Skip to Content

Somos Miraflores

Avda Miguel Hernández, 8. 15173- Oleiros (A Coruña).

Tno: 881 880 845. e-mail: ies.miraflores@edu.xunta.es

II Premio de Poesía Estratosférica

O II Premio de Poesía Estratosférica é unha iniciativa de NOSA (Axencia Espacial Escolar  Galega) solidariamente entre os seguintes centros educativos: IES Maruxa Mallo de Ordes, IES Miraflores de Oleiros, IES Marco  do Camballón de Vila de Cruces, IES Arzobispo Xelmirez II de Santiago de Compostela, CPI O Cruce de Cerceda e IES Ferrol Vello de Ferrol.

Consulta as bases aquí e anímate a participar!

PARTICIPACIÓN NA FASE GALEGA DA X OLIMPIADA DE XEOLOXÍA

 

Este mércores 13 de febreiro o IES Miraflores participou na fase galega da X Olimpiada de Xeoloxía na facultade de Bioloxía da USC. Representounos un grupo de once alumnos/as de 4ºESO (Celtia, Eva, Julia) e 1º Bacharelato (Bea, Sofía, Lara, Fernando, Diego, Marcos, Tomás e Carlos) que mediron as súas forzas cun centenar de rapaces chegados de todas as partes da provincia. Alí foron calurosamente recibidos polo decano da facultade, a directora do departamento de Edafoloxía e pola responsable territorial da AEPECT Galicia, Laura Fernández.

En primeiro lugar realizaron a competición por equipos. Pasaron a mañá percorrendo o Campus Sur, brúxula en man, identificando rochas e estruturas xeolóxicas na ximcana deseñada especialmente para este evento. A climatoloxía non puido ser máis propicia!

Xa pola tarde tivo lugar a proba individual e a continuación a visita aos herbario da facultade e a interesante charla sobre plantas hiperacumuladoras de metáis pesados.

Este ano o índice de participación foi moi elevado, dobrando o número de participantes con respecto ao ano pasado, indicativo de que a “Xeoloxía” engancha, como ben argumentou Laura desde a tribuna da Aula Magna da Facultade.

Parabéns aos nosos olímpicos por participaren nesta edición! O fixéchedes moi ben!

4º ESO ASISTE Á OBRA DE TEATRO PELOS NA LINGUA E VISITA AO MUSEO DO POBO GALEGO

O martes 12 de febreiro, o alumnado de 4 ESO desprazámonos ata Santiago para asistir á obra teatral Pelos na Lingua no Salón Teatro e representada pola compañía Talía Teatro.

Pelos na lingua é un divertido espectáculo que fala en clave positiva da situación crítica que está a vivir a nosa lingua.

A diversión estaba garantizada...

A continuación participamos nunha xincana polo centro histórico da capital galega...

O bo tempo acompañounos en dita actividade... e disfrutaron moito coa actividade a pesar da calor...

Parabéns ao grupo gañador formado por Charles, Eduardo, Andrés, Roi, Jose Fernando, Sergio, Bruno, Santiago, Pablo, Joel, Manuel, Ángel e Sergio Puertas

Despois de xantar visitamos  o Museo do Pobo Galego o Panteón de Galegos Ilustres  e a Exposición Alba de Gloria de Castelao. na Igrexa de San Domingos de Bonaval...

Sobre as 19h estabamos de regreso.

A actividade estaba organizada polo Departamento de Lingua Galega e de Xeografía e Historia.

III CONGRESO NOSA

Ao fin todo chega e, aínda que parecía que non, tamén o 11 de febreiro: o día internacional da muller e a nena na ciencia, a data escollida para a celebración do III Congreso NOSA, no que participaron máis de 360 alumnos e alumnas dos seis institutos que forman a Axencia Espacial Escolar Galega.

A organización correspondeulle, este curso, ao IES Miraflores de Oleiros e 30 alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO foron os encargados de facelo posible: recepción de participantes e entrega de acreditacións, presentación, técnicos de son, imaxe, iluminación, etc...

Ademais o IES Miraflores contribuíu no congreso con:

  • 2 relatorios científicos a cargo do alumnado de 4º ESO de Bioloxía e TIC II e Tecnoloxía Indutrial II de 2º de Bacharelato
  • presentación da páxina web nosa.gal, elaborada polo alumnado de TIC II
  • participación na mesa de obxectivos
  • presentación do tráiler da MarumaSat IV, elaborado tamén por alumnos de TIC II.

As profesoras que coordinamos a actividade agradecemos ao Concello de Oleiros a cesión gratuíta do Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, a comedela que nos ofreceron a media mañá e a coordinación coa Policía Local e Protección Civil, para o acceso dos autobuses dos participantes.

ASISTENCIA DE 1º BACHARELATO Á OBRA TEATRAL "ELISA E MARCELA" NO AUDITORIO DE MERA

O venres 8 de febreiro ás 11h o alumnado de 1 bach do IES Miraflores asistiu a representación teatral “Elisa e Marcela” no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera.
O 8 de xuño de 1901 dúas mulleres, Elisa e Marcela, casan na igrexa de Sa Xurxo en A Coruña.

Para conseguir enganar ao cura e facer oficial  o seu amor, Elisa transfórmase en Mario. A voda  e posteriores acontecementos que envolven a súa historia convértenas  no primero matrimonio homosexual do que tenemos constancia en todo o Estado pero tamén  nunhas das mulleres  máis  transgresoras da historia de Galicia.

Elisa e Marcela son un símbolo do desafío ás  do binomio do xénero e da defensa dos  dereitos  das parellas  lésbicas.

O noso alumnado ríu a fartar coas cómicas da Panadaría,  pero tamén reflexionou sobre a necesidade de normalizar unha opción sexual que por desgraza aínda non o é...

A actividade estaba organizada polo Equipo de Noramalización do Concello de Oleiros e o Departamento de Dinamización Lingüística do IES Miraflores.

COMEZAMOS A CONTA ATRÁS ....

Para obter máis información preme  aquí

RUTA XEOLÓXICA NO BARBANZA

A soleada mañá do 25 de xaneiro o alumnado de 1º de bacharelato participou nunha ruta xeolóxica polo Barbanza dentro da IV edición do programa “descubrindo as rochas que pisas” dirixido polo divulgador e doutor en Xeoloxía Francisco Canosa.

Foi unha oportunidade marabillosa para trasladar os conceptos teóricos aprendidos na clase sobre o campo e comprender que a teoría e a práctica casan perfectamente na natureza.

Identificamos procesos de metamorfismo de contacto e metasomatismo na Praia de Touro, desde o mirador de Corrubedo entendimos que a duna protexida vai acabar cubríndose pola vexetación e convertíndose nunha duna fixa, preto do faro descubrimos a presenza de turba e nin máis nin menos que dunha praia fósil!

Desde a Curotiña contemplamos unha das paisaxes máis fermosas do día perdéndose a nosa mirada entre bateas, illas e nos confíns de cabo Silleiro.

A última lección da xornada foi nas pías e marmitas do Río Pedras (unas formacións causadas pola acción xiratoria de fragmentos rochosos sobre o cauce do río) onde demos por concluída esta actividade. Parabéns a todos os participantes polo voso comportamento e atención!

ÉXITO DA II EDICIÓN DE "EXPORIENTAMIRAFLORES"

Máis dunha trintena de centros de formación profesional, universidades e organismos ou entidades relacionados coa formación e o emprego, reuníronse o xoves 24 de xaneiro no IES  Miraflores de Oleiros para participar na II Edición de  EXPORIENTAMIRAFLORES co lema “ Eu son  eu. Decido  sen escusas”

Esta iniciativa, organizada e cooordinada polo departamento de Orientación, persegue favorecer a madurez vocacional do alumnado enfrontándoo a experiencias que lle fagan reflexionar sobre o seu futuro académico e profesional. Nesta edición tiveron especial relevancia a comunicación, as linguas estranxeiras e o  desenvolvemento da intelixencia emocional como competencias que, sen dúbida, teñen que acompañar ao noso alumnado para poder acceder ao mercado laboral do futuro. Perseguindo estes obxectivos deseñáronse actividades como talleres de árabe, chinés ou xaponés, e iniciación ao mindfulness ou experiencias con cans guías así como charlas e conferencias sobre como falar en público ou a importancia da linguaxe dixital. Nesta xornada de portas abertas tamén se fomentou a participación activa dos pais e nais deseñando talleres nos que participaron específicamente. 

RODAXE DO PROGRAMA AQUELANDO DA TVG

Hoxe, 16 de xaneiro, completouse a rodaxe do programa de divulgación científica Aquelando no que participou alumnado de 3º e 4º da ESO.

O pasado 19 de novembro parte do alumnado da materia de Tecnoloxía de 3º e 4º da ESO participou na gravación do programa de divulgación científica Aquelando, que a TVG emitirá nos próximos meses. Neste capítulo, adicado ao espazo asesoramos a Manuel Vicente, director e presentador do programa, sobre o proceso de fabricación e lanzamento dunha cápsula estratosférica: materiais, illamento térmico, colocación das cámaras, dos equipos de medida, da radiosonda, etc... 

Para todo isto tivemos que facer varios grupos e a rodaxe foi moi sinxela, xa que se portaron xenial con nós e nos axudaron nas partes que tiñamos que intervir falando ou amosando como se fan as cousas, e así conseguiron que nos sentisemos como nunha clase normal. Foi moi divertido.

Na imaxe podedes ver a un grupo de alumnos no momento da gravación.

E hoxe por fin, lanzaron a cápsula que axudamos a fabricar, coa participación de alumnado doutros centros da NOSA, a axencia espacial escolar galega.

Atentos á tele nos próximos meses!!!

(Información elaborada por Sandra Duarte, Inés Leiva, Lucía Rodríguez, Lucía Barcia, Paula Ruoti e Ana Fernández)

 

SEMANA BRANCA 2019 EN ANDORRA

A semana do 6 ao 12 de xaneiro un grupo de 112 alumnos e alumnas do IES Miraflores de 1º ESO ata 1º de Bacharelato viaxaron a Andorra acompañados de 6 profesores co obxectivo de iniciarse e perfeccionar o deporte do esquí e snowboard na estación de Grand Valira.

O día da chegada xantaron na cidade de Andorra, distribuíronse nas habitacións do hotel e recolleron o material de esquí a pé de pista. Moitos deles era a primeira vez que se afacían a este material e tiñan que aprender como poñer as botas, levar os esquís, adaptar o casco, etc.

A rutina diaria comezaba por erguerse cedo, almorzar no hotel e dirixirse ás pistas.  Todas as xornadas de 10 a 12 da mañá os alumnos recibiron clases da man dos monitores da Escola Andorrana. Desde o primero día o alumnado distribuiuse en grupos segundo o seu nivel de destreza na disciplina escollida: desde debutantes ata niveis avanzados de esquí ou snowboard.

O tempo non acompañou demasiado nas primeiras xornadas xa que as temperaturas eran bastante xélidas e aínda que nevaba pola noite, a calidade da neve non era a óptima, atopando máis xeo do que é habitual para esta época do ano. Non obstante, iso non menguou as gañas e o disfrute do noso alumnado que deu o mellor de sí nas pistas aproveitando ao máximo as súas clases. Polas tardes chegaría o momento de compartir o aprendido co resto dos compañeiros esquiando en pequenos grupos de forma libre por diferentes sectores da estación.

O mércores pola noite, logo dunha intensa xornada, puideron relaxarse no espazo termolúdico de Caldea o que contribuiu á súa recuperación física para afrontar os dous seguintes días de actividade. Alí gozaron de chorros de auga termal, dunha lagoa exterior con vistas á montaña, jacuzzi, baño turco, etc.

Foron uns días de convivencia excepcionais onde o alumnado de diferentes idades tivo a oportunidade de relacionarse entre sí e co profesorado en diferentes situación nun entorno diferente ao que están acostumados.

Parabéns a todos pola vosa participación!

Máis detalles da experiencia en: https://www.instagram.com/oleirensesnaneve/?hl=es

Distribuir contido


by Dr. Radut