Co fin de enfrontar os desafíos do século XXI, a Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, que modifica a Lei Orgánica 2/2006 de educación, introduce obxectivos fundamentais para transformar o sistema educativo. Este marco lexislativo busca garantir o éxito educativo de todo o alumnado mediante a mellora continua dos centros educativos e a personalización da aprendizaxe, promovendo a investigación, a experimentación e a innovación.
O Plan de Mellora Educativa de Galicia (Plan MEGA), dirixido a centros docentes públicos de educación infantil, primaria e secundaria dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para os cursos 2024-25, 2025-26, 2026-27 e 2027-28 establece unhas medidas estruturais destinadas á mellora da calidade educativa, ao incremento do nivel das competencias básicas adquiridas polo alumnado e á mellora da atención educativa para o alumnado con necesidades educativas especiais. Ademais, o Plan MEGA acolle o Programa para o Impulso de Centros Referentes, que convida os centros a desenvolveren proxectos educativos e a promoveren prácticas e metodoloxías que os convertan en centros de referencia e exemplo de boas prácticas dentro dos contextos da inclusión e a innovación educativa.
Ao abeiro do Plan MEGA e partindo do Programa para o Impulso de Centros Referentes desenvólvese o programa Innova-Lab, que busca mellorar os centros escolares mediante a implementación de proxectos de innovación educativa, enfocándose na mellora da competencia matemática e da comprensión lectora, na internacionalización do alumnado e mais na sostibilidade. Para logralo, os centros educativos participantes promoverán métodos de ensino dinámicos e innovadores a fin de mellorar os resultados académicos da competencia matemática. Do mesmo xeito, propiciarán a implementación de estratexias que redunden nunha mellora da comprensión lectora do alumnado. Por outra banda, a internacionalización fomentarase a través de intercambios estudantís e proxectos colaborativos con escolas doutros países, o que mellorará as habilidades lingüísticas e proporcionará unha comprensión máis ampla do mundo. Por último, cómpre que os centros educativos promovan prácticas sostibles para concienciar o alumnado da necesidade dun comportamento respectuoso co medio ambiente.
Innova-Lab oferta 4 liñas de participación. Destas catro modalidades poderánse escoller como máximo dúas, tendo que pertencer obrigatoriamente unha delas ao Bloque 1 (Mat-Lab ou Leo-Lab):
Bloque 1 | Bloque 2 | ||
---|---|---|---|
1. Mat.Lab | 2. Leo-Lab | 3. Inter-Lab | 4. Sosti-Lab |
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende o 16 de outubro ata o 13 de novembro, e serán presentadas unicamente a través do aplicativo de programaseducativos.
Acceso á publicación no Portal Educativo