Convocatoria do Proxecto Escornabots na biblioteca escolar 2017- Centros PLAMBE
Xúntase a convocatoria de 17 de abril, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto do Plan LÍA de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe), do proxecto "Escornabots na biblioteca escolar", para a introdución dos robots e da linguaxe de programación nas bibliotecas escolares dos centros que matriculan alumnado de educación infantil e primaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o ano 2017.
Este programa, iniciado en 2016, pretende estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar, mediante a utilización de pequenos robots, os Escornabots, deseñados dentro dun proxecto de hardware libre, cunha evolución aberta á comunidade. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.
Poderán presentar a súa solicitude centros públicos con alumnado de ensinanza infantil e primaria integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2016/2017. Os centros que xa participaron na primeira convocatoria poderán solicitar a súa continuidade que estará vinculada á valoración da memoria de actividades no período 16-17.
- O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de abril de 2017.