You are hereGalego / Actividades
Actividades
Club de Lectura musical
Resultou moi interesante a sesión do Club de lectura musical dirixida pola profesora de Música, Victoria.
A través dunha serie de pezas musicais, os participantes reflexionaron sobre as súas semellanzas e diferenzas, sobre as letras, as melodías.... A atención, a reflexión e a interrelacion de música, poesía e diálogo conseguiron unha interesante e orixinal sesión.
Faladoiro sobre actividades extraescolares
Unha nova sesión dos faladoiros dos mércores, serviu a un numeroso grupo de alumnos de distintos cursos para intercambiar opinións sobre as actividades extraescolares que ocupan moito do seu tempo de lecer e que en ocasións poden chegar a ser unha dura carga.
CERTAME COCACOLA. NOVOS TALENTOS. RELATO CURTO (11/03/2017)
O venres 11 de marzo, Pepe, Artai, Paula Soto, Lucas, Brais e Laura Orosa, alumnos de 2º de ESO, participaron no Certame de Cocacola que se celebrou na Facultade de Filoloxía da Coruña. Foron recibidos pola Decana da Facultade e os responsables de Dinamización e Cocacola. Tras realizar o seu relato foron invitados a merendar e de volta a casa. Agora a esperar a ver se hai sorte e cae algún premio.
DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO. (23/027/017)
Un ano máis homenaxeamos a Rosalía de Castro na Biblioteca do instituto. Realizouse un fermoso acto que combinou flores, música, imaxes e recitado de poemas. Contou coa presenza de nove profesores visitantes do País de Gales aos que agasallamos cunha presentación e parte do recitado en inglés.
CLUB DE LECTURA. (14/02/2017)
Núñez Singala, autor do libro Instrucións para tomar café, foi un invitado de luxo no Club de Lectura para compartir connosco a súas opinións e moitas das súas vivencias e estratexias relacionadas co seu oficio de escritor. Foi unha sesión interesante e divertida.
FALADOIROS sobre a Non violencia. (02/02/2017 08/02/2017 15/02/2017)
As últimas tres sesións dos Faladoiros que teñen lugar na Biblioteca do instituto serviron para reflexionar sobre a presenza de comportamentos violentos na sociedade en varias das súas facetas. Falamos do posicionamento dos gobernos sobre o emprego e o tráfico de armas, sobre os videoxogos violentos e os perigos que supoñen, e sobre o acoso na escola e nas redes. Contamos con moitos rapaces e con opinións interesantes.
CAMIÑOS, AS NOSAS RAÍCES NA EMIGRACIÓN. (2º e 3º trimestre)
Como parte do noso proxecto Camiños, celébrase no instituto unha interesante exposición de postais, fotos, libros, cartas e outros documentos... achegados polo alumnado e o profesorado, que revelan anacos da vida de familiares que fixeron o camiño forzoso da emigración, tal como nolo explica Castelao: Hai unha forza que nos empurra cara ao mundo e outra que nos xungue á terra nativa, pois se os camiños nos tentan a camiñar é porque deixamos unha luz acesa sobor da casa en que fomos nados, e alí nos agarda o fin da vida. Castelao
Invitamos a toda a comunidade educativa a participar
Lectura de poesía o 31 de xaneiro
Club de lectura de poesía no que os participantes de 1º e 2º de ESO camiñaron pola poesía recitando, debatendo, cantando ou interpretando fermosos poemas escollidos por eles mesmos. Foi un encontro moi interesante e emocionante
Día Escolar da Paz. 30 de xaneiro
Para conmemorar o Día Escolar da Paz celebráronse no Instituto numerosas actividades nas que participaron moitos alumnos e alumnas, coordinados polo Departamento de Dinamización lingüística, a Biblioteca e a profesora de Valores Éticos.
1. Recitado dun poema alusivo á Paz, acompañado con música por case todas as aulas nas que o alumnado colaboraba achegando palabras de paz para sementar ou de guerra para destruír. Todos os colaboradores foron obsequiados cunha poliña de oliveira e un marcapáxinas deseñado por alberto Toval para esta ocasiòn.
2. Construción dun grande círculo da paz coas fotos de todos os alumnos e alumnas do instituto e organización dun Manequin challenge expoñendo carteis, personaxes e símbolos asociados á non violencia.
3. Organización na Biblioteca dun encontro no que confluíron moitos alumnos para apoiar a lectura dun manifesto pola Paz e a non Violencia. Tamén alí foron expostas as palabras de Paz e destruídas as de guerra. Para finalizar tivo lugar un faladoiro para reflexionar sobre a xornada.
11 de xaneiro 2017. É o consumismo unha forma de ocio entre a mocidade?
Comeza xaneiro e tras as festas de Nadal, realizamos un novo faladoiro para debater sobre o consumismo. Moi interesantes as reflexións sobre o consumo responsable, o consumismo desmesurado... dos paticipantes de varios niveis de ESO e BAC.
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- seguinte ›
- última »