Skip to Content

(28/04/2020): Modelos de exame ABAU 2020

Premendo no seguinte enlace, podedes acceder aos novos modelos de exame da ABAU de cada unha das materias:

https://ciug.gal/gal/abau/modelos

Para Ángeles Ríos pola súa xubilación.

A mellor partitura e os mellores desexos ante esta nova etapa, para unha gran pianista, gran profesora e gran muller! Noraboa, Ángeles. Abrazos musicais.

Comunidade educativa do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

VIAXES NO TEMPO. Proxecto: Eu tamén quero ser coma...

Os días 6 e 7 de febreiro de 2020, o alumnado da materia Coeducación para o século XXI e profesorado e alumnado integrante do Comité Lila do IES participaron no PROXECTO COEDUCATIVO "Eu tamén quero ser coma..." en colaboración co CIM de Ribadeo e os colexios da contorna, na Escola Municipal de Música e Danza.

Con esta actividade preténdese sacar á luz referentes femininos esquecidos, ocultos, descoñecidos, para que as nenas teñan aspiracións a ser o que lles guste e para que os nenos perciban que unha muller ten as mesmas capacidades que un home. O alumnado e o profesorado metéronse na pel destas mulleres e interpretaron o papel diante do alumnado dos colexios, dando así a coñecer a decisiva aportación destas mulleres á historia da humanidade. 

Os resultados deste fermoso proxecto poden verse na exposición de retratos que se inaugurou o 9 de marzo na planta baixa do IES, e nun vídeo que vén de publicar o Concello de Ribadeo. A través del poderedes viaxar no tempo e deleitarvos coas historias que vos traen dende a fotógrafa Ruth Matilde Anderson ata a ciclo-viaxeira Annie Londonderry. Un total de 17 mulleres, 17 vidas, 17 historias de superación.

Está dispoñible premendo na imaxe ou no seguinte enlace:

AS VIAXES NO TEMPO: Proxecto #EUQUEROSERCOMA. Concellería de Igualdade e CIM de Ribadeo.

 

Réplicas literarias en miniatura.

Con motivo do día do libro e, a pesar dos momentos difíciles derivados do confinamento, o alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo participou no proxecto "Réplicas literarias en miniatura" deseñado pola profesora Rosa Paz Rico do Departamento de Lingua Castelá e Literatura. Son minilibros que conteñen un pequeno texto no seu interior.

Premendo AQUÍ ou na imaxe, podedes acceder ao vídeo de Youtube con todos os traballos.

Como ben di Neruda, "podrán cortar las flores pero no podrán detener la primavera".

Noraboa a Rosa Paz pola idea, a Teresa González pola montaxe do vídeo, ao alumnado participante polo esforzo feito e a todas as familias que apoiaron a iniciativa, incluso algún, con libro propio! Grazas. 

(24/04/20): Seguimos cedendo material informático da Xunta e do IES.

No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, recibimos unha segunda entrega de material informático cedido pola Xunta de Galicia. Concretamente, outros tres ordenadores con conexión gratuíta a Internet e 5 kits de conexión para familias que xa dispoñen de ordenador. Os criterios de reparto, tal e como viña establecido na convocatoria, tiveron en conta a situación socioeconómica da familia e as posibilidades de aproveitamento do alumnado, dando prioridade ao dos cursos de final de etapa que titulen. Tamén cedemos, en réxime de préstamos, outros 4 equipos informáticos existentes no centro. 

Aínda así, seguimos detectando problemas cada día e xa solicitamos máis material. Polo tanto, se algunha familia ten problemas de conexión ou falta de medios, que se poña en contacto co centro e trataremos de buscar unha solución.

 

(23/04/20): Reducir tamaño de arquivos e ficheiros.

Vimos observando problemas por parte do alumnado á hora de adxuntar e enviar arquivos e ficheiros coas tarefas. As cámaras de moitos samartphones contan con moi boa resolución, o que fai que as fotografías excedan do peso límite para colgalas nas plataformas dixitais ou para envialas por correo.

  • A opción máis sinxela para solucionar este problema é reducir a calidade da imaxe nos axustes da cámara do teléfono: por defecto adoita ter calidade "Alta", premendo na opción "Baixa" a fotografía resultante pesará moito menos.

A continuación propoñemos outras dúas maneiras de facelo que poden ser de moita axuda:

  • Comprimir arquivos en Windows.

Premendo no seguinte enlace, accédese ás instrucións para comprimir arquivos de xeito que ocupen menos espazo de almacenamento e se poidan transferir a outros equipos máis rapidamente:

https://support.microsoft.com/es-es/help/14200/windows-compress-uncompress-zip-files

  • Enviar exercicios en formato .pdf a través da App gratuíta Office Lens.

Premendo na imaxe, pódese acceder ás instrucións para empregar a App "Office Lens" á hora de enviar exercicios para que estes pesen menos que unha fotografía. Esperamos que vos sirva de axuda.

(20/04/2020): LUZ POZO GARZA.

A mañá de hoxe recibiunos coa triste noticia do falecemento de Luz Pozo Garza, destacada poeta e académica ribadense que o 18 de xaneiro deste mesmo ano foi nomeada filla predilecta de Ribadeo. Aínda lembramos o agarimo co que tratou aquel día o alumnado e o profesorado do noso centro que participou naquel acto, o mesmo cariño que nos dispensou sempre que lle pedimos algún tipo de  colaboración co instituto.

Hoxe somos nós quen queremos deixar constancia do noso pesar polo seu falecemento e manifestarlle, en nome de toda a comunidade escolar, as nosas condolencias á súa familia.

Pensamos que a ela lle gustaría que a recordásemos cun poema seu e parécenos adecuado este, que fala da celebración de aprender:

 

APRENDER A LER FOI UNHA FESTA

Un alfabeto de colores
para aprender as palabras da tribo
Os labios que principian a balbucir
un hálito
de verbas familiares:
paxaro
luz
mamai...
E tamén un xardín de violetas
e pasionarias místicas
oreado de brisas e de pombas...
Todo vai como o sono
que semella unha pausa na memoria
Amaba os espacios
de inocente lectura provinciana
Compartimos páxinas e signos
os prados de altas herbas
por relatos de outono
pola índole da saudade
por entregas de lirios e paxaros
Así pasamos xuntos por acordos de rúas
e atalaias naquela primavera
en Ribadeo

 

(LUZ POZO: Ribadeo, Ribadeo)

 

(15/04/2020): Tutorial Cisco Webex Meetings

Premendo na imaxe, pódese visualizar o vídeo tutorial publicado pola Xunta para facilitar o acceso do alumnado ao servizo de videoconferencias Webex.

(03/04/2020): Mensaxe ás familias e ao alumnado.

Estimadas familias e querido alumnado:

Agradecemos moito o esforzo que estades a facer para tratar de manter entre todos e todas certa normalidade dende a suspensión das clases. Ánimo, xa queda menos!

A comunidade educativa do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo tamén traballamos cada día por e para o noso alumnado e queremos informarvos de varias cuestións.

PREMEDE AQUÍ PARA ACCEDER AO DOCUMENTO.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut