NO IES MARTAGUISELA DO BARCO DE VALDEORRAS SEGUIMOS CON CHARLAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.
Dentro do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade e grazas á Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, seguimos levando a cabo diferentes charlas co alumnado da ESO e BAC. O pasado martes, 29 de novembro foi o alumnado de 1º de BAC quen asistiu a unha charla sobre Violencia de xénero no novo contexto dixital.
Este obradoiro foi impartido pola asociación vasca Pantallas Amigas, que levan dende o ano 2004 traballando cos adolescentes para desenvolver nos máis novos as habilidades e as competencias dixitais que lles permitan participar de forma activa, positiva e saudable na rede.
Nesta ocasión, o alumnado de 1º BAC tivo a oportunidade de descubrir e afondar novas formas de violencia que xorden no contexto dixital. Ao comezo da charla definiuse a violencia de xénero e os distintos roles de xénero a partir de exemplos coma o tipo de xoguetes e o reparto de tarefas na estrutura familiar. Empregouse a Historia de Pepe y Pepa de Carme Ruíz Repullo para detectar pequenas mostras de micromachismos, nunha escaleira de violencia que amosa como progresan, paso a paso, as distintas actitudes machistas que rematan nas formas de violencia máis explícita. Tras isto revisáronse e explicáronse varias formas distintas de ciberviolencia de xénero, como o grooming, a sextorsión, e distintas formas de vixiancia e control (por exemplo, por xeolocalización).
Deixámosvos algunhas fotografías de diferentes momentos da charla.
Fai clic na imaxe ou aquí para ver todas as fotos da charla.