Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i e para o 2018

Mar, 05/06/2018 - 09:50

Xúntase a Orde do 23 de maio de 2018, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2018.

  • O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta Orde

Cal é o obxecto destas axudas?

Axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema galego de I+D+i mediante as seguintes modalidades:

- Modalidade A: Grupos de referencia competitiva (GRC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema galego de I+D+i.

- Modalidade B: Grupos con potencial de crecemento (GPC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do sistema de I+D+i galego.

- Modalidade C: Proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadores/as individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada ou en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional. Estas axudas adoptarán, segundo as características dos investigadores ou investigadoras, dúas modalidades: 1. Liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada e 2. Liña de reforzo de traxectorias emerxentes.

Quen pode solicitar estas axudas?

As universidades do Sistema universitario de Galicia presentarán a súa solicitude ante a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia presentarán a súa solicitude ante a GAIN.

Tipo e intensidade da axuda

Tipo de convocatoria: convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Tipo de axuda: axuda a fondo perdido.

Intensidade da axuda: 100 %.

Orzamento total: 20.990.000 euros (o orzamento da Secretaría Xeral de Universidades será de 19.125.000 euros e o da Gain será de 1.865.000 euros).

Importe das axudas

O importe máximo das axudas concedidas é o seguinte:

- Modalidade A (GRC).

No caso das universidades do SUG: o importe global da axuda distribuirase en tres anualidades e virá determinado por un módulo estrutural composto dun fixo de 30.000 € para o ano 2019 e de 35.000 € para o ano 2020 e 2021 máis un variable máximo de 30.000 € no ano 2019 e de 35.000 € nos anos 2020 e 2021 en función dos ingresos medios do grupo, e un módulo variable, acumulable o anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores a concesión.

No caso das demais entidades: o importe global da axuda distribuirase en catro anualidades e virá determinado por un módulo estrutural composto dun fixo de 25.000 € máis un variable máximo de 25.000 € tendo en conta os ingresos medios do grupo, e un módulo variable dun máximo de 50.000 € (20.000, 30.000, 50.000 €), acumulable o anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores a concesión.

- Modalidade B (GPC).

No caso das universidades do SUG: as axudas serán de aplicación por un período de 2 anualidades (2019 e 2020), mediante o pagamento dunha contía máxima de 45.000 € en cada unha delas.

No caso das demais entidades: as axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 20.000 € na primeira e de 35.000 € na segunda e terceira.

- Modalidade C (Proxectos de excelencia).

No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de ata 4 anualidades, mediante o pagamento anual á institución á que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 50.000 €. No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora emerxente (única modalidade convocada por GAIN), as axudas serán de aplicación por un período máximo de ata 5 anualidades, mediante o pagamento anual á institución á que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 15.000 € para o ano 2018 e de 25.000 € para os anos 2019, 2020, 2021, 2022.

A onde acudir?

Para solicitudes presentadas por universidades do SUG:

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica
Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación
San Caetano, s/n 15781 Santiago de Compostela
Teléfono: 881999541 / 881995156
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal

Para as demais entidades solicitantes indicadas (alleas ao SUG):

Consellería de Economía, Emprego e Industria
Axencia Galega De Innovación
Praza de Europa (Área Central), 10A, 6º andar
15707 Santiago de Compostela
Teléfono: 981541096
Email: axudas.gain@xunta.gal
Información web: http://gain.xunta.gal