O xurado dos Premios da Cultura Galega 2013 outorga oito galardóns á excelencia creativa e á difusión cultural
Nesta edición resultaron distinguidos Luz Pozo Garza na categoría de Letras; a Fundación Granell en Artes Plásticas; a Asociación Abrente-Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia nas Artes Escénicas; o Castro de Viladonga en Patrimonio Cultural; o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires en Proxección Exterior; Juan Durán en Música; Bambú Producciones na modalidade Audiovisual e a Asociación PuntoGal na categoría de Lingua, categoría que se incorporou este ano por vez primeira
O conselleiro de Cultura e Educación presidiu a sesión do xurado, conformado por representantes da Xunta de Galicia, do Consello da Cultura Galega, das tres universidades galegas, da Real Academia Galega e da Real Academia Galega de Belas Artes, así como por catro profesionais de prestixio no ámbito cultural
Estes galardóns, convocados pola Xunta de Galicia, recoñecen o traballo de persoas e institucións nos distintos ámbitos da creación, conservación e difusión da cultura galega
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2013, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, determinou na reunión celebrada hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os oito premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do seu labor nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Patrimonio Cultural, Proxección Exterior, Música, Audiovisual e Lingua, modalidade esta última que se incorpora por vez primeira na edición de 2013.
Os gañadores deste ano foron Luz Pozo Garza na categoría das Letras; a Fundación Granell na modalidade das Artes Plásticas; a Asociación Culutral Abrente-Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia na Artes Escénicas; o Castro de Viladonga en Patrimonio Cultural; o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires en Proxección Exterior; Juan Durán en Música; Bambú Producciones no apartado de Creación Audiovisual; e a Asociación PuntoGal en Lingua.
A Xunta de Galicia convoca estes premios anuais co fin de recoñecer o labor de persoas e institucións que traballan nos distintos ámbitos da creación, da conservación e da posta en valor do patrimonio cultural, así como da actualización e difusión do noso capital creativo galego. Os galardoados recibirán como premio unha serigrafía do pintor Alejandro González Cruz ‘Alexandro’.
Traxectorias premiadas
Na categoría de premio Cultura Galega das Letras o galardón recaeu en Luz Pozo Garza, a quen se lle recoñeceu o seu intenso labor literario. Membro numerario da Real Academia Galega desde 1996, o seu labor editorial comezou coa revista Nordés e foi colaboradora habitual de revistas nacionais estranxeiras. A súa traxectoria literaria, que abrangue poemarios como O paxaro na boca (1952), Códice Calixtino (1986), Prometo a flor de Loto ou Memoria Solar, fíxoa merecedora de diversos galardóns.
No apartado das Artes Plásticas, a Fundación Eugenio Granell foi distinguida polo seu traballo como principal institución galega dedicada á exhibición e estudo das vangardas históricas artísticas e á posta en valor e difusión do artista compostelán que lle dá nome. A fundación constitúe, deste xeito, unha ponte entre a arte anterior ao século XX e a contemporaneidade, cun destacado labor de promoción cultural no plano da arte fundamental para Galicia. A entidade conta cun importante servizo didáctico de programas infantís e destaca pola programación de actividades vinculadas coa literatura, a música e o audiovisual.
Na categoría de Artes Escénicas resultou gañadora a Asociación Cultural Abrente-Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). A MIT, inicialmente mostra de Ribadavia, constituíu o principal catalizador da refundación da escena galega na década dos anos 70 do pasado século. Nacida en 1973 da man da Asociación Cultural Abrente, agrupación de mozos preocupados pola recuperación cultural e lingüística de Galicia, a mostra de teatro foi adquirindo edición tras edición unha maior envergadura ata se converter na cita de referencia para o conxunto dos profesionais e afeccionados do teatro galego.
Na modalidade Premio Cultura Galega de Patrimonio Cultural o galardón recaeu no Castro de Viladonga. O xacemento arqueolóxico, que destaca na paisaxe da Terra Chá lucense, é un verdadeiro modelo formal de castro característico do Noroeste. O Museo do Castro de Viladonga, ademais dos labores de conservación e exhibición, realiza un importante labor de difusión, con permanente actividade didáctica a través de visitas organizadas, actividades de dinamización e publicacións.
O premio de Promoción Exterior recaeu no Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires, onde a formación primaria e secundaria se complementa cos estudos de lingua e cultura galegas. En 1998 inicia as súas actividades grazas ao apoio da Xunta de Galicia e ao tesón da comunidade de galegos. Hoxe, o Colexio Santiago Apóstol é un referente educativo na cidade de Bos Aires e constitúe un exemplo de conservación e promoción na diáspora iberoamericana dos sinais de identidade da Galicia espallada.
Juan Durán mereceu o recoñecemento do xurado na categoría de Música polo seu labor como compositor e arranxista, amais de ser o autor de máis dun centenar de obras de música de cámara, vocal, sinfónica e escénica así como traballos didácticos e arranxos e orquestración de música galega. Durán é membro fundador da Asociación Galega de Compositores.
Na categoría Audiovisual, o galardón recaeu este ano en Bambú Producciones, unha das grandes produtoras galegas especialista na ficción televisiva e con enorme éxito no ámbito español. As súas producións emítense na maioría das canles xeneralistas con altas cotas de audiencia. A pesar de estar asentada en Madrid desde hai algúns anos, a súa aposta segue a ser a promoción dos profesionais galegos.
Nova modalidade
Este ano incorporouse unha nova categoría, o Premio da Cultura Galega de Lingua, que na súa primeira edición recaeu na Asociación PuntoGal, constituída en 2006 co obxectivo de crear un espazo en internet no que agrupar todos os webs con contidos en galego, ou noutras linguas con contidos vinculados coa cultura e sociedade galegas. Un dos seus logros foi conseguir que se aprobase o dominio que permita identificar en internet as páxinas escritas en galego, o .gal.
O xurado
O conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Xesús Vázquez, presidiu o xurado da edición 2013 dos premios, nos que houbo un total de 51 candidaturas, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Ramón Durán Villa en representación do presidente do Consello da Cultura Galega e do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, respectivamente. Así como Henrique Monteagudo e Ramón Yzquierdo Perrín en representación da Real Academia Galega e da de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, respectivamente.
Completaron o xurado catro persoas de prestixio no ámbito cultural como o catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago, Darío VIllanueva Prieto; a crítica de arte, Fátima Otero Bouza; a catedrática de Historia da Arte da Universidade de Vigo, Victoria Carballo-Calero Ramos, e o intérprete e actor de dobraxe Antonio Mourelos Vázquez.