Os centros de secundaria deberán ofertar a materia de Historia da Filosofía en 2º de bacharelato para todos os alumnos
O conselleiro de Educación explicou hoxe no Parlamento de Galicia que o seu departamento non pode cambiar a natureza da materia, pero que establecerá a súa oferta obrigatoria
Terá que cursala, en todo caso, o alumnado da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que o seu departamento está xa a traballar para dar cumprimento, no ámbito das súas competencias, ao mandato da Cámara galega respecto da materia de Historia da Filosofía. Neste sentido, explicou que a Xunta non pode mudar a natureza desta materia e que, mesmo o Goberno central, non podería modificar o carácter da mesma –fixado mediante lei orgánica- a través dun decreto.
Polo tanto, a Consellería establecerá, a través dunha orde ou dunha instrución, que a materia de Filosofía que se imparte en 1º de bacharelato siga a ser troncal obrigatoria, con 3 horas. No caso da materia Historia da Filosofía, seguirá a impartirse en 2º de bacharelato como troncal de opción e será obrigatoria 4 horas) para o alumnado da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais. No caso do alumnado que curse outras das modalidades de bacharelato, os centros educativos teranlles que ofertar de xeito obrigatorio esta materia para que podan escoller esta materia de 2º como específica.
A intención do departamento educativo da Xunta de Galicia é publicar a normativa correspondente ao longo do presente trimestre, para que estea en vigor o vindeiro curso, e de xeito que os centros se poidan organizar con tempo suficiente.
Román Rodríguez explicou tamén que o seu departamento comunicara ao Ministerio do ramo o consenso acadado no Parlamento de Galicia respecto da necesidade de propiciar, nos traballos do denominado Pacto educativo, un debate en profundidade sobre a situación da Filosofía no sistema educativo e a necesidade da súa pervivencia.