O conselleiro de Cultura e Educación sinala o programa 'Nos tamén creamos!' como un exemplo “de que os galegos podemos traballar unidos pola nosa lingua”
Román Rodríguez participou hoxe na entrega da quinta edición dos premios a curtas de animación en galego deste certame
O conselleiro quixo recordar o 33º aniversario da aprobación da Lei de normalización lingüística no Parlamento de Galicia, "a lei que recoñeceu o galego como a nosa lingua propia"
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega dos premios da quinta edición do certame ‘Nós tamén creamos!’, impulsado polo seu departamento para galardoar curtas de animación en galego elaboradas por alumnado de infantil e de primaria coa técnica stop-motion. As curtas son adaptacións de textos literarios; en concreto, de álbums ilustrados de OQOeditora. Durante a súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta quixo salientar que este certame cumprira nas súas cinco edicións co obxectivo de que varias entidades colaborasen para a promoción da lingua galega, nomeadamente a CRTVG e OQOeditora. “Un feito distintivo e importante, porque aos galegos cómprenos traballar unidos pola nosa lingua e ‘Nós tamén creamos!’ é un exemplo de que se pode”, sinalou.
Neste sentido, Román Rodríguez engadiu, dirixíndose ao alumnado, que este concurso lles permite ser conscientes de que “na lingua propia de Galicia podedes facer de todo ler contos, traballar cun ordenador ou facer cine”. Deste xeito, animounos “a seguir facendo na vosa vida diaria, fóra das aulas, o mesmo que durante a creación da vosa curta, a usar o galego en diferentes contextos e situacións. Porque o galego é, sempre, unha lingua útil, fermosa e axeitada para canalizar a vosa creatividade”.
Así mesmo, o conselleiro recordou a celebración hoxe dos 33º anos da aprobación da Lei de normalización lingüística polo Parlamento de Galicia, a lei que recoñeceu o galego como a nosa lingua propia, garantiu a igualdade xurídica do galego co castelán e serviu de punto de partida para a recuperación do prestixio e de usos sociais da lingua galega que se produciu na democracia. “Que sirva, pois, tamén este acto e o recoñecemento ao voso esforzo e bo facer como homenaxe a estes homes e mulleres que traballaron por Galicia e pola súa lingua, a través da redacción da Lei de normalización lingüística”, rematou.
Curtas premiadas e mencións especiais
O certame ‘Nós tamén creamos’ forma parte do programa de dinamización lingüística desenvolto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa- en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia e con OQOeditora. Entre os seus obxectivos ten os de promover unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lles ofrece á cativada o web da Televisión de Galicia.
Nesta quinta edición, na etapa de educación infantil, foi elixida como mellor a curta ‘Canto ruído!’ do CPI de San Vicente, da Baña (A Coruña), un relato que incide na importancia de respectar as horas de sono dos máis pequenos, o que repercute no seu benestar e crecemento físico e emocional, e que lle concede un papel relevante ao sentido do oído para ir coñecendo cada día un pouco máis o mundo que nos rodea. Na adaptación cinematográfica isto resáltase co uso de chinchetas de cores vivas para representar as orellas dos personaxes.
O premio para a modalidade de 1º e 2º de primaria foi para ‘A figueira de Pelostortos’ do CEIP do Camiño Inglés, Oroso (A Coruña), adaptación dun álbum ilustrado que recolle un conto popular español que combina as figuras planas con outras de plastilina en tres dimensións. No caso da modalidade de 3º e 4º de primaria foi para ‘A figueira de Pelostortos’ do CEIP de Ponzos, Ferrol (A Coruña), unha curta diferente sobre o mesmo conto, que emprega tamén a plastilina para crear decorado e personaxes.
As mencións especiais outorgadas polo xurado foron para ‘O mago rosa’, do CEIP Plurilingüe Otero Novas de Cortegada (Ourense), na modalidade de 1º e 2º de primaria, pola mención pola composición estética e a ambientación; para ‘A princesa que bocexaba a todas horas’, do CEIP de Cervo (Lugo), en educación infantil, pola calidade estética; e para ‘A máscara do león’, do CEIP Plurilingüe A Pedra, de Bueu (Pontevedra), pola composición da banda sonora.
Dinamización lingüística no ensino
O concurso ‘Nós tamén creamos!’ enmárcase nun programa de dinamización lingüística que leva o mesmo nome, iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Con ela colaboran a CRTVG e OQOeditora para formar e asesorar a profesorado dos centros educativos participantes co fin de que estes realicen con alumnado de 3 a 9 anos curtas de animación en galego baseadas en contos fornecidos pola citada editorial.
Os obxectivos de ‘Nós tamén creamos!’ son promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega mediante a súa ligazón con actividades relacionadas coa cultura actual (audiovisual, TIC...), favorecer a aprendizaxe e o uso da lingua propia de Galicia en novos ámbitos e formatos e mais dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lles ofrece aos cativos a sección infantil do web da TVG.
Paralelamente, ‘Nós tamén creamos!’ fomenta a lectura en lingua galega, a creatividade e a formación estética, así como o coñecemento da linguaxe audiovisual e das ferramentas TIC. Todo isto convérteo nun programa moi completo, promotor do traballo por proxectos e da innovación educativa.