ADMISIÓN DO ALUMNADO CURSO 2023/2024
ORDE do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).
Artigo 5. Información ao alumnado e ás familias
2. Así mesmo, durante a tramitación do procedemento de reserva e de admisión exporán no seu taboleiro de anuncios e na páxina web, como mínimo, a seguinte información:
a) Normativa reguladora do procedemento.
b) Prazo de presentación das solicitudes de reserva.
c) Data de publicación da listaxe do alumnado con posto reservado.
d) Postos escolares ofertados en cada nivel e etapa, que deberán manter actualizados.
e) Prazo de presentación das solicitudes de admisión.
f) Nota informativa que indique expresamente que:
1º. Todo o alumnado incluído no ámbito desta orde poderá presentar solicitude de admisión, pedindo ata seis (6) centros por orde de preferencia, e alegar os criterios de admisión que pretenda que se lle valoren. Esta solicitude de admisión dirixirase ao centro solicitado en primeiro lugar.
Despois de presentar unha solicitude de admisión, para renunciar a ela deberá facerse expresamente, indicándoo no recadro correspondente da nova solicitude que deberá presentarse.
2º. O alumnado que teña prioridade para continuar estudos nun centro de adscrición pode exercer o seu dereito á reserva de praza presentando solicitude de reserva no centro adscrito, isto é, no que está matriculado nese momento, e identificará o centro de adscrición que solicita.
3º. En todo caso, a solicitude de reserva ou de admisión é única para cada alumno/a e ten carácter vinculante. A súa presentación implica que son certos os datos indicados nela.
A existencia dunha solicitude de admisión presentada en prazo sen renunciar expresamente á anterior e, así mesmo, a existencia dunha solicitude de admisión sen ter renunciado á praza reservada a 28 de febreiro (este incluído) poderán ser causa de perda do dereito a participar no procedemento nos termos previstos no artigo 8.
g) Prazo de presentación da documentación xustificativa dos criterios de baremo alegados.
h) Data de publicación da listaxe provisional e definitiva do alumnado admitido e non admitido e prazo para formular reclamación.
i) Prazo para formalizar a matrícula.
k) Centros que ten adscritos e adscrición do centro a outro ou outros, se é o caso.
l) Área de influencia do centro en cada unha das ensinanzas impartidas e áreas limítrofes.
m) Servizos complementarios que ofreza o centro, identificando a normativa concreta que os regule.
n) Así mesmo, incluirá a referencia a que a admisión e a matriculación nun centro docente público ou privado concertado implicarán respectar o proxecto educativo e o carácter propio do centro privado concertado, se o tivese.
3. Ademais, o centro indicará expresamente na información ao alumnado e ás familias que poderán consultar na aplicación admisionalumnado (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado):
a) O cronograma coas datas dos trámites principais do procedemento de reserva, admisión ordinaria e matrícula.
b) A previsión de postos escolares dispoñibles e as súas modificacións.
c) A relación do alumnado de cada curso, co número da solicitude de admisión asignado pola aplicación admisionalumnado no momento da súa gravación.
d) O estado de tramitación da súa solicitude utilizando o número de solicitude e o número de DNI da persoa solicitante.
e) A listaxe do alumnado con posto reservado e a listaxe provisional e definitiva do alumnado admitido coa puntuación total e do alumnado non admitido, utilizando calquera dos mecanismos de identificación admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o certificado dixital e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).