Plans de formación permanente do profesorado que se van implantar en centros educativos públicos dependentes desta consellería no curso 2016/2017

Mér, 01/06/2016 - 08:46

Xúntase a Resolución do 19 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a selección de plans de formación permanente do profesorado que se van implantar en centros educativos públicos dependentes desta consellería no curso 2016/17 (código ED535A).

  • O prazo de preinscrición finaliza o 20 de xuño.
  • O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de xullo.

Que son?

Plans específicos de formación permanente que, partindo dunha avaliación das necesidades do centro, permitan deseñar accións formativas destinadas á actualización e o perfeccionamento das competencias profesionais do profesorado, para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares do alumnado.
 
Destinatarios
 
Centros educativos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Cada centro pode solicitar un único plan. Varios centros con necesidades comúns e proximidade xeográfica poderán presentar un plan conxunto.

Características

  • 1. Os plans estarán integrados por unha ou máis liñas de traballo. Como principio xeral, potenciaranse a actualización e mellora das competencias profesionais docentes asociadas a cada liña.
  • 2. Cada liña desenvolverase a través dun ou máis itinerarios formativos dependendo dos diferentes niveis de competencia profesional que se pretenda acadar ou de outras circunstancias que así o xustifiquen.
  • 3. Cada itinerario formativo constará, como norma xeral, de dúas ou tres actividades formativas (curso, grupo de traballo, seminario). No caso excepcional de contar cunha soa actividade esta ten que ser grupo de traballo ou seminario.
  • 4. As actividades de cada itinerario formativo estarán secuenciadas para que, partindo da situación inicial determinada polo centro, sexa posible alcanzar os obxectivos finais previstos. As ditas actividades deberán estar integradas nun proceso que inclúa a análise e elaboración de propostas didácticas, así como a súa aplicación á aula ou ao centro, e a reflexión e avaliación dos resultados.
  • 5. Os plans presentados terán unha planificación mínima de dous cursos escolares e máxima de catro.

Liñas de actuación
 

A liña de traballo prioritaria dos plans de formación, de acordo coas directrices da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, será a seguinte:
  • a) Programación, avaliación e metodoloxías que favorecen a adquisición das competencias clave segundo os novos currículos.
  • Ademais, os plans de formación poderán tratar unha das seguintes liñas:
  • b) Planificación estratéxica das linguas no centro.
  • c) Integración didáctica das TIC. Traballo colaborativo en rede a través de espazos virtuais. Educación dixital.
  • d) Atención á diversidade e cambios metodolóxicos asociados.
  • e) Convivencia escolar e clima da aula. Relacións coas familias.
  • f) Actualización científica e didáctica do profesorado.
  • g) Mellora da xestión dos centros (con especial atención á xestión directiva) e dos procesos de calidade.
  • h) Programas europeos e internacionais: accións e plans de promoción e desenvolvemento.
  • i) Biblioteca escolar, alfabetizacións múltiples e aprendizaxe por proxectos.

Requisitos dos plans

  • 1. Os plans deberán ser presentados ao claustro e ao consello escolar e incluiranse na programación xeral anual do centro.
  • 2. Contarán coa participación mínima do 40% do claustro, salvo casos excepcionais que, a xuízo da Comisión de Selección, resulten debidamente xustificados.
  • 3. Cada centro só poderá participar nun único plan.
  • 4. Varios centros con necesidades comúns e proximidade xeográfica poderán participar presentando un mesmo plan conxunto. Neste caso, un dos centros actuará como representante e centro de referencia a efectos administrativos, e rexerán os mesmos requisitos que para os plans únicos de centro en canto á aprobación, e o plan executarase como unidade de acción.
  • 5. Todo o profesorado que preste servizos nun centro seleccionado nesta convocatoria poderá participar no seu plan de formación. Cada participante integrarase, como mínimo, nunha das liñas de traballo seleccionadas e, polo menos, nunha das súas actividades formativas. No caso de integrarse nunha única actividade, esta deberá ser un grupo de traballo ou un seminario.
  • 6. De serlle concedido o plan a un centro, este non poderá, con carácter xeral, ser centro sede doutras actividades de formación en centros, recollidas na convocatoria xeral, durante o período que dure este, ou daquelas cuxa compatibilidade determine a consellería. Isto non exclúe a participación do profesorado como membros doutras actividades cando a sede sexa outro centro.

Máis información

cafi@edu.xunta.escfr.coruna@edu.xunta.escfr.lugo@edu.xunta.escfr.ourense@edu.xunta.es
cfr.pontevedra@edu.xunta.es,cfr.ferrol@edu.xunta.escfr.vigo@edu.xunta.es.