O ALUMNADO DE 3º ESO TRABALLOU SOBRE OS MITOS DO AMOR ROMÁNTICO
Durante o primeiro trimestre, e dentro do Plan Proxecta Donas de si, o alumnado de 3º ESO realizou un traballo de investigación sobre os diferentes mitos do “amor romántico” e posteriormente expúxollo oralmente ao resto de compañeiros e compañeiras.
Aproveitamos a exposición trimestral que realizan na materia de Lingua Castelá e Literatura para desmontar estes mitos e que sexan conscientes dos prexuízos que comportan e dos perigos que pode supoñer para eles basearse neles para establecer unha relación amorosa.
Dedicamos unha sesión para reflexionar sobre o que é o amor romántico, así como os distintos mitos que o sustentan. Servímonos dun fragmento da charla que realiza Marina Marroquí para o proxecto #AprendemosJuntos de BBVA e, a partir del, a clase comentou algúns aspectos que lle pareceron interesantes.
Os mitos do amor romántico cos que traballamos foron os seguintes:
- A media laranxa e a alma xemelga.
- O amor pode con todo e perdóao todo.
- O amor doe.
- Os polos opostos atráense.
- O príncipe azul ou a princesa.
- O amor eterno.
- O primeiro amor márcate de por vida.
- Os celos son un signo de amor.
- O amor e o namoramento son o mesmo.
- O cambio por amor.
- O amor é posesión e exclusividade.
Os puntos que se abordaron en todos os traballos foron :
- Explicación do mito en cuestión.
- Exemplificación do mito mediante refráns, crenzas populares, series, libros, películas, letras de cancións...
- Reflexión sobre os perigos que conleva o mito nunha relación amorosa.
- Solucións para loitar contra este mito.
Todo isto foi apoiado con imaxes e/ou ilustracións exemplificadoras.
Grazas a este traballo, o alumnado puido coñecer os diferentes mitos e, ademais, foron os propios compañeiros os que achegaron exemplos tirados da súa realidade: desde letras de cancións ou libros ata series e curtametraxes.
Análise de “El malquerer” de Rosalía
Os luns 14 e 21 de novembro desde a materia de Afondamento de Lingua Castelá aproveitamos as letras das distintas cancións de conforman o disco “El malquerer” de Rosalía para analizalas e abordar a temática relacionada co 25N.
O alumnado buscou información sobre as letras, tendo en conta distintos aspectos: recursos literarios, referencias artísticas, relacións entre a letra de Rosalía e a historia da literatura, etc. Servímonos da unidade didáctica creada por Cristian Olivé para levar a cabo a nosa propia versión.
Nas cancións da artista catalá resúmense perfectamente as distintas etapas polas que pasa unha muller que está sufrindo violencia de xénero: desde o "Augurio" (primeira canción do disco) de que algo malo vai pasar e o "Celos" (terceira canción), ata a liberación da muller cando esta toma o "Poder" (última canción do disco).
Todas estas actividades foron moi enriquecedoras, xa que nos levaron a debater e afondar nesta temática tan necesaria entre a mocidade.
Deixámosvos algunhas fotografías.