Alumnado de 2º e 3º da ESO do IES Nosa Sra dos Ollos Grandes participaron nun obradoiro de “Iniciación á pegada dixital e redes sociais” impartido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Nela trataron aspectos básicos como a identidade dixital, a seguridade e a privacidade, aprenderon a configurar os seus perfís sociais, a configurar os motores de búsqueda nos seus dispositivos e tamén novos termos como o “egosurfing”.
Efrén Arias Jordán, profesor de programación no grado de Robótica, regalou ao alumnado do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes unha charla sobre programación e robótica.
Descubriunos que os robots están presentes na maioría dos procesos industriais e que topamos con eles no noso día a día, desde un simple semáforo ata o mais sofisticado dos satélites, pasando polo mesmo espertador do móbil.
Vimos como era quen de mover un pequeno brazo robótico cun sinxelo programa e puxo varios exemplos de Intelixencia artificial.
Aquí en Lugo temos a sorte de ser un dos poucos sitios en España onde podemos estudar Robótica. Foi xenial!
Esta semana, os alumnos de TIC de 2º de BAC tiveron a sorte de contar con Efrén Arias Jordán, profesor de programación na Escola de Enxeñeiros do Campus Terra da Universidade de Santiago.
Efrén estanos acercando un pouco a unha das linguaxes de programación máis en boga nos últimos anos, Python. Unha linguaxe que utilizan moitas das grandes empresas do mundo tecnolóxico e que lles será moi útil a tódolos alumnos, especialmente a aqueles que o próximo ano opten por un grado do mundo das enxeñerías e a informática.
Dende o departamento de Tecnoloxía so podemos estar enormemente agradecidas.