Os Clubs de Lectura consolídanse nos centros escolares como ferramenta de mellora educativa
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, entregoulle o premio da edición deste ano ao debuxante Miguelanxo Prado, no decurso dunha xornada que congregou en Santiago a docentes, alumnos e familias
Cúmprense dez anos da posta en marcha en Galicia desta iniciativa pioneira no Estado para fomentar a lectura entre os máis novos
No presente curso están funcionando un total de 244 clubs de lectura, con 11.000 persoas que comparten a súa experiencia lectora a través das diversas actividades programadas
Os Clubs de Lectura, logo de dez anos da súa posta en funcionamento, estanse a afianzar nos centros educativos como unha ferramenta de mellora das competencias e destrezas do alumnado. Coincidindo con este aniversario, celébrase hoxe no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia unha xornada de encontro entre docentes alumnos e familias con diversas actividades como performances, obradoiros (poéticos, de dobraxe, de radio, de cómic, de narración, de improvisación oral,…), graffiti e cultura urbana, encontros con autores, mesas de debate e relatorios, co fin de poñer en valor o traballo que desenvolven estes clubs para fomentar o interese pola lectura entre os máis novos.
No decurso da xornada, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, fíxolle entrega do Premio Clubs de Lectura 2017 ao ilustrador Miguelanxo Prado, que foi elixido polos propios rapaces participantes nesta iniciativa; e de quen destacou a súa importante traxectoria a prol do desenvolvemento, difusión e profesionalización da banda deseñada galega. Segundo Román Rodríguez, Miguelanxo Prado é un exemplo de cómo se pode incentivar aos rapaces na práctica da lectura a través dunha obra na que conflúen todos os valores artísticos do cómic á vez que “comunica, emociona e entretén”. Este galardón foi institucionalizado en 2015 co obxectivo de recoñecer cada ano a aqueles autores que, cos seus traballos, axudan á construción de lectores nas etapas da adolescencia, que é precisamente unha fase de risco de abandono da lectura.
Iniciativa pioneira en España
Cun total de 244 clubs de lectura funcionando neste curso 2016/17 e con grupos formados no 61 por cento dos centros , Román Rodríguez subliñou o éxito esta iniciativa pioneira en Galicia e que está servindo de guía para outras comunidades do Estado.
Segundo o conselleiro a lectura é un elemento clave na construción dunha sociedade máis avanzada e máis democrática. De aí a necesidade de ofrecer aos estudantes ferramentas axeitadas que guíen aos novos lectores -sobre todo no actual contexto tecnolóxico- e que os axuden a facer unha lectura crítica dos textos. Sen esquecer a importancia da lectura na adquisición de competencias lingüísticas e destrezas, Román Rodríguez destacou o papel que xoga en ámbitos igualmente importantes como son a socialización e a convivencia na medida en que se aprende a traballar en equipo, a debater, a escoitar e a expresarse.
Implicados máis do 60% dos centros
O conselleiro puxo en valor o traballo en equipo dos centros, dos docentes e dos alumnos participantes nos clubs de lectura xa que o realizan “fóra do horario lectivo, de forma voluntario e demostrando o seu compromiso persoal e profesional”. Tamén agradeceu a implicación das propias familias neste proxecto que é un exemplo de “boa práctica para construír comunidade educativa”, e do equipo de asesores de bibliotecas da Consellería e do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).
Neste curso 2016/17 funcionan un total de 244 clubs de lectura que se corresponden co 61% dos centros que imparten ensinanza secundaria en Galicia, a meirande parte deles formados por varios grupos de lectura en función de idades, temáticas ou intereses. Ademais, nun 26% dos grupos participantes, hai grupos específicos de adultos.
A Consellería de Educación destinou este ano un total de 210.000 euros co fin de sufragar os gastos derivados do desenvolvemento das accións que organizan os clubs, fundamentalmente á adquisición de libros empregados nas propias actividades e que logo pasan a formar parte dos fondos da biblioteca escolar.
Galicia, á cabeza do Estado nas estatísticas de bibliotecas
O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte vén de facer públicos os resultados da Estatística de Bibliotecas Escolares correspondente ao curso 2015/16, nos que se constata que Galicia sitúase á cabeza das comunidades autónomas na meirande parte dos ítems analizados.
De feito, Galicia é a comunidade do Estado con maior porcentaxe de centros públicos que utilizan a súa biblioteca para a realización de actividades relacionadas co tratamento da información e competencia dixital (case o 60%), que ofertan formación específica para os usuarios (fano sete de cada dez centros públicos), programan encontros literarios (o 75% dos centros), involucran directamente ás familias nas súas actividades, ou deseñan accións específicas de atención á diversidade, entre outras.