Paula Carballeira e o teatro no noso centro
Este martes 2 de abril, dentro das xornadas de encontros con autoras e autores organizada pola Biblioteca e, neste caso, o departamento de Lingua Galega, visitounos PAULA CARBALLEIRA, autora da peza teatral As alumnas, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023. Participou o alumnado de 1° de bacharelato que leu a obra, xunto coa súa profesora Esther Quinteiro. Paula Carballeira contounos anécdotas sobre a creación, pescuda e recepción desta obra que trata sobre a educación da muller durante o franquismo e tamén sobre a amizade. Coa soltura que dá toda unha carreira literaria e vinculada ao teatro, respondeu as preguntas das e dos asistentes e intercambiou pareceres e mesmo a interpretación dunha pasaxe connosco. Grazas Paula Carballeira por este encontro tan interesante.
O trastorno bipolar
O martes, 19 de marzo, Rubén e Luz da asociación ASBIGA estiveron por segunda vez no ROU co alumnado de psicoloxía para explicarlles en que consiste o trastorno bipolar, unha enfermidade pouco coñecida a pesar de que afecta a arredor dun 3% da poboación.
Se facedes clic no enlace poderedes acceder a un folleto informativo de dita asociación.
Feira das Ensinanzas Artísticas
O noso alumnado de 4º da ESO asistiu á oitava Edición da Feira das Ensinanzas Artísticas e Profesionais de Vigo no Museo Verbum, onde tiveron a oportunidade de informarse a cerca de ciclos oficiais de grao medio e superior, graos universitarios e formacións técnicas. Entre as especialidades estiveron presentes: moda, deseño de interiores, produción e vídeo, perruquería, xoiaría, auxiliar de vó, piloto de liñas aéreas, idiomas e caracterización.
1º BAC en Londres
Aquí temos unha foto que nos mandan os de primeiro de bacharelato da súa viaxe a Londres. Polo que se ve non deben estar a pasalo moi mal.
Celebración Día Internacional da Muller
A semana do 8 de marzo festexamos o Día Internacional da Muller mediante distintas actividades en prol da igualdade: a batucada feminista, o obradoiro de pancartas reivindicativas, a visita da escritora Luisa Abad e da artista Eva Casais, ou as distintas exposicións que encheron de nomes de mulleres os corredores do noso centro.
Competencia dixital
Indicámosvos información que cremos pode ser do voso interese sobre a orde de competencia dixital e información sobre o marco galego de competencias dixitais.
Esta proba é voluntaria e os niveis de competencias dixitais que se acreditan a través dos procedementos regulados son: iniciación e intermedio. Estes niveis correspóndense cos niveis de aptitude do Marco galego de competencias dixitais.
O alumnado que obteña o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria recibirá o certificado que acredite o nivel de iniciación. O alumnado matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria poderá presentarse á proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio.
O alumnado de 4º de ESO que titule ou que supere a proba específica recibirá a certificación ComDix de nivel iniciación ou de nivel intermedio, respectivamente.
O alumnado matriculado en 2º de bacharelato poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias da área de dominio 4 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais.
A proba específica que acredita a área de dominio 4 de nivel intermedio realizarase durante o mes de abril (bacharelato). A proba específica que acredita o nivel intermedio (4º ESO) realizarase durante o mes de maio.
O Xapón no noso centro
Estes días tivemos no noso centro un obradoiro de introducción á cultura xaponesa, organizado polas profesoras de música, Elena, e de matemáticas, Nuria, e impartido pola profesora de xaponés da Escola Oficial de Idiomas, Yerma.
De interese para o proceso de admisión
Lembramos as diferentes formas de presentación das solicitudes de admisión do alumnado:
- Solicitude electrónica: a persoa solicitante ten que dispor dun certificado de identidade e sinatura dixital ou un sistema de usuario e Chave 365. Ademais, terá que cubrir o anexo II-bis (comprobación de datos e consentimento) e imprimilo, e unha vez asinado de xeito manual pola outra persoa proxenitora, titora ou acolledora, escanealo. Xunto coa solicitude, deberá achegar o anexo II-bis e o resto da documentación que, de ser o caso, fose precisa.
- Solicitude creada a través da aplicación e presentada no centro.
- Solicitude non creada a través da aplicación e presentada no centro.
Oferta prazas curso 24/25
Idicámosvos a oferta de prazas prevista para o videiro curso 24/25. Estas prazas poderán sufrir modificacións antes da publicación provisional de admitidos.
CURSO | PRAZAS OFERTADAS |
1º ESO | 10 |
2º ESO | 0 |
3º ESO | 0 |
4º ESO | 5 |
1º BACHARELATO CIENCIAS | 30 |
1º BACHARELATO SOCIAIS E HUMANIDADES | 30 |
2º BACHARELATO CIENCIAS | 5 |
2º BACHARELATO SOCIAIS E HUMANIDADES | 10 |
Os trastornos alimentarios
O venres, 16 de febreiro, o alumnado de psicoloxía tivo unha charla impartida pola psicóloga da Asociación de Bulimia e Anorexia de Pontevedra para coñecer máis a fondo os problemas relacionados cos trastornos alimentarios. Queremos agradecervos a completa e clara exposición do tema que recibimos e ter resolto moitas das nosas dúbidas.
Deixamos o contacto da asociación:
BOUZAS: Calle Camilo Veiga 44, Bajo, Vigo 36208
Teléfono: 698 14 53 46
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- …
- seguinte ›
- última »