Un milleiro de docentes participan nas VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia
O encontro anual foi inaugurado esta tarde polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que agradeceu aos asistentes a súa implicación en prol da mellora do ensino
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou esta tarde as VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, a cita anual do profesorado interesado polas bibliotecas escolares, a lectura e as competencias en medios e información (ALFIN/AMI). Arredor dun milleiro de docentes participan nesta xuntanza, na que se intercambian experiencias e boas prácticas neste eido, perseguindo obxectivos finais comúns como o fomento do hábito lector entre os máis novos, o uso da biblioteca como fonte de información para o ámbito académico e persoal ou a promoción da alfabetización dixital.
Durante a súa intervención o conselleiro agradeceu a implicación dos participantes en prol da mellora das bibliotecas escolares en particular e do ensino galego en xeral, “esforzo e compromiso que –dixo- dá sentido ao esforzo en investimento que facemos desde o goberno”.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a importancia das bibliotecas dos centros como un factor de compensación das desigualdades sociais, educativas e de acceso á información, un espazo no que os distintos membros da comunidade educativa conviven e constrúen a sociedade lectora. Deste xeito, unha biblioteca escolar activa é un indicativo da calidade do ensino que ofrece un centro educativo e impulsora de novas metodoloxías de aprendizaxe, como os traballos por proxectos. Así mesmo, resaltou que nestes espazos se traballa coa información e os medios de comunicación, en materias de libre configuración como a que a Consellería vén de implantar para 1º e 2º de ESO, “Investigación e tratamento da información”, que conta este curso con máis de 4.700 alumnos matriculados.
Segunda fase do Plan Lía
No marco da súa intervención o conselleiro lembrou tamén que a Consellería vén desenvolvendo diversas actuacións para apoiar a actualización das bibliotecas dos centros galegos. Entre elas, este curso 2016/17 o Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) chegará a un total de 615 centros. A Consellería, ao abeiro deste plan, financia con máis de 1,2 millóns de euros a adquisición de novos fondos documentais, a dotación de mobiliario e equipamento e gastos de funcionamento destes espazos.
O PLAMBE enmárcase no Plan LÍA de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe (actualmente estase desenvolvendo a segunda fase deste plan), e ten como obxectivo poñer en valor a importancia da biblioteca escolar dentro dos centros de ensino. ”Estamos a piques de presentar a segunda fase deste Plan Lía – explicou o conselleiro- , con novos retos e propostas de actuación”, sinalando como os seus dous piares básicos seguirán o PLAMBE e as distintas accións integradas en Hora de Ler, como os clubs de lectura.
Os retos do ensino
As VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia desenvolveranse ao longo destes 18 e 19 de novembro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, e nelas afondarase no papel transformador da biblioteca para acadar un ensino que responda aos retos que lle presenta o século XXI.Así, ademais da difusión de experiencias de interese en materias como a promoción da lectura, o desenvolvemento do currículo ligado aos recursos bibliotecarios, a integración das novas tecnoloxías ou o traballo coa información, abordarase a importancia da biblioteca para afondar na metodoloxía didáctica do traballo por proxectos.
Así mesmo, presentaranse iniciativas nas que a biblioteca funciona como recurso idóneo para a promoción da interculturalidade, así como como espazo para a construción dunha escola inclusiva. Por outra banda, tratarase a participación das familias nas bibliotecas a través de iniciativas como as ‘Mochilas viaxeiras’, as actividades de lectura compartida ou os clubs de lectura.
Como novidade, haberá unha sesión para comunicacións moi breves titulada "A fume de carozo" no que se poderán coñecer un máximo de 10 actividades de interese procedentes de 10 centros educativos diferentes.
Ademais de por docentes de centros educativos galegos, os temas serán abordados por expertos nos seus ámbitos como Andrea Giráldez, Xosé Tomás, Silvia González Goñi, Mónica Muñoz Sobrino e Asunción Carballo, Glória Durban, Maria Conceição Tomé, Carlos C. Scolari e Fran Alonso.