Román Rodríguez salienta o poder da educación para acadar as mellores oportunidades
O conselleiro de Cultura e Educación presidiu hoxe a entrega dos Premios Proxecta de Innovación educativa a un total de 20 centros de ensino galegos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe o acto de entrega dos Premios Proxecta de Innovación educativa correspondentes ao curso 2016/ 17, que teñen como obxectivo consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes no Plan Proxecta. Durante a súa intervención o conselleiro salientou o poder da educación e da formación para acadar as mellores oportunidades que nos brinda o tempo no que vivimos, “a fin de convertelas en novas posibilidades de crecemento económico e social”.
Neste sentido, sinalou os Premios Proxecta como uns galardóns que contribúen a que o ensino se adapte ás expectativas futuras, dado que buscan incentivar o desenvolvemento de técnicas de innovación educativa, motivadoras, dinámicas e á vangarda. Desta forma, estes galardóns recoñecen a traxectoria colaborativa e multidisciplinar dos centros, buscando integrar dinámicas que incentiven o emprendemento e a creatividade nas aulas, a formación en valores cívicos e sociais, o pensamento crítico, a xestión da diversidade e o traballo en equipo. Así mesmo, contribúen a preparar ao alumnado “para facerse oco nunha sociedade cada vez máis tecnificada”.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu a todas as persoas que fan posible tanto o Plan Proxecta como os premios o seu esforzo diario e compromiso coa educación como ferramenta para mellorar o futuro. Así mesmo felicitou a docentes e alumnos polo traballo realizado, que serve de exemplo de boa práctica e axuda a avanzar ao conxunto da comunidade educativa.
Centros galardoados
Na categoría A, dirixida ás Escolas de Educación Infantil (EEI), aos Colexios Rurais Agrupados (CRA), aos Centros de Educación Especial (CEE), aos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e aos Centros de Educación Primaria (CEP); o primeiro premio foi para o CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), o segundo para o CEIP de Laredo (Redondela) e os terceiros para o CEIP A Rúa (Cangas) e o CEIP Illas Cíes (Vigo). Nesta mesma categoría obtiveron un accésit pola calidade dos seus traballos os CEIP de Espedregada (Pontevedra), Plurilingüe Riomaior (Vilaboa), Plurilingüe San Marcos (Abegondo), Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova), Xesús San Luís Romero (Carballo) e Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol).
Na modalidade B, destinada á participación de Centros Públicos Integrados (CPI), Institutos de Educación Secundaria (IES), Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e centros públicos de educación e promoción de adultos; o primeiro premio foi para o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), o segundo para o IES Carlos Casares (Vigo), e os terceiros para os IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e A Cachada (Boiro). Nesta categoría obtiveron accésit os IES Terra de Trasancos (Narón), Fontem Albei (A Fonsagrada) e Brión (Brión), o CIFP Coroso (Ribeira) e os CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) e Terras de Maside (Maside).
Nova concocatoria do Plan
Os Premios Proxecta van destinados aos centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta do curso correspondente, un total de 428 e preto de 91.000 alumnos no curso 2016/17.
A Consellería acaba de abrir o prazo para que os centros soliciten participar neste Plan no curso 201/18, nun total de 45 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.
Do total destes programas, 36 xa funcionaron o ano anterior. Outros cinco son moi similares pero reformulados co fin de melloralos, en concreto Aliméntate ben, Por 365 días de respecto e igualdade, Donas de si, Educación patrimonial e Formando creador@s. Así mesmo, catro son programas totalmente novos, nomeadamente Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional; Campaña Mundial pola Educación, Apuntámonos a non beber e Liga de debate forestal.