Dinamización Lingüística

Departamento de Dinamización Lingüística

Revista escolar do curso 2023-2024: A Leira dos Trasnos

Temos o pracer de anunciar a saída da revista do curso escolar 2023-2024. Preme na imaxe da portada para descargala.

 

Intercambio co IES Faro das Lúas

Este curso o EDLG en colaboración co departamento de Lingua e L. Galega coordinou un intercambio co IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa. Este intercambio durará dous cursos, 23/24 e 24/25. Neste proxecto participou o alumnado de 3º da ESO dos dous centros. Durante o curso mantiveron unha relación epistolar e o día dezaoito de xuño invitáronnos a pasar unha xornada de convivencia en Vilanova de Arousa durante a cal se coñeceron persoalmente e forxaron amizade.

Foi un día inesquecible, tras as presentacións amosáronnos o seu centro e despois acompañáronnos a facer un roteiro guiado polos principais puntos da vila con visita á casa de Valle-Inclán. Despois de invitarnos a xantar leváronnos á praia do Terrón onde a rapazada participou nunha serie de xogos inclusivos ademais de gozar da paisaxe mariña.

Durante o curso 24/25 continuaremos co intercambio e co mesmo alumnado que estará en 4º da ESO, seguirán mantendo unha relación epistolar e tocaranos a nós facer de anfitrións.

Este intercambio pensouse cun centro da costa para que o alumnado poida comparar as variantes dialectais, ver as diferenzas costa-interior...

Pasámolo xenial e foi moi produtivo.  Agora só queda agardar a que comece o curso para continuar co proxecto e de momento descansar e gozar das vacacións que temos ben merecidas, non sen antes agradecer ó IES Faro das Lúas, ó seu EDLG e en particular á Fátima, Raquel e a Kito pola atención que tiveron con nós.

Moitas grazas e ata setembro.

Bo período de lecer!

 

  

  

Camiño de Santiago

Coma todos os anos o EDLG remata o curso coa realización dun tramo do Camiño de Santiago. Este ano tocou Triacastela-Sarria, un tramo moi fermoso con partes máis difíciles e con partes máis doadas pero todas elas cheas de encanto. Nesta actividade plurianual e interdisciplinar o noso alumnado e o profesorado acompañante puideron observar a flora e a fauna desta zona de Galicia, a variante dialectal, os tipos de construcións, os teitos...

Esta é unha experiencia marabillosa e xa estamos pensando na etapa Sarria-Portomarín que nos toca para o curso vindeiro.

Ata o ano!

 

Conferencia Xavier Senín

O día vinte e catro de maio tivemos a honra e o pracer de ter con nós a Xavier Senín, autor do libro de relatos O alfaiate portugués, que o alumnado de 4º da ESO e de 1º de BAC leu no terceiro trimestre.

Xavier falounos do seu libro, de como naceu a idea, a estrutura de cada texto, de onde saen as historias e fixo fincapé nas que se localizan en Antas e Monterroso.

Tamén nos explicou que é un escritor, se se pode vivir de escribir e citou algúns exemplos…

Por último dedicou un tempo a asinar exemplares.

Foi un encontro moi produtivo que agardamos que se poida repetir.

 

Grazas Xavier por todo.

     

Ata outra.

 

     

 

Actividade coordinada polo EDLG

Receitas de Entroido

Chegou o Entroido e os rapaces de 1º da ESO puxéronse a buscar información sobre o Entroido na zona e en Galicia e os moi larpeiros preguntaron nas súas casas por receitas típicas desta época do ano. Ademais, como contamos con alumnado procedente doutros países, tamén soubemos como se celebra o Entroido en Brasil, Colombia, Perú... e cales son os pratos típicos desta época.

Unha vez rematados os traballos expuxéronos no Recuncho das Verbas.

Concurso de Postais de Nadal

O alumnado do IES de Monterroso quixo felicitarnos o Nadal cunhas preciosas postais que presentou ao concurso convocado polo EDLG. O xurado tivo moi difícil a escolla dada a calidade dos traballos. Estas postais expuxéronse no taboleiro da entrada do IES.

As gañadoras foron:

1º PREMIO - Thais Otero Veiga (2º ESO A)

2º PREMIO - Claudia García Prado (2º ESO B)

 

Revista Escolar do curso 2022-2023 A Leira dos Trasnos

Temos o pracer de anunciar a saída da revista do curso escolar 2022-2023. Preme na imaxe da portada para descargala.

 

Revista

Concurso de Relatos de Terror

Chegou o outono e con el o Samaín e os nosos trasniños puxéronse a escribir uns preciosos relatos de terror que presentaron ao Concurso de Relatos convocado polo EDLG do IES de Monterroso.

O xurado, que o tivo moi difícil dado a cantidade e a calidade dos traballos, ACORDOU por maioría emitir o seguinte fallo:

 

1º PREMIO - Iria Vázquez López (4º ESO A)

 

2º PREMIO - Sara Vázquez Rodríguez (1º ESO A) e Saúl Cid Seijas (4º ESO A)

Camiño de Santiago

Un ano máis o EDLG remata as súas actividades o día oito de xuño coa realización dunha etapa do Camiño de Santiago. Esta é unha actividade plurianual e interdisciplinar.O curso pasado  chegamos a Santiago de Compostela e este ano volvemos a comezar e fixemos a etapa Cebreiro –Triacastela. Unha etapa tan fermosa como difícil na que os nosos  alumnos puideron coñecer o galego do bloque Oriental “in situ”, a súa vexetación, flora, fauna, as construcións (casas, igrexas, pallozas, hórreos...) 

 

Día das letras galegas


Comezou o mes de maio e con el as celebracións das LETRAS GALEGAS.

Todos os anos a Consellería de Educación envía uns carteis sobre o autor ó que se lle dedica o Día das Letras Galegas, este ano Francisco Fernández del Riego. Fíxose unha exposición con estes carteis e o noso alumnado buscou alí información para realizar os traballos que as profesoras de Lingua lles pediron.

O alumnado de 1º da ESO elaborou uns  carteis preciosos coa intención de normalizar e dignificar o uso do galego. Estes carteis expuxéronse na entrada do centro e polos corredores.

O alumnado de FPB1 homenaxeou a Francisco Fernández del Riego elaborando uns carteis sobre a súa vida e a súa obra.

O alumnado de 2º de BAC realizou unhas caricaturas de Fernández del Riego  que se expuxeron polos corredores do centro.

Para coñecer un pouco máis o autor ó que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego, algúns alumnos de 2º da ESO (Reforzo) fixeron unha representación lida da obra de teatro de Eva Mejuto:  As cousas de don Paco,  na que os protagonistas son os obxectos  que acompañaron a  don Paco  en distintas etapas da súa vida. 

Distribuir contido