Título node Learning object

Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional
Mér, 23/08/2017 - 10:31

Ficha técnica

Proxecta

Institucións:

  • Consellería de Cultura, Educación e Universidade
  • Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela

Ámbito: promoción da cultura / ciencia e tecnoloxía / normalización lingüística / patrimonio
Definición:O programa consiste no desenvolvemento dun proxecto relacionado co fomento e a divulgación do coñecemento da cultura patrimonial a través do léxico tradicional. Os centros promoverán a elaboración dun traballo en equipo no que o alumndo terá que recoller léxico patrimonial e organizar e analizar a información obtida, que será enviada ao  Instituto da Lingua Galega para a súa introdución no Tesouro do Léxico Patrimonial Galego e Portugués. Poderán realizarse outras actividades complementarias relacionadas coa cultura patrimonial.

Vinculación cos ODS da Axenda 2030:

  • ODS 11. Cidades e comunidades sustentables

Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: ESO, bacharelato e ciclos de formación profesional
Límite de centros participantes: 12 centros

Criterios de selección:

  • Calidade do proxecto presentado

Persoas responsables:

Nomes: Rosario Álvarez Blanco, María Álvarez de la Granja, Xulio Sousa Fernández e Marta Negro Romero

Departamento: Instituto da Lingua Galega

Teléfono: 881 812 816

Correo electrónico: marta.negro@usc.es


Xustificación

O programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional naceu ao abeiro dunha das liñas de acción impulsadas polo ILG dentro de GEOARPAD, proxecto enmarcado no programa operativo EP-INTERREG V A España-Portugal (POCTEP). Este proxecto transfronteirizo ten como finalidade fundamental o coñecemento e valorización do patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal. Esta acción específica céntrase na documentación e estudo do léxico ligado á vida e cultura tradicionais.

O propósito do programa é achegar o alumnado á cultura local e tradicional, xa que pola súa idade ten, polo xeral, pouco contacto con ela e iso provoca descoñecemento. Faise mediante a colaboración na conformación dun corpus que reúna material léxico vinculado coa cultura patrimonial e obtido directamente das xeracións que o conservan. Prestaráselle especial atención ao vocabulario relacionado con aquelas actividades e saberes que se perderon ou están en proceso de desaparición debido ás profundas mudanzas económicas e sociais das últimas décadas.

Obxectivos

  • Promover o uso da lingua galega e o interese polo patrimonio material e inmaterial, fomentando a inmersión do alumnado na sociedade e a súa interacción e diálogo coa veciñanza.
  • Indagar sobre o léxico herdado de nomes e usos tradicionais, tanto materiais (alimentación, artesanía, medio natural, xoguetes, etc.) como inmateriais (toponimia, fraseoloxía, refraneiro, literatura popular, crenzas, diversións, etc.).
  • Documentar os resultados da actividade incorporando tecnoloxías da información e da comunicación vinculadas á linguaxe audiovisual e á xestión e tratamento dos datos lingüísticos e outra información; inclúese de forma opcional o relativo á gravación e difusión de entrevistas con informantes, tanto en formato vídeo como só en audio.
  • Implicar distintos departamentos didácticos, pois o alumnado poderá realizar traballos de investigación co léxico recollido relacionados co patrimonio antropolóxico, lingüístico, natural, xeográfico, histórico e artístico do contorno do centro.
  • Axudar os rapaces e rapazas a redescubrir o léxico da súa contorna grazas ás familias e aos veciños e veciñas. O seu labor é fundamental para: non só respondendo as preguntas que lles fagan sobre o propio léxico, senón tamén facendo memoria sobre usos ou crenzas non presentes no día a día da vida comunitaria.
  • Fomentar a interacción do alumnado con persoas doutras xeracións (familia ou veciñanza) na procura de información.
  • Reflexionar sobre a importancia do coñecemento e conservación do patrimonio cultural e lingüístico e contribuír á súa valorización.
  • Recoller léxico patrimonial no medio en que vive o alumnado, favorecendo o seu coñecemento, conservación e transmisión.
  • Organizar e analizar a información obtida no proceso de aprendizaxe.
  • Realizar traballos de investigación co léxico recollido para coñecer o patrimonio antropolóxico, lingüístico, natural, xeográfico, histórico e artístico do contorno do centro.
  • Divulgar os resultados do proceso de aprendizaxe entre a comunidade educativa e na súa bisbarra.

Desenvolvemento das competencias clave

  • Competencia en comunicación lingüística
  • Competencias sociais e cívicas
  • Competencia en conciencia e expresións culturais
  • Competencia matemáticas e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
  • Competencia dixital
  • Competencia en aprender a aprender
  • Competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor

Metodoloxía recomendada

A metodoloxía de traballo especifícase no material didáctico do proxecto, que se pode atopar no blog.(http://ilg.usc.gal/palega/)

Actividades

O traballo organízase en tres fases para as que se propoñen de maneira orientativa os tres trimestres sucesivos. De todos os xeitos, cómpre que, en función dos seus propios programas, os equipos de cada centro elaboren na fase inicial un plan de traballo con cronograma; na avaliación destes consideraranse posibles alteracións xustificadas desta temporización. Os eventuais axustes motivados pola situación sanitaria ou outras continxencias deberán ser acordados polas dúas partes.

Fases do traballo:

1ª Fase (1º T):

  • Formación do programa.
  • Entrega do material didáctico por parte do persoal responsable do programa.
  • Elaboración por parte dos centros dos respectivos plans de traballo e remisión dos mesmos aos responsables do programa.

2ª Fase (2º T):

  • Traballo de campo do alumnado.
  • Tratamento e análise da información recollida.

3ª Fase (3º T):

  • Entrega dos resultados por centro.
  • Incorporación dos materiais á páxina web do proxecto.
  • Divulgación dos materiais (páxinas web do centro, do proxecto, das institucións participantes, medios de comunicación, etc.)
  • Avaliación dos resultados.

Actividades obrigatorias:

  • Recolleita de léxico patrimonial (recoméndase no segundo trimestre)
  • Tratamento do material léxico recollido de acordo coas instrucións proporcionadas ao comezo de curso (recoméndase no segundo trimestre)
  • Envío aos responsables do material léxico recollido de acordo coas especificacións proporcionadas. O prazo coincide co remate do curso.

Actividades complementarias:

Ademais, os centros poderán realizar ao longo do curso outras actividades (exposicións, obradoiros, charlas, vídeos, murais, infografías, pequenos glosarios...). Estas actividades tamén serán tidas en conta na avaliación do programa.

Formación para o profesorado:

  • Xornada informativa. Ten carácter voluntario. Realizarase no 1º trimestre do curso e nela proporcionaranse as instrucións para a recolleita, tratamento e envío do léxico recollido.

  • Apoio ao profesorado. Proporcionarase asistencia por correo electrónico ou por vídeochamada e, de ser conveniente, poderase acudir ao propio centro.

Visitas guiadas. Ofrécese unha visita guiada ao Instituto da Lingua Galega da USC para coñecer os traballos relacionados coa investigación do léxico patrimonial. Debe ser acordada con anterioridade.

Actividades complementarias (nos centros de ensino). Ofrécense charlas para o alumnado e/ou obradoiros prácticos sobre o estudo do léxico patrimonial. Estas actividades deberán ser previamente acordadas segundo o calendario de traballo dispoñible.

Actividades extraescolares (visitas, saídas). Promoverase a realización de intercambios para a presentación de resultados entre os centros participantes (neste caso, os gastos do desprazamento do alumnado irán por conta do centro educativo)

Recursos

Produto final

Os centros participantes deberán facerlles chegar aos responsables o material léxico recollido, analizado e organizado de acordo coas especificacións que se indicarán ao comezo do curso. A recepción do material, e en particular das follas de cálculo cos datos sistematizados, é requisito indispensable para a avaliación do programa. O resultado dos traballos difundirase a través do blog do proxecto. Ademais, os centros poderán presentar outros resultados en forma de vídeos, infografías, gravacións, pequenos dicionarios etc., que tamén serán tidos en conta na avaliación.

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1 .Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc).

2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.

3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecto

Criterios específicos

4. Calidade dos materiais léxicos entregados (formato, información subministrada, redacción das definicións, material complementario, etc.).

5. Calidade na presentación e catalogación dos resultados (claridade, orde, facilidade de consulta posterior).

6. Actividades educativas e de difusión desenvolvidas no marco do proxecto. Valorarase, de xeito especial, a orixinalidade e calidade das actividades realizadas polo centro.

 

Selección de boas prácticas:

  • Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, IES de Ponte Caldelas (ligazón)
  • Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, IES Gregorio Fernández (ligazón)
  • Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, CPI Plurilingüe de Vedra (ligazón)
  • Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, IES Francisco Daviña Rey (ligazón)
  • Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, IES Maximino Romero de Lema (ligazón)
  • Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, IES Antón Alonso Ríos (ligazón)
  • Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, IES de Carral (ligazón)
  • Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, CIFP Manuel Antonio (ligazón)
  • Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, IES Mendiño (ligazón)

Menús Learning object node R