Skip to Content

Normalización e Dinamización

Convócase o VII Premio Vidal Bolaño 2024

“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”

BASES

1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.

2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, se ben hai que ter en conta que van ser lidas e interpretadas por alumnos e alumnas de ensino secundario, de 12 anos en diante.

3. Cada autor/a poderá presentar máis dunha obra, se así o desexa.

4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.

5. Haberá unha única obra gañadora e o premio poderá quedar deserto se as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o criterio do xurado.

6. O PRAZO de presentación de orixinais comeza unha vez publicadas as presentes bases e remata o 31 de xaneiro de 2024.

7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto coa plica, nun sobre pechado cos datos do autor/a. O ENVÍO farase a través de correo postal ao enderezo: IES Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño.

8. O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, dous profesionais do ámbito das artes escénicas e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, ás novas linguaxes contemporáneas e á singularidade temática das pezas.

9. A obra gañadora darase a coñecer, nun acto organizado polo IES Ribeira do Louro, na semana das Letras galegas, sobre o 17 de maio de 2024.

10. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.

11. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da Editorial Galaxia no prazo dun mes a partir do fallo do xurado. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.

12. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización”.

Éxito das nosas monologuistas no IES Pedro Floriani (Redondela)

      As nosas alumnas levan os monólogos teatrais sobre mulleres sobranceiras da historia ao IES Pedro Floriani, de Redondela. Despois das 16 actuacións realizadas no noso instituto durante o 8 de marzo, para conmemorar o Día da Muller, as nosas novísimas actrices de 1º e 2º ESO aceptaron o convite do instituto redondelán e colleitaron un formidable éxito nas súas aulas. Parabéns a todas elas e moitas grazas ao alumnado e profesorado que tan amablemente nos acolleron.

José Luís Baños De Cos gaña o III Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2020

José Luis Baños de Cos é o gañador da terceira edición do premio de textos teatrais “Roberto Vidal Bolaño”, coa obra titulada “A cámara escura”. O galardón instituído polo IES Ribeira do Louro, a Editorial Galaxia e o Concello do Porriño entregouse o mércores 23 de setembro, data de comezo do curso na secundaria, nun acto condicionado polos protocolos anti-covid, celebrado no salón de sesión do consistorio porriñés coa asistencia do galardoado. 

Baños de Cos é orixinario de Cádiz pero leva asentado en Galicia dende hai anos por razóns de traballo e persoais e “vén de amosar un excelente coñecemento da nosa lingua” como ponderou o xurado do certame. 

Raquel Castro, profesora do IES Ribeira do Louro e secretaria do xurado deu lectura á acta co fallo. O xurado valorou que “estamos diante dun texto cun estilo ben definido e que alén diso, presenta un rexistro de lingua máis urbana e máis próxima da mocidade; é un texto actual e eminentemente teatral xa que se lle pode sentir o pulso da escena”. 

O premio consta de 2.000 €, suxeitos ás retenciónsfiscais correspondentes e que computarán como dereitos de autor. Ademais o escritor galardoado recibiu un diploma acreditativo, unha escultura e a súa obra será publicada por Editorial Galaxia, a partir do ano que vén.

Francisco Castro, director xeral da editorial aproveitou a súa intervención para agradecerlle ao Concello do Porriño “pola súa sensibilidade á hora de apoiar este premio. Hoxesunha das capitais culturais de Galicia no que atinxe ao mundo teatral e por suposto no que é o teatro orientado á mocidade, Porriño ocupa o posto máis elevado”, segundo valorou o director xeral de Editorial Galaxia. 

Lourdes Moure, concelleira de Educación que acolleu hai tres anos a proposta que lle trasladaron o Instituto Ribeira do Louro e a editorial, manifestou que “o Concello vai continuar realizando esta achega anual de 2.000 euros e ogallá sexa por moitos anos máis”. 

Pechou o acto a alcaldesa Eva García de la Torre, quen subliñou “o esforzo enorme” realizado polos gobernos municipais o que vencellou con iniciativas como o apoio do Concello a este premio. 

O ALUMNADO DO RIBEIRA DO LOURO ELABORA UN DIARIO COLECTIVO DO CONFINAMENTO ESCOLAR POLA COVID 19

O Texto poético titulado Da corentena á desescalada conmemora as Letras galegas dedicadas este ano a Carvalho Calero.

Na semana na que estariamos celebrando no instituto a Semana das Letras Galegas, o equipo de Normalización e Dinamización Lingüística convidou ao alumnado que se atopa telebraballando, a festexar a grande data da lingua galega coa realización dun diario colectivo realizado de xeito voluntario desde as súas casas.

O Proceso baseouse en  escribir dous enunciados, dous pensamentos, dúas frases, dous versos, dúas breves ideas sobre o significado, os sentimentos durante o confinamento forzoso pola pandemia da COVID 19. A segunda idea versaría acerca da súa visión e expectativas da chamada desescalada. Con todo o material recollido  compúxose un “texto poético ilustrado” que levou por nome  “Da corentena á desescalada. Diario dun confinamento escolar”

Carvallo Calero

Para homenaxear o autor Ricardo Carvalho Calero, alumn@s de 3º da ESO realizaron unha presentación biobibliográfica con carácter didáctico para toda a comunidade escolar.

 

Distribuir contido

Iniciar sesión

  Biblioteca           



by Dr. Radut