Valentín García asiste á primeira sesión do programa de dinamización lingüística 'O galego é un mundo'
Trátase dunha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística destinada a promover a valoración da diversidade idiomática e a erradicar os prexuízos existentes arredor do galego
Un relatorio participativo do sociolingüista bengalí Anik Nandi abriu no IES San Clemente de Santiago a rolda de conferencias baseadas na comparación entre as realidades sociolingüísticas de Galicia e da India que este programa levará a 12 centros galegos de educación secundaria
O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe no IES San Clemente na primeira das doce conferencias interactivas que integran o programa de dinamización lingüística “O galego é un mundo”, destinado a promover entre alumnado de educación secundaria a valoración da diversidade lingüística e a erradicar algúns dos prexuízos existentes arredor do galego.
Valentín García Gómez abriu a sesión presentándolle ao alumnado do instituto compostelán tanto a iniciativa “O galego é un mundo” como o conferenciante bengalí Anik Nandi, que tomou a palabra a continuación para mover o público asistente á reflexión a partir da comparación entre as realidades sociolingüísticas de Galicia e da súa India natal.
O secretario xeral reflexionou na súa intervención sobre o feito de que “ás veces nos parece estraño e anormal termos dúas linguas; ás veces pensamos que a deriva natural da nosa situación lingüística é a de renunciarmos a unha delas e quedarmos coa outra”. Mais concluíu que “unha mirada fóra das nosas fronteiras permítenos constatar que o bilingüismo e mesmo o multilingüismo son o máis habitual”, polo que “nin temos nin debemos renunciar ao idioma propio de Galicia, senón aproveitar as vantaxes que nos proporciona”.
García Gómez estivo acompañado por Sabela Gil Gil, coordinadora central dos equipos de dinamización da lingua galega; por María del Carmen Viñas Álvarez, directora do IES San Clemente, e por Marcos Vence Ruibal, coordinador do equipo de dinamización da lingua galega do centro.
A conferencia de Anik Nandi, á que asistiron hoxe 70 alumnos e alumnas de formación profesional do IES San Clemente, será difundida en vídeo a través da web do centro para que poida ter acceso a ela o alumnado que cursa os seus estudos a distancia e, en xeral, os case 3.000 estudantes con que conta o instituto.
Relatorios en doce centros de educación secundaria
O programa “O galego é un mundo”, que leva adiante por primeira vez este curso a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega de 12 centros educativos de ensino secundario, articúlase nunha serie de relatorios interactivos que chegarán, ademais de ao compostelán IES San Clemente, ao IES Félix Muriel (Rianxo), IES Carral, IES Manuel Murguía (Arteixo), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), IES Carlos Casares (Vigo), IES Chano Piñeiro (Forcarei), IES Taboada Chivite (Verín), IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), CPI Plurilingüe Navia de Suarna e IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.