Título node Learning object
"Educar para a cultura da sustentabilidade, do coidado e da cooperación"
Ficha técnica
Institución:
- Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
- Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Ámbito: medio ambiente / igualdade / desenvolvemento
Definición: proxecto de intervención socioeducativa centrada no coñecemento, análise e actuación práctica, desde unha perspectiva cooperativa e de xénero, sobre as problemáticas socioambientais locais e a súa relación co contexto global, coa finalidade de xerar alternativas concretas de actuación entre o alumnado e o profesorado para a construción dunha cultura máis sostible.
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: ESO e bacharelato
Límite de centros participantes: 2
Criterios de selección:
- Proximidade xeográfica entre os centros participantes
- Constitución dun grupo de traballo de igualdade no centro participante
- Priorizaranse os proxectos onde o profesorado imparta docencia co alumnado participante
Persoa responsable:
Nome: Lucía López Salorio
Departamento: Fundación InteRed en Galicia
Teléfono: 981 587 966
Correo electrónico: galicia@Intered.org
Xustificación
Durante as últimas décadas, e en especial durante os últimos anos, en Galicia e no mundo, estamos a vivir procesos acelerados de degradación dos espazos de convivencia, unha desconsideración e crise dos coidados como punto central da vida mesma, o desenvolvemento dun sentido individualista e consumista, e a carencia, cada vez máis significativa, de principios para organizar a vida dun xeito solidario, equitativo, empático e sustentable.
Nesta liña, desde “+COMUNIDADE” facemos unha lectura da problemática ambiental, as relacións humanas e a convivencia que estamos a vivir na actual sociedade. Se ben outros programas educativos traballan a sustentabilidade ambiental e a equidade de xénero de forma illada, este programa une ambos aspectos coa finalidade de poñer a vida (e os aspectos que xeran e coidan a vida) no centro e mellorar a calidade da mesma desde unha perspectiva comunitaria. A proposta require afrontar a responsabilidade propia no medio e a posibilidade individual e colectiva de incidir no cambio.
A importancia educativa e social do programa “+COMUNIDADE” xustifícase pola súa concentración en factores: pedagóxicos (formar e informar para concienciar e sensibilizar); éticos (educar en valores); de transformación persoal e comunitario (desenvolver a conciencia de responsabilidade, interdependencia e cooperación). É, en definitiva, unha oportunidade para dotarse de ferramentas e estratexias para incidir na contorna próxima e promover prácticas sociais e comunitarias que rebasen os límites do centro educativo e contribúan significativamente a unha transformación local cara unha cultura da sustentabilidade, do coidado e da cooperación, que en última instancia redunde directamente sobre o benestar persoal e social da propia comunidade.
Encádrase na campaña de InteRed a nivel Estatal denominada “A Revolución dos Coidados”, que pretende poñer a vida no centro dende unha perspectiva ecolóxica e de xénero, así como tamén se vincula aos resultados da investigación “Cultura da Sustentabilidade e cooperación ao desenvolvemento: realidades e perspectivas educativas en Galicia e República Dominicana” (2014-2015) realizada polo Grupo SEPA da Universidade de Santiago de Compostela e na que se abordaron os coñecementos, as prácticas e os compromisos asumidos polo alumnado e profesorado de centros educativos en Galicia e República Dominicana en torno aos factores que configuran a cultura da sustentabilidade ambiental e social.
Obxectivo xeral
Proporcionar ao profesorado de secundaria estratexias e prácticas para o deseño e posta en marcha de proxectos participativos e contextualizados que promovan a cultura da sustentabilidade, o coidado e a cooperación das persoas e a natureza na contorna dos centros.
Os obxectivos do programa son os seguintes:
- Cultivar o valor da cooperación e da interdependencia como principios e fundamento para a construción dunha cultura da sustentabilidade.
- Visibilizar e poñer en valor as tarefas de coidados, fomentando o seu desenvolvemento coas persoas e contorno próximo para mellorar a vida
- Promover o exercicio da responsabilidade en relación ao coidado das persoas e da natureza a nivel local e global.
- Desenvolver coñecementos sobre os problemas socioambientais do entorno local e global
- Xerar competencias e capacidades para facer fronte aos problemas socioambientais de carácter local e global.
- Incidir na transformación da Comunidade Educativa a través dun proxecto innovador de aprendizaxe servizo que aborde as cuestións socioambientais e de coidados.
Palabras clave
Aprendizaxe e Servizo. Cooperación. Igualdade. Medio ambiente. Sustentabilidade.
Obxectivos específicos
PARA O ALUMNADO
- Explorar o nivel de coñecemento dos estudantes sobre as problemáticas sociais e ambientais do seu contorno próximo.
- Diagnosticar as problemáticas e necesidades da súa comunidade en materia de xénero e coidados.
- Identificar as tarefas e ocupacións invisibles ou non valoradas, que serven para sustentar a vida, no seu contorno próximo.
- Xerar competencias educativas para facer fronte aos problemas socioambientais.
- Analizar os problemas socioambientais locais e a súa incidencia no entorno global, para propoñer alternativas dende o local.
- Desenvolver accións de mellora para solucionar os problemas socioambientais identificados na súa contorna próxima.
PARA O PROFESORADO
- Facilitar coñecementos ao profesorado en relación a cultura da sustentabilidade, o coidado e a cooperación.
- Achegar estratexias e recursos pedagóxicos e didácticos para comprender e transformar, de forma crítica, estilos de vida incoherentes con alternativas de sustentabilidade.
- Desenvolver instrumentos e dinámicas de identificación de problemáticas socioambientais locais e analizar a súa incidencia no ámbito global.
- Formar ao profesorado sobre a metodoloxía educativa da aprendizaxe-servizo.
- Xerar procedementos metodolóxicos para o acompañamento das accións e tarefas que se promovan desde o centro no ámbito dos coidados e da cultura da sustentabilidade.
- Facilitar estratexias de aprendizaxe cooperativas e en comunidade, a través da creación colectiva do coñecemento e a circulación de saberes entre os centros participantes.
PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA
- Promover e involucrar, en xeral, aos membros da comunidade local na construción dunha cultura da sustentabilidade, o coidado e a cooperación.
- Implicar á comunidade local na xeración e desenvolvemento de proxectos de innovación promovidos desde o centro educativo.
Metodoloxía recomendada
A metodoloxía de traballo do programa está baseada no Aprendizaxe-Servizo. Os proxectos de Aprendizaxe Servizo (ApS) son propostas educativas que integran o servizo á comunidade na aprendizaxe de contidos, competencias, habilidades e valores, de xeito que se funda o obxectivo pedagóxico co solidario. Esta experiencia educativa sirve para favorecer a cohesión social a partires da interrelación entre mozos/as dos centros involucrados e outros colectivos sociais presentes na contorna local.
Temporización
A temporización abarca todo o curso escolar.
As etapas recomendadas para o desenvolvemento de cada proxecto nos centros participantes serán:
- 1ª etapa: Presentación do proxecto
-
Presentación do programa nos centros educativos participantes identificando elementos que permitan matizar un desenvolvemento máis contextualizado.
-
- 2ª etapa: Formación do profesorado
- Participación e asistencia do profesorado na formación. Realizaranse dous períodos formativos, un na fase inicial (novembro-decembro) e outro na fase intermedia (marzo).
-
A formación será impartida preferentemente na modalidade de xornada, a primeira organizada para traballar contidos de reflexión e fundamentación teórica, a segunda para abordar técnicas práctica de intervención educativa no eido da cultura da sustentabilidade e o aprendizaxe servizo.
Os proxectos desenvolvidos polo persoal docente nos seus respectivos centros serán acompañados a través de titorías.
- 3ª etapa: Actuación educativa co alumnado
- Diagnosticar o coñecementos dos estudantes sobre as problemáticas sociais e ambientais do seu entorno próximo a través da aplicación dun instrumento metodolóxico (iconográfico).
- Formación do alumnado na análise crítica dos problemas socioambientais locais e a súa incidencia no entorno global, na liña de xerar competencias educativas para propor alternativas.
- Observación do medio onde vive o alumnado e planificación de accións prácticas de intervención educativa no centro e a comunidade.
- Desenvolver unha proposta de mellora enmarcada na metodoloxía do aprendizaxe servizo.
- 4ª etapa: Presentación de produtos
- Sistematización e presentación dos resultados dos proxectos desenvolvidos co alumnado no centro e na comunidade local.
- Transferencia das experiencias, coñecemento e produtos da intervención educativa entre os diversos centros participantes.
- 5ª etapa: avaliación do programa
- Presentación por parte dos centros das memorias finais do traballo desenvolvido.
- Avaliación dos resultados no marco da equipa da SEPA-InteRed.
Actividades e recursos
Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:
- Formación do profesorado: Realizaranse dous períodos de formación semipresencial á equipa docente participante, a primeira en torno a fundamentos teóricos sobre Cultura da sustentabilidade, prácticas educativas comunitarias e a ética do coidado. A segunda formación xirará en torno a metodoloxías e propostas prácticas que poidan orientar os proxectos en desenvolvemento. Ambas formacións serán certificadas.
- Apoio ao profesorado: telefónico ou presencial para favorecer a sensibilización e información inicial ao profesorado cando se precise, para inicio de traballo na aula.
-
Actividades complementarias (no centro): Realizaranse mostras dos produtos no último trimestre.
- Material didáctico:
- Achegarase material didáctico teórico en formato papel e electrónico que será entregada nas sesións de formación semipresencial.
- Achegarase ferramentas metodolóxicas de axuda para desenvolver o programa co alumnado.
- Webs de referencia:
- Web principal: www.Intered.org
- Blog do programa onde se compartirán contidos e se traballará en rede: http://sostenibilidadycoo.wix.com/educar
- Movemento pola educación transformadora e a Cidadanía Global: http://www.educaciontransformadoraglobal.org/
- Bibliografía de referencia:
- De Blas, A (2014): A Revolución dos Coidados. Tácticas e Estratexias. InteRed. Madrid.
- Herrero, Y (2013): Miradas Ecofeministas para transitar a un mundo justo y sostenible. Revista de Economía Crítica, nº16, segundo semestre 2013.
- Pérez, A (2006): Amenaza Tormenta: La Crisis de los cuidados y la reorganización del sistema económico. Revista de Economía Crítica, nº 5. Marzo 2006, pp 7-37.
- Rubio, L (2008): Aprendizaje y Servicio Solidario. Guías Zerbikas. Bilbao.
- Vargas, G; Barba, M (2015): Cultura da Sostibilidade e Cooperación ao Desenvolvemento en Centros Educativos de Galicia e República Dominicana. AmbientalMENTE Sustentable, xullo-decembro 2015, ano X, Vol II, Núm 20.
- Vargas, G (2015): Fomentar una Alianza Mundial para el Desarrollo: Una perspectiva educativa y social. Educació Social. Revista d´Intervenció Socioeducativa, 61, p. 74-93.
Produto final
Os centros poderán elaborar microcurtametraxes sobre a temática seleccionada por cada centro, así como se valorarán outras alternativas dependendo da creatividade dos estudantes e das posibilidades de cada centro.
As temáticas seleccionadas por cada centro terán relación coas problemáticas socioambientais, de coidados e da vida en comunidade, abordando de forma transversal as cuestións de xénero e da sustentabilidade.
Elaborarase un breve informe analítico sobre o proceso de elaboración do produto, centrando a atención nos aprendizaxes, valores e competencias acadadas
Criterios específicos para a avaliación das memorias finais
Ao final do curso escolar, as persoas responsables do programa valorarán a idoneidade dos proxectos desenvolvidos en función dos seguintes criterios específicos:
- 4. valoración do seguimento do programa no centro (se o houber).
- 5. incidencia do programa na comunidade.
- 6. Valoración da implicación do alumnado no proxecto.