A oferta para o curso 2016/2017 incrementa nun 45% as prazas en FP Dual, ao tempo que se simplifican os trámites de acceso a todos os ciclos formativos

O portal educativo publica hoxe a oferta da FP para o próximo ano académico, a través da que se pon a disposición un total de 29.337 prazas de primeiro curso en centros públicos

Ven, 10/06/2016 - 13:23

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer a disposición da cidadanía no portal educativo http://www.edu.xunta.gal/fp/  o borrador das ordes de oferta de ciclos formativos para o curso 2016/2017, a través do que se ofrecen 29.337 prazas en primeiro curso en centros públicos (un incremento de aproximadamente o 2,5%), en 1.164 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 21.353 forman parte do réxime ordinario – 8.785 en grao medio, 8.944 en grao superior e 3.624 en FP Básica-, mentres que outras 4.590 son do réxime modular para persoas adultas – 2.350 en grao medio e 2.240 en grao superior-, 2.250 do réxime modular a distancia – 850 en grao medio e 1.400 en grao superior-,  544 en FP Dual – 219 en grao medio e 325 en grao superior-, e outras 600 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa.

Esta oferta avanza na implantación dos ciclos adaptados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e ás necesidades do sistema produtivo galego, ao tempo que se axusta á demanda analizada de anos anteriores e á do mercado laboral, unha das claves para a empregabilidade dos titulados na FP galega. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería mantén un contacto constante co tecido socio-produtivo de cada comarca para dar resposta á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior facilidade para que o alumnado da FP galega acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos.

Aposta pola FP Dual

A oferta incorpora as súas principais novidades na FP Dual, que incrementa en case un 45% as súas prazas. Deste xeito no curso 2016/2017 arrincarán 16 ciclos de FP Dual, 8 deles completamente novos , mentres que o restante son reedicións dos convenios asinados con empresas en anos anteriores, e que decidiron repetir a experiencia ao considerala positiva.

Deste xeito, serán novas as iniciativas de FP Dual no ciclo de grao superior en Dirección de cociña no coruñés CIFP Paseo das Pontes (con Arlea Hotels); no de grao superior en Sistemas electrotécnicos e automatizados, no IES Urbano Lugrís da Coruña (con Gas Natural Fenosa); no de grao superior de Elaboración de produtos alimentarios, no CIFP Coroso (con SALICA); no de grao superior en Sistemas electrotécnicos e automatizados, no CIFP Politécnico de Santiago (con Arlea Hotels); nos de grao superior en Administración e finanzas e en Axencias de viaxes e xestión de eventos, no IES Val do Asma de Chantada (co grupo Hotussa); e nos de grao superior en Dirección de servizos de restauración, no CIFP Manuel Antonio de Vigo (con Arlea), e en Fabricación de produtos farmacéuticos, biotecnolóxicos e afíns, no mesmo centro vigués (con Lonza Biologics Porriño e CZ Veterinaria).

No referido ás reedicións, comezarán no vindeiro curso novas promocións do ciclo de grao superior en Xestión de aloxamentos turísticos, no CIFP Compostela (con Arlea Hotels); do de grao medio en Carrozaría, no IES Universidade Laboral de Ourense (con UNVI); dos de grao superior en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración, no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra (con Arlea Hotels); do de grao medio en Xestión de vendas e espazos comerciais, no IES a Guía de Vigo (con Media Markt); do de grao medio en Mantemento electromecánico, no IES Politécnico de Vigo (con Benteler); do de grao superior en Administración e Finanzas, no IES Ricardo Mella (con Bosch Security Systems); e do de grao superior en Dirección de Servizos de Restauración, no CIFP Paseo das Pontes da Coruña (con Paradores).

Alumnado con necesidades especiais

No referido aos programas formativos básicos dirixidos a persoas con necesidades específicas de atención educativa, este ano ofértanse 29 grupos. Como novidades destaca a implantación dos novos PFB de Limpeza de Edificios (no IES Catabois de Ferrol) e do PFB de Actividades domésticas (no CEE Nosa señora do Rosario da Coruña).

Por outra parte, nos centros de Ferrolterra onde se viña impartindo formación profesional básica, ao abeiro dun acordo coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, pasarase no vindeiro curso a impartir programas formativos de formación profesional básica, correspondentes aos ciclos que se ofertaban. Deste xeito, comezarán a impartirse os PFB de Servizos de restauración e de Comercio no IES Canido, o de Almacén no IES Fernando Esquío (Neda), e o de Actividades auxiliares na industria alimentaria no IES Ferrol Vello.

Así mesmo, serán novos para o centro o PFB de Servizos de restauración no CEE María Mariño (A Coruña) e no CEE Príncipe Felipe (Pontevedra), e PFB de Reprografía no CEE Príncipe Felipe (Pontevedra).

FP Básica e novos ciclos

No caso da FP Básica, implantada no curso 2015/2016, amplíase e diversifícase a oferta, que chega aos 181 ciclos. Neste sentido cómpre salientar a implantación do novo ciclo de Mantemento de embarcacións deportivas e de recreo no CIFP Coroso (Ribeira).

No que atinxe aos ciclos de grao medio e superior tamén se implanta unha nova titulación, concretamente o de grao superior en Mantemento aeronáutico no CIFP As Mercedes (Lugo). Así mesmo actualizarase a oferta do anterior ciclo de grao superior en Realización e plans de obra que, coa súa actualización ao establecido na LOE e no Catálogo de Cualificacións Profesionais, pasa a denominarse Organización e control de obras de construción, que se impartirá no CIFP Someso (A Coruña) e no IES Politécnico de Vigo.

Así mesmo son novos na modalidade a distancia o ciclo medio en Preimpresión dixital (que se oferta no IES Leixa de Ferrol) e o ciclo de grao superior en Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos (que se impartirá no CIFP As Mercedes de Lugo).

Novidades na admisión

Así mesmo, a Consellería fixo públicos hoxe no portal web o proxecto de orde que establece os novos criterios de admisión, axustados á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), e os cambios no proceso de admisión cos que se simplifica a tramitación. Entre as novidades cómpre salientar que os titulados de FP de grao medio terán acceso directo (sen realizar proba de acceso e sen teren o título de Bacharelato) aos ciclos de grao superior a través dun cupo específico (segundo se indica na seguinte táboa), dando prioridade aos que soliciten cursar ensinanzas da mesma familia profesional. Así mesmo créase un cupo específico de acceso para o alumnado procedente da FP Básica que terá acceso directo aos ciclos de grao medio.

Os cupos de acceso para cada caso son os reflectidos nas seguintes táboas:

Réxime ordinario, grao medio:

Grupo A

Título da ESO

Grupo B

Titulo de FP básica

Grupo C

Proba de acceso e outros

Ata o 70%

20%

10 %

Cota do 10 % para persoas con discapacidade

Cota do 5 % a maiores para deportistas de alto rendemento

 

Réxime ordinario, grao superior

Grupo A

Título de bacharelato

Grupo B

Titulo de grao medio

Grupo C

Proba de acceso e outros

Ata o 70%

20%

10 %

Cota do 10 % para persoas con discapacidade

Cota do 5 % a maiores para deportistas de alto rendemento

 

Réxime para as persoas adultas

Cota xeral 90%

Cota do 10 % para persoas con discapacidade

Cota do 5 % a maiores para deportistas de alto rendemento

 

No que atinxe ao calendario, o prazo de presentación de solicitudes do período ordinario será este ano do 27 de xuño ao 5 de xullo; mentres que o do extraordinario será do 5 ao 8 de setembro. O calendario poderase consultar en http://www.edu.xunta.gal/fp/  .

Por outra banda, simplifícanse os trámites de inscrición e matrícula, de tal forma que os interesados poderán inicialos a través dun asistente web, podendo despois completar os trámites no centro se fora necesario. Ademais, se a Administración educativa dispón xa da documentación requirida, non será necesario volver a presentala, así todas as persoas que xa teñan incluídos os seus datos no sistema educativo galego non universitario xa non terán que achegar ningunha documentación.