O sábado 2 de xuño celebránronse na Facultade de Matemáticas da USC as probas para a selección do alumnado que participará no programa ESTALMAT. Un alumno do IES Pintor Colmeiro participou este ano nesta convocatoria, trátase de Rubén Lanzó Estévez. A súa primeira impresión é que entre o alumnado que acudía a esta proba había un gran nivel de matemáticas.
A deste ano foi a convocatoria na que participou un maior número de alumnos, 350 en total. Deles escolleranse 25 para participar no curso ESTALMAT 2012/13. Neste proceso trátase de detectar a alumnos cun especial talento para as matemáticas co fin de fomentalo e adestralo para introducilos nos métodos e estratexias usados nesta ciencia. Non se trata dun proxecto elitista pois é un curso totalmente gratuito no que incluso se tramitan bolsas para o transporte. Durante dous cursos prográmanse aproximadamente 20 sesións anuais nas mañáns dos sábados, de 10:30 a 14:00 horas na Facultade de Matemáticas. O grupo escollido recibirá aulas de ampliación do coeñecemento de contidos e estratexias matemáticos.