V Concurso de Traballos por Proxectos. Convocatoria 2017/2018
Xúntase a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 5 de abril de 2018, no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), do V CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar, en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2017/2018.
Búscase estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias de traballos por proxectos, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación do equipo de biblioteca escolar ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ou ABP), realizados en centros non universitarios durante o presente curso 2017/2018.
Os centros participantes deberán optar por unha destas modalidades:
- Proxectos de carácter interdisciplinario, ou Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (ou un 40% dos departamentos, no caso d dos centros de ensino secundario).
- Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, nas seguintes sub-modalidades:
- Traballos de grupo/nivel
- Traballos de ciclo/departamento
- Proxectos realizados na materia de libre configuración de 1º/2º de ESO “Investigación e Tratamento da Información”, ou noutras materias equivalentes en ESO ou primaria.
3. Proxectos de investigación intercentros, promovidos desde as bibliotecas (máximo 3 centros).
Todos estes traballos teñen que realizarse co apoio e colaboración da biblioteca escolar e contando cos seus recursos e posibilidades.
A temática do proxecto escollida pode ser de calquera ámbito do coñecemento, pero contemplarase un apartado especial de traballos do ámbito científico
- O prazo para a presentación dos traballos remata o 10 de xullo de 2018.