“O dicionario de Bioloxía constitúe unha nova peza do mosaico das linguaxes de especialidade en galego", afirmou Anxo Lorenzo

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na presentación desta obra, da que salientou a súa contribución ao desenvolvemento terminolóxico da lingua galega

Mar, 01/03/2011 - 18:00
Anxo Lorenzo na presentación do Dicionario de Bioloxía
Anxo Lorenzo na presentación do Dicionario de Bioloxía

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou hoxe na presentación do Dicionario de Bioloxía, unha obra de termos básicos en galego que abrangue toda a bioloxía e que inclúe conceptos relacionados coa antropoloxía, a bioquímica e a bioloxía molecular, a zooloxía, a botánica, a fisioloxía, a xenética, a microbioloxía, a ecoloxía, a bioloxía celular e o medio ambiente. Ademais, tamén achega as equivalencias en castelán e en inglés, así como un índice de termos en cadansúa lingua.

“Este Dicionario de Bioloxía constitúe unha peza máis dese mosaico de linguaxes de especialidade que temos en galego”, salientou Anxo Lorenzo. “Con este dicionario –engadiu– estamos contribuíndo ao desenvolvemento da terminoloxía en galego para así podermos ter calquera ámbito de coñecemento dispoñible no idioma propio de Galicia”.

Novas contribucións á intelectualización do galego

Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo tamén recordou algunhas das obras que a secretaría xeral presentou nos últimos meses e que tamén supuxeron novas contribucións á fixación e intelectualización da lingua en diversos ámbitos. É o caso do Dicionario de Pedagoxía, o Dicionario de Recursos Humanos, o Dicionario galego-latino clásico e moderno ou o Dicionario Galego das TIC (Digatic).

Difundir os recursos de linguaxes de especialidade

Outro dos aspectos nos que incidiu Anxo Lorenzo foi na importancia da difusión social da terminoloxía. “É necesario dotar os recursos e ferramentas de linguaxes de especialidade de repercusión e amplitude, difundilos entre os especialistas, pero tamén entre o público xeral, para que se coñeza que en todas as áreas do saber se dispón de terminoloxía en galego”, afirmou o secretario xeral.

Na presentación, que tivo lugar esta mañá na Facultade de Bioloxía de Santiago de Compostela, tamén participaron o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da Universidade de Santiago de Compostela (USC), F. Javier Garbayo; a decana da Facultade de Bioloxía, María Luz González; o coordinador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e director do servizo galego de terminoloxía, Termigal, Manuel González González;
o catedrático da Facultade de Bioloxía Jaime Gómez e un dos redactores da obra, o alumno da Facultade de Bioloxía David Villar.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Facultade de Bioloxía da USC impulsaron a realización desta obra, que inclúe, ademais, as equivalencias dos termos en castelán e inglés. O dicionario foi coordinado por Jaime Gómez, Ana María Viñas e Manuel González, e redactado por David Villar e Luís Vale, alumnos da Facultade de Bioloxía da USC.

O labor do Termigal

A supervisión e revisión lingüística do dicionario foi realizada polo Termigal, o servizo de terminoloxía do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades –proxecto en que colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Real Academia Galega–, que ten como fin recoller e someter a estudo propostas denominativas sobre termos.

Menús News node R

Colectivo