Premio dos Clubs de Lectura 2018, do ámbito educativo, para o poeta Carlos Negro
Xúntase a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 18 de abril de 2018, polo que se fai pública a concesión do Premio dos Clubs de Lectura 2018, co gallo da celebración do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor o vindeiro 23 de abril. A través deste galardón quérese recoñecer o labor das autoras e autores galegos que facilitan, cos seus libros, o labor de mediación na creación de hábitos de lectura e que son quen de concitar o interese dos lectores e lectoras participantes na experiencia dos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia.
O premio seralle entregado ao profesor e escritor Carlos Negro no transcurso da XI Xornada dos Clubs de Lectura dos centros de ensino secundario de Galicia, que terá lugar en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos), o 1 de xuño e que reunirá ao profesorado que coordina os clubs de lectura integrados nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con convocatoriais anuais desde o curso 2007-2008.