Os rapaces levan razón! E galardoan a IZAN O DA SACA co PREMIO SAN CLEMENTE de narrativa. PARABÉNS ao seu autor, XABIER QUIROGA !
Máis de trinta rapaces pertencentes a distintos centros de ensino de Galicia, Inglaterra, Francia, Alemaña ou Moscova foron quen de recoñecer a valía dunha grande obra da literatura galega publicada na editorial Xerais.
Izan o da saca é un verdadeiro xogo literario, dende o seu palindrómico título ata a engaiolante historia que percorre os espazos da Ribeira Sacra, onde se fabula co presente , se retrata o pasado e se recrea a idiosincrasia galega.
Xabier Quiroga tivo a ben agasallarnos coa súa presenza esta fin de semana no Roteiro literario de Izan , xeira de actividade intensa, onde os participantes tivemos ocasión de recoller as palabras de Xabier acompasadas polo zoar do vento en Marce, pescudar na fervenza de Augacaída agardando a aparición das xacias , e enmeigarnos nos camiños reviravoltos da Cova. Soubemos de contos, soubemos dos trafegos nas viñas, e quixemos escoitar o canto dos peixes ….
Soou o canto, as nosas voces baixaron pòlo Miño e espalláronse polos mares , as xacias trouxeron o seu tesouro …..porque o merecías Xabier! PARABÉNS DESDE O XOGRAR!
“ O mestre proseguiu con voz melosa:
-Non te preocupes, un día iremos xuntos dando un paseo e verás o castro e outros lugares fermosos que hai río abaixo. Tamén río arriba, eh, porque onde nós vivimos está cheo de tesouros. Iso si, hai que facer por velos”
Izan o da saca, páx 99