Skip to Content

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL


 

 

BASES DO CONCURSO

  • Poderán participar todos os alumnos do centro que o desexen.
  • A participación é individual e as postais deberán ser orixinais. Só se poderá presentar unha postal por alumno.
  • O traballo presentarase en cartolina de tamaño DIN A5 210X148 mm (medio folio). A técnica é libre: cor, branco e negro, collage, ceras... Non se poderán utilizar purpurinas.
  • Deberá incluír algún desexo ou algunha mensaxe para o ano 2019 en lingua galega.
  • ENTREGA DOS TRABALLOS. Os datos do alumno participante (nome e curso) NON irán na postal, senón nun sobre pechado que se pegará no reverso da mesma con celo. Ese sobre cos datos persoais máis a postal (que debe ser totalmente ANÓNIMA) serán depositados na caixa habilitada para este concurso na Biblioteca.
  • Un xurado formado por profesorado do centro elixirá as tres postais premiadas. Valorarase tanto o deseño da postal como a mensaxe.
  • A participación no concurso supón a aceptación destas bases.

 

PREMIOS

  • Haberá tres premios:
    • Primeiro: vale desconto de 10 para gastar na cafetería do centro (ou un agasallo de valor equivalente) e o feito de que a súa postal sexa empregada para felicitar as festas desde a páxina web do instituto.
    • Segundo: vale desconto de 7 para a cafetería.
    • Terceiro: vale desconto de 5 € para a cafetería.

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN

  • O prazo de presentación iníciase dende a publicación das bases, o día 23 de novembro de 2018, ata o día 17 de decembro de 2018.

 

RECORDA: A POSTAL DEBE SER ANÓNIMA

 

 

 




Celebrando o Samaín


Na última semana de outubro, o EDLG colaborou coa Biblioteca na celebración do Samaín. Axudamos na decoración da sala e do corredor (moitas grazas, Mely e Teresa!), e tamén seleccionamos algúns textos para as "lecturas de medo" que se realizaron nos dous recreos do día 31, dos cales incluímos un exemplo a continuación:

 

O medo

Cando o corvo da noite se pousaba 
nas derradeiras luces do solpor,
os meus ollos de neno 
enchíanse de bágoas e de lóstregos.

O vento que fungaba nas vereas
era un home langrán envolto en brétema 
cun fol ó lombo pra levar meniños. 

Os albres semellaban 
pantasmas de cabalos desbocados 
agallopando os eidos.

Un medo que me viña
das raíces do mundo 
tremíame no sangue.

Pasaba o xornaleiro asubiando
con dous luceiros prendidos na eixada, 
i eu tiña medo.

Pasaba o cazador 
con bafexantes cans
arrecendendo a toxos e carqueixas 
i eu tiña medo.

Pasaban de ruada os fortes mozos
que voltaran da guerra tan contentes, 
i eu tiña medo.

Ao pasar ó meu lado e verme os ollos,
alporizados, pasmos, decíanme:
“Non teñas medo”,
 i eu tiña medo.

Soio cando chegaba ós meus ouvidos 
a doce voz de mel da miña vella,
xa non tiña medo.

Agora non comprendo 
como aquil ser cativo,
aquela vella nena tan endébel,
(nos seus ollos azures
había luces de amenceres novos)
podía escorrentar tan grande medo.

                       
O soño sulagado, Celso Emilio Ferreiro

 

Se queres saber máis sobre isto e ver as mellores instantáneas desta actividade, preme aquí.




VISITA A MORAIME


O día 25 de outubro os alumnos de 1º e 2º de ESO fixeron unha visita a Moraime para coñecer de primeira man os traballos que está a realizar un equipo de arqueólogos nos arredores da igrexa de San Xiao. Alí puidemos ver restos de enterramentos xermánicos, parte dun muro pertencente a unha vila romana e unha fonte de tubería empedrada á que se lle atribúe tamén unha orixe romana. 

 

 

 




BENVIDOS AO CURSO 2018-2019!!!


 

Comezamos un novo curso celebrando o Día Europeo das Linguas coa Biblioteca.

 

 

No blog da Biblioteca podes ver os textos que se leron polas clases e as mellores imaxes da actividade.

 

Para saber máis sobre esta data, podes consultar o seguinte enlace:

http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/conmemoracions/dia-europeo-das-linguas




Homenaxe a Manuel Antonio


 

Seguimos a celebrar o mes das Letras Galegas. Neste caso, os alumnos de 4º da ESO, coa axuda do seu profesor de Lingua Galega, elaboraron sobrecubertas para o libro De catro a catro, de Manuel Antonio, con imaxes inspiradas nos versos deste escritor rianxeiro. Podemos ver os resultados desta proposta na exposición situada na entrada do centro.

  

 

 

 

 

 

 




Que sabes de María Victoria Moreno?


     

     Desde a Deputación da Coruña ofrécennos un vídeo interactivo co que poderemos demostrar os nosos coñecementos sobre a vida e obra desta escritora, a gran protagonista das Letras Galegas neste ano 2018. Podes acceder a el a través do seguinte enlace:

https://www.dacoruna.gal/normalizacion/video-interactivo-maria-victoria-moreno/

 

ANÍMATE E XOGA!!!

 

 




Distribuir contido


by Dr. Radut