dúas semanas de formación en Reino Unido, Irlanda, Francia, Portugal e Alemaña, durante o primeiro trimestre do curso 2018/19, ben, como novidade, nunha semana de formación intensiva en Galicia en réxime de inmersión total en lingua inglesa durante o mes de xullo. O profesorado que participe actividades formativas que coincidan co período lectivo será substituído nos seus centros educativos.
A Consellería destina un total de 1.143.029,00 euros á organización deste programa, ao que haberá que engadir os custos derivados das substitucións correspondentes (uns 700,000 €) ao que poderán acceder, con carácter xeral, o profesorado funcionario de carreira ou funcionario en prácticas que participe nos programas de seccións bilingües ou centros plurilingües ou que teña previsto facelo a partires do curso 2017/18.