A folga foi secundada por só un 11,42% do persoal dos centros educativos
A porcentaxe de persoal –docente e non docente- dos centros educativos sostidos con fondos públicos que secundou hoxe a folga foi tan só do 11,42%. Así se reflicte nos datos recompilados polo departamento educativo da Xunta de Galicia a través das xefaturas territoriais. No ensino concertado o seguimento foi do 0,39%.
A xornada lectiva desenvolveuse con normalidade nos centros de ensino, garantindo a apertura dos mesmos para aqueles membros da comunidade escolar que decidiron non secundar o paro, cun cumprimento total dos servizos mínimos.
Por provincias, os datos de seguimento nos centros públicos foron do 12,74% na Coruña, 8,5% en Lugo, 9,94 % en Pontevedra e 12,74 % en Ourense. No ensino concertado o paro foi secundado polo 0,53 % na Coruña, o 0,24 % en Lugo, o 0,23 % en Ourense e o 0,53 % en Pontevedra.
A Consellería quere chamar de novo ao entendemento e lembrar que neste momento se está a consensuar un pacto educativo a nivel nacional, unha oportunidade para dotar o país dun sistema educativo estable a longo prazo.