A Consellería de Educación distingue 20 centros educativos públicos cos Premios Proxecta
Oito deles repartíronse os primeiros, segundos e terceiros premios, mentres que os doce restantes acadaron o accésit por realizaren un traballo digno de mención
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a resolución provisional pola que se resolve a segunda edición dos Premios Proxecta de Innovación educativa, unha convocatoria que ten como obxectivo consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes no Plan Proxecta.
Na categoría A, dirixida ás EEI, aos CRA, aos CEE, aos CEIP e aos CEP; o primeiro premio foi para o CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), o segundo para o CEIP de Laredo (Redondela) e os terceiros para o CEIP A Rúa (Cangas) e o CEIP Illas Cíes (Vigo).
Nesta mesma categoría obtiveron un accésit pola calidade dos seus traballos os CEIP de Espedregada (Pontevedra), Plurilingüe Riomaior (Vilaboa), Plurilingüe San Marcos (Abegondo), Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova), Xesús San Luís Romero (Carballo) e Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol).
Na modalidade B, destinada á participación de CPI, IES, CIFP e centros públicos de educación e promoción de adultos; o primeiro premio foi para o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), o segundo para o IES Carlos Casares (Vigo), e os terceiros para os IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e A Cachada (Boiro). Nesta categoría obtiveron accésit os IES Terra de Trasancos (Narón), Fontem Albei (A Fonsagrada) e Brión (Brión), o CIFP Coroso (Ribeira) e os CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) e Terras de Maside (Maside).
Os Premios Proxecta van destinados aos centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta do curso correspondente.
Plan Proxecta
O Plan Proxecta –que no curso 2016/17 chegou a 428 centros sostidos con fondos públicos e preto de 91.000 alumnos e alumnas– crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías, integrando nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos innovadores que desenvolvan competencias clave e educación en valores.
Trátase de propiciar dinámicas que favorezan a innovación nos propios centros a través de 41 programas externos que aglutinan a maioría de entidades do Goberno galego e unha entidade do Goberno do Estado, con programas dirixidos ao ámbito educativo que buscan potenciar a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos. Os diferentes programas poden consultarse no espazo do Plan Proxecta no portal educativo, http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.