Skip to Content

Novas da Xunta

Contenido sindicado
Actualizado: hace 19 horas 33 mins

A Xunta avanza na elaboración do novo Plan galego de Investigación e Innovación 2025-2027

Vie, 27/09/2024 - 17:43

Summary: 

O obxectivo é mellorar a resposta das políticas públicas aos retos actuais da sociedade en I+D+i, potenciando o papel de Galicia como referente neste eido

A directora da Axencia Galega de Innovación participa na reunión do grupo técnico da Comisión Interdepartamental de I+D+i

Idioma Gallego

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, presidiu hoxe a reunión da Comisión Interdepartamental de I+D+i, un encontro que se centrou en avanzar na elaboración do novo Plan Galego de investigación e innovación 2025-2027.

O Goberno galego traballa para ter aprobado este plan a final de ano, co fin último de mellorar a resposta das políticas públicas aos retos actuais da sociedade no eido da I+D+i, potenciando o papel de Galicia como referente neste eido.

Para iso, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP parte dunha avaliación, xa en marcha, da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia do período anterior, e contará coa participación dos membros do ecosistema galego de I+D+i e coa opinión contrastada dun grupo de expertos na materia. De xeito paralelo, no seo da Comisión Interdepartamental, estase a definir o enfoque estratéxico do plan para proceder despois á redacción do seu anteproxecto e á súa aprobación polo Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación e polo Consello da Xunta de Galicia.

O Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 ten entre os seus obxectivos acadar unha maior eficiencia e impacto das accións impulsadas desde a Administración para o impulso da investigación, a transferencia, a valorización e a innovación en Galicia; a coordinación dos axentes do ecosistema de I+D+i e dos recursos dispoñibles, favorecendo a colaboración público-privada; a coordinación da Comunidade Autónoma nos plans e programas nacionais e internacionais, o fomento da innovación e da súa xestión e a medición e avaliación dos resultados acadados en relación cos obxectivos propostos.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Resolución definitiva Programa Educación Reponsable 2024

Vie, 27/09/2024 - 14:04
Idioma Gallego

Resolución definitiva do 27 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se fai pública a relación de centros docentes seleccionados e non seleccionados para desenvolver no curso 2024/25 o programa “Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade”.

 

Anuncio principal: 

Convocatoria do programa Educación Responsable para o curso 2024/25

Tema: 

Programas e plans

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia

Colectivo: 

Profesorado Centros
Categorías: Novas da Xunta

Resolución do 27 de setembro de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se publican as listaxes definitivas nas prazas de residencia correspondentes ao período extraordinario nos CRD da Coruña e Ourense, curso 2024/25

Vie, 27/09/2024 - 09:03
Idioma Gallego

Resolución do 27 de setembro de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se publican as listaxes coas puntuacións definitivas de todos as persoas solicitantes admitidas, indicando a puntuación desagregada (rendemento académico e criterios socioeconómicos) e a puntuación total por orde descendente; a relación definitiva de persoas excluídas, indicando a causa de exclusión, correspondentes ao período extraordinario nos CRD da Coruña e Ourense, de acordo co previsto nos artigos 34 e 35 da Orde do 23 de maio de 2024 pola que se convocan prazas de residencia nos CRD da Coruña, Ourense e Vigo para o curso 2024/25 (DOG núm. 119, do 20 de xuño).

As persoas solicitantes poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Prazo para interpoñer o recurso: 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución na páxina web da consellería competente en materia de educación e nos taboleiros de anuncios e/ou páxinas web dos centros residenciais (entre o 28 de setembro e o 28 de outubro de 2024, ambos incluídos).

 

Anuncio principal: 

Convocadas prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2024/25 (código de procedemento ED306A)

Tema: 

Bolsas

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Centros

Colectivo: 

Alumnado Familias Centros
Categorías: Novas da Xunta

Campaña de vixilancia da saúde 2024/2025 para persoal docente e non docente de centros públicos de ensino non universitario dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Vie, 27/09/2024 - 08:45
Idioma Gallego

Mediante Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, autorízase a difusión da campaña de vixilancia periódica da saúde para o persoal docente e non docente destinado en centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, para o curso académico 2024/2025.

É aplicable ao persoal docente e non docente (funcionario e laboral) en activo, que presta servizos nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

A inscrición ten carácter voluntario, polo que se realizará previa solicitude das persoas interesadas conforme ás instrucións deste procedemento enviadas aos distintos centros de traballo. As persoas responsables dos distintos centros de traballo facilitarán a información necesaria para a inscrición das persoas traballadoras que o requiran.

A dita inscrición realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no seguinte enlace: https://revisionmedicaeducacion.xunta.gal

A solicitude de inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a súa tramitación.

Toda inscrición xerará un xustificante de consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.

Prazos de inscrición :

  • Para o persoal substituto: Do día 1 ao 20 do mes seguinte a aquel no que se cumpran os 65 días traballados de forma ininterrompida, contados dende o 01/09/2024, ou dende o día seguinte ao nomeamento se fora posterior a esa data.
  • Para o persoal nomeado con anterioridade ao 27/09/2024: Do 27/09/2024 ao 16/10/2024.
  • Para o persoal nomeado con data igual ou posterior ao 27/09/2024: Do día 1 ao 20 do mes seguinte a súa toma de posesión.

File: 

Resolución do DX de Centros e RRHH da difusión da campaña Resumo dos prazos de inscrición dos interesados Instrucións para realizar a solicitude Preguntas frecuentes

Tema: 

Información xeral Programas e plans

Departamento: 

Servizo de Persoal de Administración e Servizos Riscos Laborais

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Rueda aposta por fomentar e reter o talento cun sistema educativo moderno e accesible e con políticas de apoio á innovación

Jue, 26/09/2024 - 16:55

Summary: 

Destaca a pioneira implantación da matrícula gratuíta nas universidades para garantir a igualdade de oportunidades

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por implantar políticas transversais que axuden a fomentar e reter o talento, a través de medidas como un sistema educativo moderno e accesible e de políticas de apoio á innovación.

Así o destacou hoxe durante a clausura do foro Next Spain, organizado polo grupo Vocento, que se centrou nesta edición no empoderamento do talento e na innovación local. “En Galicia hai talento de sobra, polo que a obriga das Administracións é facer que aflore, potencialo e coidalo para que se atope a gusto aquí”, afirmou o presidente.

O titular do Executivo galego eloxiou a pertinencia de escoller a cidade da Coruña para acoller este foro. Neste sentido, lembrou que a cidade herculina foi elixida sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia), que conta coa Cidade das TiC e que ten un ecosistema de I+D+i moi relevante.

En canto ás políticas públicas para potenciar o talento, apelou a facelo desde un sistema educativo adaptado aos retos actuais e que valore a cultura do esforzo. Asegurou, tamén, que “a educación ten que ser universal e accesible para que sexa verdadeira educación”, como en Galicia, onde este curso se implantou a matrícula gratuíta nas universidades e estudos artísticos superiores.

En canto á innovación, valorou o abano de axudas que ten posto en marcha a nosa comunidade nos últimos anos para atraer investigadores e apoialos en diferentes etapas. Unhas medidas que teñen demostrado o seu éxito, xa que nos últimos anos o persoal dedicado ao I+D+i en Galicia aumentou nun 43 %.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Publicación das listaxes provisorias de persoas admitidas e excluídas para a cobertura de interinidades e substitucións no curso académico 2024/2025 do corpo de mestres

Jue, 26/09/2024 - 12:34
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 26 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se aproban as listaxes provisorias para a cobertura de interinidades e substitucións e as relacións provisorias de persoas excluídas para a cobertura de interinidades e substitucións no curso académico 2024/25 correspondentes ás especialidades do corpo de mestres.

As persoas participantes nos procedementos selectivos convocados pola Orde do 31 de xaneiro de 2024 con dereito á incorporación na lista poderán formular alegacións á lista provisional ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), utilizando o procedemento ED001A, opción “Alegacións” da solicitude no corpo e especialidade correspondente, no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no portal de Internet da Consellería de Educación, Ciencia Universidades e Formación Profesional.

Prazo de presentación de alegacións: do 27 de setembro de 2024 ao 3 de outubro de 2024

Non se admitirán alegacións/reclamacións formuladas mediante correo electrónico.

As listaxes provisorias de persoas admitidas poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/substitutoslistas/

 

File: 

Resolución do 26 de setembro de 2024 (listaxes provisorias 597) Anexo I: listaxe provisoria de persoas excluídas(597)

Servizo relacionado: 

Listas de substitucións

Tema: 

Programas e plans Interinidades e substitucións

Ensinanza: 

Educación infantil Educación primaria

Departamento: 

Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta pon a disposición do profesorado Ágora Dixital, unha nova plataforma con 120 recursos dixitais especialmente enfocados a materias STEM

Jue, 26/09/2024 - 12:25

Summary: 

Divídese en seis apartados con obxectivos diferentes, desde micro-experiencias de aprendizaxe ata entrevistas con recoñecidos expertos en tendencias emerxentes

Establécese unha sección específica para axudar ao profesorado a iniciarse na intelixencia artificial, un dos principais retos do ensino a medio prazo

A iniciativa forma parte das accións de Xunta para atender os retos tecnolóxicos do ensino galego, que inicia a súa maior modernización dos últimos 30 anos

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación de Ágora Dixital, unha nova plataforma de recursos para axudar ao profesorado a desenvolver metodoloxías innovadoras na aula e que xorde da necesidade de contar cun espazo público no que atopar ideas, estratexias e actividades para empregar na clase, especialmente no relativo ás competencias STEM e tecnolóxicas, que se enfrontan na actualidade a unha constante actualización e novos retos.

O representante da Xunta agradeceu a colaboración dos docentes que participaron na elaboración dos 120 primeiros recursos xa dispoñibles e animou a todos a colaborar no enriquecemento da plataforma, “un traballo en equipo para mellorar a aprendizaxe do alumnado e para dar visibilidade ás boas prácticas do profesorado da Comunidade”.

Neste momento hai máis materiais en produción e desde a Consellería vaise favorecer a creación de novos contidos. Para iso, abrirase un apartado en Ágora Dixital baixo o título Tes unha idea? O obxectivo é que os profesores que presenten unha proposta poidan compartila e darlle forma no Centro de Innovación Educativa e Dixital de Galicia.

Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, lembrou que este curso comeza a maior modernización do ensino galego dos últimos 30 anos e nesa meta intégrase Ágora Dixital para responder aos retos tecnolóxicos. “É unha ferramenta creada por docentes e para docentes para facerlles máis doado o seu traballo e ofrecer a mellor formación ao alumnado”.

Espazo aberto á comunidade escolar

Ágora Dixital funciona como unha praza aberta á comunidade educativa na que os docentes poden atopar recursos dixitais para empregar na aula e elaborar outros novos. Os materiais están baseados nunha aprendizaxe experimental, significativa, flexible, de curta duración e moi específica co fin de facilitar a transformación educativa nun clic.

Diferénciase doutros repositorios de contidos na rede pola súa fiabilidade, dado que son materiais elaborados por profesores e expertos, pola súa practicidade, dado que están testados en contextos reais na aula, e pola súa dispoñibilidade en galego e en castelán. Todos eles presentan unhas características comúns, con etiquetas para clasificar, organizar e facer buscas entre todas as publicacións que se recollen.

Seis laboratorios de aprendizaxe

As publicacións de Ágora Dixital están estruturadas en seis apartados ou laboratorios: LAB-Microsecuencias, LAB-Espazos, LAB-Estratexias, LAB-Ideas, LAB-Expert, LAB-IA

O LAB-Microsecuencias propón microexperiencias de aprendizaxe reproducibles na aula, por exemplo aprender como funciona o sensor de aparcamento dun coche empregando materiais de robótica; mentres que no LAB-Espazos se ofrecen consellos para a creación de novos espazos de aprendizaxe en base ás experiencias doutros centros, como o uso das aulas sensoriais.

Pola súa banda, o LAB-Estratexias céntrase en propoñer metodoloxías de aprendizaxe innovadoras (como o discurso lóstrego) e o LAB-Ideas funciona como unha porta aberta a outros recursos ou convocatorias de interese. Neste último apartado pode atoparse, por exemplo, un achegamento aos recursos didácticos en liña do CERN.

LAB-Expert céntrase en entrevistas, en formato vídeo curto, con persoas expertas do mundo dixital e STEM e a educación sobre tendencias emerxentes. No catálogo actual pódese atopar unha conversa na que a pedagoga Nélida Zaitegi aborda a convivencia positiva, eido no que é unha recoñecida experta, ou co investigador e especialista en intelixencia artificial do Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña, Francisco Bellas, que afonda no impacto desta no ensino, entre outras entrevistas.

Precisamente o último dos apartados da plataforma, LAB-IA, dedícase aos docentes que desexen iniciarse na  intelixencia artificial, un dos grandes desafíos do ensino a medio prazo. Inclúe pequenas achegas sobre a implementación da Intelixencia Artificial a nivel educativo para persoas que desexen iniciarse nesta temática, arredor de conceptos como a árbore de decisións ou a aplicación ChatGPT.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Listaxe definitiva de solicitudes admitidas e excluídas para axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+

Jue, 26/09/2024 - 09:01
Idioma Gallego

Resolución do 25 de setembro de 2024 pola que se resolve a convocatoria da Orde do 11 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2023/24.

 

Anuncio principal: 

Convocatoria de axudas de mobilidade complementarias Erasmus+ para as ensinanzas artísticas superiores, curso 2023/24

Tema: 

Bolsas Programas e plans Erasmus

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime especial Ensinanzas de conservación e restauración de bens culturais Ensinanzas de arte dramática Ensinanzas superiores de deseño Ensinanzas superiores de música

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas da Xunta

Convocatoria dos premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores no curso 2023/24 en centros públicos de Galicia

Jue, 26/09/2024 - 08:52
Idioma Gallego

Xúntase a Orde do 17 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores no curso 2023/24 en centros públicos de Galicia (código de procedemento ED311G).

  • O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación.

 

File: 

Orde do 17 de setembro de 2024 (DOG) Extracto da Orde do 17 de setembro de 2024 (DOG)

Tema: 

Axudas e premios Premios autonómicos

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime especial Ensinanzas de conservación e restauración de bens culturais Ensinanzas de arte dramática Ensinanzas superiores de deseño Ensinanzas superiores de música

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

Colectivo: 

Alumnado

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Listaxe definitiva de admitidos e excluídos da 2ª convocatoria 2024 de carnés e habilitacións profesionais

Jue, 26/09/2024 - 08:41
Idioma Gallego

Publicadas as listaxes correspondentes a:

  • Persoas admitidas e excluídas da 2ª convocatoria.
  • Persoas convocadas para realizar a 2ª parte da proba de guindastre móbil A e B da 2ª convocatoria.
  • Persoas convocadas para realizar a 2ª parte da proba de guindastre torre da 2ª convocatoria.
  • Material de consulta para a realización das probas correspondentes á 2ª convocatoria.
  • Datas e lugares de realización das probas correspondentes á 2ª convocatoria.

Máis información.

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta promove o espírito emprendedor a través da convocatoria do plan Eduemprende, que estará aberta ata o 14 de outubro

Mié, 25/09/2024 - 16:09

Summary: 

A directora xeral de FP reúnese cos coordinadores de emprendemento da Rede de centros integrados de FP para intensificar a colaboración entre eles

Idioma Gallego

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, reuniuse hoxe no CIFP Compostela cos coordinadores de emprendemento dos centros integrados de Formación Profesional para reforzar o impulso deste espírito emprendedor a través do plan Eduemprende. Esta iniciativa da Xunta de Galicia, que leva máis dunha década fomentando a cultura emprendedora no alumnado de FP, é un dos piares da estratexia educativa galega para promover a creación de proxectos empresariais e a innovación.

No marco deste encontro, Eugenia Pérez tamén lembrou que a convocatoria do plan Eduemprende está actualmente aberta e finaliza o vindeiro 14 de outubro. Este, dirixido ao alumnado de ciclos formativos de grao medio e superior, ensinanzas deportivas, artes plásticas e deseño, así como ao alumnado de Bacharelato, ESO e Primaria, ten como obxectivo promover a cultura do emprendemento e facilitar a transición da vida académica á laboral.

O principal obxectivo deste encontro é potenciar o traballo colaborativo e xerar novas sinerxías. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a relevancia do plan Eduemprende no desenvolvemento de habilidades emprendedoras, que permiten ao alumnado crear os seus propios proxectos empresariais, ademais de facilitar o acceso aos viveiros de empresa dispoñibles en toda Galicia. “Queremos formar profesionais non só con competencias técnicas, senón tamén con capacidade de innovación e iniciativa para emprender os seus propios proxectos", afirmou a directora xeral.

Aulas de emprendemento

Eugenia Pérez subliñou tamén na reunión o impacto das aulas de emprendemento, postas en marcha en 100 centros de Galicia, que lograr fomentar a iniciativa entre un gran número de estudantes. A través da colaboración e o traballo en rede dos coordinadores de emprendemento dos CIFP ao abeiro do plan, búscase continuar incrementando a participación de centros e alumnado. Vén completar á rede de 33 viveiros de empresa en centros educativos, que facilitan que os alumnos poñan en marcha as súas ideas de negocio.

Os centros interesados en participar nesta iniciativa deberán presentar as súas solicitudes a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia antes da data límite. Con este programa, búscase que o alumnado adquira competencias empresariais e coñecementos que lles permitan desenvolver proxectos propios no futuro.

Con esta reunión, e co conxunto das iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia, a Formación Profesional continúa avanzando cara a unha maior conexión co tecido empresarial e un reforzo do espírito emprendedor entre o alumnado galego. Desta maneira, asegúrase unha formación integral, orientada ao futuro e que responda ás necesidades do mercado laboral.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Aviso de precaución por choivas

Mié, 25/09/2024 - 14:31
Idioma Gallego

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) informa nos boletíns número 77/71 e 219/71GAL, emitidos ás 11:05 do 25/09/2024, dos seguintes fenómenos meteorolóxicos adversos para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Actívase nivel LARANXA POR CHOIVAS para a PROVINCIA DA CORUÑA (NOROESTE, OESTE e SUROESTE) e toda a provincia de PONTEVEDRA, dende a media mañá do 25/09/2024 ata primeiras horas da mañá do 26/09/2024.

Prevese que as chuvias acaden os 80 litros por metro cadrado en 12 horas.

No Noroeste da Coruña o aviso acadarase na metade norte da zona.

Nos boletíns tamen se activa o nivel AMARELO por CHOIVAS e VENTOS para o resto da Comunidade autónoma de Galicia.

Polo que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior comunícalles que, en previsión destes feitos:

  1. ADOPTEN as medidas preventivas necesarias ante as citadas predicións meteorolóxicas e, no seu caso, ALERTEN ou MOBILICEN aos medios e recursos a dispor.
  2. Ante calquera emerxencia chame ao 112

File: 

Acta

Tema: 

Alertas e avisos

Departamento: 

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional Secretaría Xeral Técnica

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Familias Centros Empresas
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta destaca a traxectoria do grao e os másteres que se imparten na facultade de historia da UVigo

Mié, 25/09/2024 - 13:36

Summary: 

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, visita o Campus de Ourense acompañado polo decano da Facultade, Julio Prada

Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, destacou hoxe a traxectoria das titulacións de Historia que se imparten na Universidade de Vigo, todas con máis de 10 edicións. Fíxoo nunha visita na que estivo acompañado polo decano da Facultade, Julio Prada, onde puxo en valor que arredor de 300 estudantes elixiron a Facultade para a súa formación. 

O representante da Consellería recordou que, desde este curso, Galicia é a primeira comunidade en implantar a matrícula gratuíta para todos os universitarios que aproben, medida da que se benefician 20.000 mozos, e animou a futuros estudantes a matricularse nas titulacións da Facultade de Historia, que leva anos formando a numerosos alumnos, facilitando a coordinación con outras institucións do Sistema Universitario Galego (SUG) e adaptándose aos novos tempos.

Entre os estudos da Facultade de Historia, atópase o máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, que cumpre este curso 2024/2025 a súa primeira década, e que é interuniversitario coas Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña. 

Ademais, a Facultade tamén acolle o máster en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural, que se imparte de maneira semipresencial desde a súa creación no curso 2014/2015.

Pola súa banda, o grao en Xeografía e Historia, que deriva da antiga licenciatura en Historia, ten tamén unha longa traxectoria e ofrece 40 prazas para os estudantes.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Listas provisionais para a cobertura de interinidades e substitucións no curso académico 2024/2025

Mié, 25/09/2024 - 13:30
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se aproban as listas provisionais para a cobertura de interinidades e substitucións no curso académico 2024-2025 correspondente aos corpos de profesores de ensino secundario, de profesores de escolas oficiais de idiomas e de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional.

As persoas participantes poderán formular alegacións á lista provisional ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), utilizando o procedemento ED001A, opción “Alegacións” da solicitude no corpo e especialidade correspondente, no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.

  • Prazo: do 26 de setembro ata o 2 de outubro, ambos incluidos.

 

File: 

Resolucion listas provisionais cobertura de interinidades e substitucións Anexo I

Servizo relacionado: 

Listas de substitucións

Tema: 

Programas e plans Interinidades e substitucións

Ensinanza: 

Educación secundaria obrigatoria Bacharelato Formación Profesional inicial Ensinanzas de idiomas de réxime especial

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Convocatoria do curso de formación para o desenvolvemento da función directiva no ano 2024

Mié, 25/09/2024 - 12:50
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 25 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca o curso de formación para o desenvolvemento da función directiva no ano 2024 que acredita para o acceso a postos de dirección en centros docentes públicos que impartan as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica 2/2006, de Educación.

  • O profesorado interesado en participar na convocatoria deberá realizar a inscrición na aplicación Fprofe: https://www.edu.xunta.es/fprofe, (código da actividade G2401111) a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria e cun prazo de 10 días hábiles.

 

File: 

Resolución do 25 de setembro de 2024 Anexo II da convocatoria

Servizo relacionado: 

FPROFE

Tema: 

Formación Directores/as

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial Educación de persoas adultas

Departamento: 

Servizo de Programas de Formación

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Rueda destaca que a nova facultade de Farmacia de Santiago afianzará á universidade na vangarda académica e na busca da excelencia

Mar, 24/09/2024 - 16:48

Summary: 

Compromete un investimento de 12 M€ para poñer en marcha o novo edificio universitario 

O Goberno autonómico investirá 40 M€ ata 2026 para melloras nas infraestruturas dos sete campus galegos

Recorda que este é o primeiro curso académico coa matrícula universitaria gratuíta, unha medida pioneira en toda España e da que xa se benefician “máis de 10.000 alumnos”

Resalta o traballo da Xunta para avanzar cara unha universidade máis “accesible e universal”

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a nova facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que o Goberno galego investirá 12 millóns de euros, permitirá afianzar a esta universidade na vangarda académica. “Se unha universidade busca a excelencia ten que ter boas infraestruturas, un bo equipo humano e un alumnado que tamén procure esa excelencia”, indicou.

Así o destacou hoxe durante a presentación en Santiago de Compostela do proxecto para o cal o Goberno galego aportará aproximadamente a metade do seu custo total. “Serán unhas infraestruturas á altura da titulación; unhas instalacións como necesita e merece a comunidade educativa”, indicou.

Esta colaboración coa USC enmárcase nunha liña de acción de goberno máis ampla que ten como obxectivo consolidar a excelencia do Sistema Universitario Galego e mellorar a súa accesibilidade. A Xunta investirá 40 millóns de euros ata 2026 para melloras nas infraestruturas dos sete campus galegos. En total, grazas a este plan, mobilizaranse arredor de 100 millóns de euros para construír novos edificios ou rehabilitar outros.

Estes investimentos en infraestruturas son complementarios ao Plan galego de financiamento universitario 2022-2026, un plan plurianual -Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que conta cunha planificación a varios anos- e consensuado que ten como obxectivo mobilizar case 3.200 millóns de euros durante a súa vixencia.

Ademais, Rueda recordou que este é o primeiro curso académico no que a matrícula universitaria será gratuíta nas universidades públicas ou centros de ensinanzas artísticas superiores. Nesta liña, destacou que xa son “máis de 10.000” os alumnos beneficiarios desta medida que busca avanzar nunha “universidade accesible e universal”. 

Por último, lembrou o compromiso do Goberno galego para que nesta lexislatura Galicia se converta na primeira comunidade en chegar ao 1% do PIB en recursos transferidos ou captados polas universidades públicas. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta impulsa actividades formativas para a captación de investigadores excelentes a través do programa Oportunius

Mar, 24/09/2024 - 16:37

Summary: 

A Consellería de Ciencia organiza unha xornada informativa sobre as axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) para atraer, captar e reter talento

Na cita presentouse o Programa de traballo do ERC de 2025, así como a actual convocatoria Synergy Grant

Idioma Gallego

A Axencia Galega de Innovación acolleu hoxe unha xornada informativa sobre o programa do Consello Europeo de Investigación (ERC) e a convocatoria Synergy Grant. O obxectivo da cita é dinamizar novas candidaturas con garantías de éxito, que forma parte do esquema de apoios do Programa Oportunius.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, agradeceu aos relatores e asistentes a súa participación e puxo en valor o programa Oportunius, impulsado no 2014 pola Xunta de Galicia para promover, reter, atraer e retornar o mellor talento científico internacional na rexión. “O fin último do programa é incrementar o número de investigadores en centros de coñecemento galegos que sexan titulares de axudas do ERC, consideradas un indicador de referencia da excelencia científica en Europa”, sinalou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Durante a cita informativa, presentouse o esquema de apoios do Programa Oportunius. Este paquete de axudas diríxese tanto aos titulares de axudas ERC, mediante contratos de persoal investigador distinguido e achegas económicas complementarias (durante e despois da vixencia do financiamento do ERC), como ás persoas finalistas en convocatorias previas do ERC, ofrecéndolles asesoramento e apoio económico, así como servizos de apoio e formación ao persoal investigador con potencial para presentar candidaturas gañadoras.

Participantes na xornada

A xornada contou coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), a través de Leticia Riaza, punto nacional de contacto do European Research Council (ERC) en España, que presentou o Programa de Traballo do ERC de 2025, así como a actual convocatoria Synergy Grant. Así mesmo, participaron tamén algúns dos investigadores máis destacados do sistema, gañadores de axudas do ERC e contratados a través do Programa Oportunius. Entre eles estaban o investigador Oportunius adscrito ao CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela e gañador dunha ERC Synergy Grant (2020), Diego Peña; o investigador Oportunius adscrito ao CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela e gañador dunha ERC Consolidator Grant (2020), Sebastián Villasante, e a investigadora Ramón e Cajal adscrita ao CICA da Universidade da Coruña e gañadora dunha ERC Starting Grant (2019), Elena Pazos. O coloquio foi moderado por José Mahía Saavedra, director da Oficina de Captación de Persoal Investigador da Universidade da Coruña.

Impacto do programa Oportunius

Desde a súa creación ata 2024, o programa Oportunius deu apoio económico a 31 gañadores de axudas ERC, dos cales 18 contan cun contrato de persoal investigador distinguido coa Axencia Galega de Innovación. En conxunto, estas 31 persoas lideran 39 proxectos, que recibiron financiamento europeo por valor de 57,8 millóns de euros.

Ata 2023, a gañadores ERC de Galicia xeraran 1.932 publicacións científicas, das cales un 83% publicáronse en revistas Q1, as máis importantes das súas disciplinas, e os grupos liderados por estes investigadores e investigadoras (un 22,5% son mulleres) obtiveron outros 30M€ en convocatorias competitivas de proxectos, accións de transferencia e outras actividades complementarias. Ademais do impacto económico, os proxectos ERC desenvoltos en Galicia teñen un significativo impacto científico e propician a creación de empregos cualificados.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Rueda destaca que preto de 20.000 estudantes universitarios e de Ensinanzas Artísticas Superiores vanse beneficiar da matrícula gratuíta da Xunta para os seus estudos

Lun, 23/09/2024 - 16:17

Summary: 

Asegura que xa son máis de 10.300 os beneficiarios e a cifra vaise incrementar unha vez que peche o derradeiro prazo de matrícula e o Ministerio resolva as súas bolsas

Salienta que o Goberno galego aboará ás universidades un pagamento inicial de preto de 5,6 M€ este mes en concepto de compensación, “dous meses antes sobre o previsto”, cifra que se seguirá ampliando en próximos pagamentos

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que “xa son 9.659 estudantes de grao e 647 de ensinanzas artísticas” que se beneficiaron da gratuidade da matrícula para este curso en Galicia e que a previsión é que finalmente esta cifra se duplique e se chegue “arredor de 20.000 estudantes ao longo de todo o curso”.

 

Segundo o informe elevado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ao Consello da Xunta, estímase que a cifra de beneficiarios da matrícula de balde aumente logo de que nos próximos meses peche o derradeiro prazo de matrícula en outubro, e se resolvan as bolsas de estudo estatais entre xaneiro e febreiro do próximo ano. Trátase, por tanto, de estudantes que cumpren coas condicións para a matrícula gratuíta da Xunta pero están pendentes doutras exencións que, de non obtelas, se lles aplicaría a bonificación autonómica.

 

Así pois, no caso dos estudos de grao universitario, a día de hoxe aínda quedan arredor duns 8.000 posibles novos beneficiarios pendentes da bonificación por estaren pendentes da aplicación dalgunha das exencións previstas como ser beneficiario dunha bolsa do Ministerio, ter matrícula de honra, persoal universitario ou familia numerosa entre outros, ou ben estar pendente da revisión dalgunha incidencia. Isto é, que as persoas que solicitaron outras exencións, se finalmente non as obteñen pero cumpren cos requisitos establecidos pola Xunta, vanse beneficiar da gratuidade, o que elevará a cifra final.

 

Tal e como explicou o presidente, a gratuidade da matrícula supón “un déficit na tesourería das universidades públicas” e, por iso, o Consello acordou “adiantar” o pago ás universidades “en compensación pola baixada de ingresos” ante esta medida. En concreto, a Xunta vai aboar 5,6 M€ ao longo deste mes aos campus, “é dous meses antes do prazo pactado inicialmente”.

 

Por universidades e especialidades

Por universidades, a Universidade de Santiago vai recibir 2,2M€ correspondentes ás 3.933 matrículas certificadas ata o momento, a Universidade de Vigo recibirá 1,6M€ por 2.889 matrículas validadas e a Universidade da Coruña 1,7M€ por 2.837 matrículas. O investimento derivado das fases posteriores irase aboando a medida que se avance no proceso.

 

No que atinxe ás matrículas das Ensinanzas Artísticas Superiores, xa se beneficiaron da gratuidade un total de 647 estudantes  a razón de 337 da especialidade de Deseño, 214 da de Música, 70 de Arte Dramática e 26 de Conservación e Restauración de Bens Culturais, o que implica un desembolso de 276.397€ por parte da Xunta de Galicia. Non obstante, estímase que a cifra final de beneficiarios acade os 1.000, logo de que se resolvan as exencións que aínda están pendentes de aplicar.

 

Medida pioneira en España

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia implantou por primeira vez neste curso a medida pioneira da gratuidade da matrícula para todos os estudantes de grao coa bonificación equivalente ao 99 % das taxas para todos aqueles que inician os seus estudos nas tres universidades públicas galegas, e para os alumnos de continuidade de 2º curso en diante que superasen durante o curso anterior porcentaxes de créditos que varían entre o 65 % e o 90 %, segundo a área de coñecemento. Tamén se benefician desta medida os estudantes de Ensinanzas Artísticas Superiores.

 

A posta en práctica desta medida supón redobrar a aposta da Xunta de Galicia polo apoio ás familias coa gratuidade da educación para o alumnado desde que entra na gardaría, na etapa 0-3 anos, ata que remata os seus estudos universitarios, ao tempo que se fomenta a cultura do esforzo, premiando o interese, a dedicación e o bo aproveitamento académico.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Luz verde á construción da nova facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio económico da Xunta

Lun, 23/09/2024 - 16:06

Summary: 

Rueda informa que o Goberno galego “inxectará 12M€ ata 2026” para a construción deste centro a través do Plan de infraestruturas

Destaca que, ademais desa inxección directa, a Xunta autoriza á USC a “negociar coas entidades bancarias o aprazamento da débeda doutros case 10M€, o que lle dá unha dispoñibilidade de fondos de 22M€”

Deste xeito, impúlsase a mellora das infraestruturas universitarias públicas galegas, no marco do Plan de infraestruturas da Xunta, que mobilizará máis de 100M€

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten luz verde para construír a nova Facultade de Farmacia na capital Galicia, “un dos edificios máis demandados pola comunidade educativa”. Así se desprende do informe analizado no Consello, polo que a Xunta confirma a dispoñibilidade de fondos para a edificación desta facultade e evitar así que o alumnado “teña que repartirse entre outras facultades”, tal e como apuntou o titular do Goberno galego.

 

Para iso, o Goberno galego “inxectará 12M€ á USC ata 2026” para a construción deste edificio a través do Plan de infraestruturas universitarias, a razón de 4M€ nas anualidades de 2024, 2025 e 2026. Súmanse aos 4M€ que xa se transferiron á universidade compostelá ao abeiro deste plan en 2023, e que se están a destinar fundamentalmente á rehabilitación da Facultade de Química. Entre os compromisos de colaboración entre Xunta e USC en materia de infraestruturas tamén se mantén o compromiso co traslado da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

 

Por outra banda, tal e como salientou Rueda, a Universidade de Santiago de Compostela “poderá negociar coas entidades bancarias o aprazamento do pagamento da débeda doutros case 10M€, o que lle dará á universidade unha dispoñibilidade de fondos de 22M€”.

 

Con estes fondos, a USC comprométese a executar un proxecto de construción para a Facultade de Farmacia de 24,5M€. “O resto do financiamento, 2,5 M€, sairá dos fondos propios da universidade”, engadiu, ao tempo que sinalou que a previsión da USC é “comezar as obras de construción o ano que vén e que  a nova facultade estea rematada no 2027”.

 

Desta forma impúlsase a mellora das infraestruturas universitarias públicas galegas, no marco do Plan de infraestruturas que o Goberno galego habilitou o pasado ano para este fin, cun orzamento total de 40M€.

 

Nova Cidade da Saúde

A Universidade de Santiago de Compostela fixou entre os seus obxectivos no marco do Plan de infraestruturas a creación da nova Cidade da Saúde na capital galega, un conxunto de edificios que acollerá a Facultade de Enfermaría, a Facultade de Farmacia, un centro de investigación na área de Ciencias da Saúde e un aparcadoiro.  A previsión é construír módulos enerxeticamente eficientes, cunha baixa demanda e con produción propia de enerxía mediante fontes renovables.

 

Coa nova inxección económica garántese a viabilidade, dentro da Cidade da Saúde, da nova Facultade de Farmacia, un dos edificios máis demandados pola comunidade universitaria, dada a deterioración do edificio actual, que leva afectando o alumnado e docentes desde hai case unha década.

 

Mobilizar máis de 100M€

Ambas as actuacións enmárcanse no Plan de infraestruturas universitarias da Xunta, a través do que inxecta ás tres universidades públicas galegas ata 2026 un total de 40M€ para a mellora dos seus centros e facultades. A través deste plan, complementario aos recursos propios das universidades e a outro tipo de axudas que poidan percibir, prevese mobilizar arredor de 100M€.

 

O obxectivo é seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do Sistema universitario de Galicia, a través de melloras nas infraestruturas dos sete campus, tanto rehabilitacións como construción de novos edificios modernos para facultades e centros de investigación adaptados aos retos de futuro.

 

Este investimento súmase, como unha cantidade adicional, ao Plan galego de financiamento universitario 2022-2026, a folla de ruta de financiamento estable e certo coa que contan as universidades galegas. Engádese, ademais, ao convenio asinado en 2021, por importe de 4,5M€, para a mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas universitarias, como anticipo a este plan de Infraestruturas.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta


by Dr. Radut