Román Rodríguez presenta os XXXVII Cadernos Ramón Piñeiro. Carlos Casares. Homenaxe

O conselleiro de Cultura recordou que “o autor ourensán foi un dos amigos máis fieis de Piñeiro e quen asumiu a tarefa de continuar no plano institucional o labor que o de Láncara exercera coa chegada da democracia”

Lun, 06/11/2017 - 20:15
Román Rodríguez presenta os XXXVII Cadernos Ramón Piñeiro. Carlos Casares. Homenaxe

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou hoxe ao serán no Pazo de San Roque os XXXVII Cadernos Ramón Piñeiro. Carlos Casares: homenaxe. De amicitia, un volume dedicado a afondar na figura do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas co gallo da programación conmemorativa impulsada desde a Xunta. O titular do departamento de Cultura sinalou esta obra como unha oportunidade para se achegar ás diversas facetas do xornalista, narrador, poeta e intelectual que apostaba polo facer da nosa cultura “un polo de consenso, transversal e integrador”, na mesma liña que o fora o propio Ramón Piñeiro. Así mesmo, destacou que os Cadernos son “un magnífico colofón para este ano de estudos, traballos e reflexións sobre o autor”.

Román Rodríguez agradeceu o traballo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) neste XXXVII volume, así como o de todos os autores colaboradores “que xenerosamente nos brindaron os seus coñecementos sobre o escritor, a quen homenaxean coas súas achegas”. Non en balde, a obra recolle medio cento de artigos de diferentes autores que abordan a figura e a obra de Casares desde diferentes perspectivas.

O conselleiro salientou, para alén diso, a estreita relación entre Carlos Casares e Ramón Piñeiro, reflectida neste volume a través dunha estreita correspondencia en 46 cartas que constitúen “unha fonte preciosa de información sobre a vida cultural da época que ambos compartiron” e recordou que “o autor ourensán foi un dos amigos máis fieis de Piñeiro e quen asumiu a tarefa de continuar no plano institucional o labor que o de Láncara exercera coa chegada da democracia”.

No acto participaron tamén o fillo do autor e administrador do Padroado da Fundación Carlos Casares, Häkan Casares Berg; o presidente da Real Academia, Víctor F. Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario de Cultura, Anxo Lorenzo; o coordinador científico do CRPIH, Manuel González; os coordinadores da obra, Xosé Luís Cochón e Luís Alonso Girgado; e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.