A Semana Convergências Portugal-Galiza homenaxeará a Rosalía con música, libros, poesía, tertulias e teatro

Por primeira vez as actividades desta programación que promove o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho celébranse, ademais de en Braga, en Padrón e na capital de Galicia

A Fundación Rosalía de Castro acolle este domingo o concerto de apertura da cuarta edición, da man de Canto D'Aqui e Iria Estévez

O Teatro Principal compostelán será escenario o 25 de febreiro do concerto de peche

O secretario xeral de Política Lingüística subliñou que “a iniciativa enmárcase nas accións de desenvolvemento da coñecida Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua prortuguesa e vínculos coas lusofonía, coa que a Xunta de Galicia promove as relacións cos países de fala portuguesa”

Xov, 15/02/2018 - 14:45
A Semana Convergências Portugal-Galiza homenaxeará a Rosalía con música, libros, poesía, tertulias e teatro

A 4ª edición da Semana Cultural de Convergências Portugal-Galiza homenaxeará a Rosalía de Castro nas cidades de Braga (Portugal), Padrón e Santiago de Compostela a través da música, dos libros, da poesía, de tertulias e do teatro. Así o anunciou hoxe pola mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa na que se deron a coñecer as citas desta programación promovida desde a Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta, a través do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho. Colaboran nela outras entidades e instutucións, ademais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, entre elas a formación musical Canto D'Aqui, a Câmara Municipal de Braga, as juntas de frêguesia de Nogueiró e Temões, o Concello de Santiago e a Fundación Rosalía de Castro, co obxectivo de irmandar as dúas beiras do Miño a través da música, da poesía e da palabra.

Amplíase a colaboración institucional

“Por primeira vez, este ano as actividades da 4ª Semana Cultural celebraranse, ademais de na cidade portuguesa de Braga, en Padrón e en Santiago. Na casa de Rosalía de Castro situada en Padrón celebrarase a inauguración cun concerto de Canto D'Aqui e Iria Estévez. Na capital de Galicia terá lugar a clausura cun concerto de Canto D'Aqui, Uxía e a Banda Municipal de Santiago de Compostela”, destacou o secretario xeral, quen recordou que a iniciativa “enmárcase nas accións de desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coa que a Xunta de Galicia promove as relacións cos países de fala portuguesa”.

Acompañárono na rolda de prensa Carlos Beiró, secretario da Fundación Rosalía de Castro; Jaime Torres e Carlos Moutinho, integrantes do grupo portugués Canto D'Aqui (Braga); Lourdes Batán, subdirectora xeral de Política Lingüística; Branca Novoneyra, concelleira compostelá de Acción Cultural; e Casiano Mouriño, director da Banda Municipal de Santiago.

Ampla presenza na semana da Convergências

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora nesta 4ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza, que se celebrará en Braga do 18 ao 25 de febreiro, coincidindo coa semana do Día de Rosalía de Castro.

En representación de Galicia, acudirán en diferentes xornadas, entroutros, Uxía, Xabier Díaz, Eduardo Maragoto e a Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada Tequexetéldere, así como o escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. En representación do país veciño farano, entroutros, Canto D'Aqui, Ana Sofia Carvalheda, Sebastiâo Antunes, Oîma, Henrique Barreto Nunes e Joâo Afonso.

Unha semana chea de música, libros, tertulias, poesía e teatro

A semana cultural abrirase o vindeiro domingo 18 de febreiro co xa citado concerto na sede da Fundación Rosalía de Castro en Padrón, a cargo de Canto D'Aqui e Iria Estévez. Do martes 20 ao xoves 22 as actividades daranse cita en Braga, coa presentación do libro Galegos no Minho. 20 anos do Centro de Estudos na Universidade do Minho; unha tertulia con Sebastiâo Antunes e Xabier Díaz; un concerto de Oìma e Daniel Pereira; outra tertulia con Anxo Angueira, Eduardo Maragoto e Jose Manuel Mendes.

O xoves 23 as citas serán, simultaneamente, en Braga e en Santiago, con cadanseu tributo a José Afonso, na Casa das Crechas e no Theatro Circo, con Daniel Pereira e Uxía, respectivamente. O Día de Rosalía, 24 de febreiro, Braga acollerá a inauguración da Praceta Rosalía de Castro e o espectáculo “Voa” -adaptación da obra O espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, da man dos estradenses Tequexetéldere. O domingo 25 o Teatro Principal compostelán acollerá o concerto de peche desta semana cultural, no que participarán Uxía, a Banda Municipal e Canto D'Aqui.

Menús News node R