INFORMACIÓN TÉCNICA DA OFICINA AGRARIA COMARCAL DE MEIRA

O martes, día 25 de maio de 2021, as técnicas da Oficina Agraria Comarcal de Meira, Fátima Docio e Amparo Rivas, achegáronse ata o IES Pedregal de Irimia para ter un encontro cos 23 alumnos e alumnas da materia de libre configuración do centro: “Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural (ARMN)”. No encontro, de 50 minutos, as dúas técnicas explicaron o traballo administrativo e de campo que dende estas delegacións da Consellaría do Medio Rural realizan como apoio ao sector agrogandeiro comarcal (asesoramento, formación, tramitación de axudas, control de pragas...). A maiores as técnicas exemplificaron a incorporación de mozos e mozas no sector primario da comarca, como unha saída laboral ou como unha achega complementaria aos ingresos familiares. O alumnado tivo a oportunidade de departir con elas e de trasladar as súas preguntas e dúbidas.