O pasado mércores, día 26 de outubro, o alumnado de 4º ESO que cursa a materia de Bioloxía, acompañado polo seu profesor Óscar de Alonso, participou nas actividades organizadas pola Asociación Chelonia en colaboración co concello do Barco de Valdeorras
A primeira hora da mañá asistiron á exposición dunha conferencia sobre a problemática do lixo que afecta ao medio mariño e aos ambientes acuáticos, sobre a importancia dos océanos e corpos de auga para o planeta e a loita contra o cambio climático acelerado, sobre a importancia e necesidade da reciclaxe e da economía circular e o consumo responsable. Esta conferencia foi impartida por Antonio Castro, Director de Proxectos da Asociación Chelonia, no salón de actos do centro educativo.
Posteriormente, o alumnado participante desprazouse ao parque do Salgueiral para realizar unha recollida de lixo nas Beiras do Sil, desde ese punto ata o parque do Campiño (Viloira), nun tramo duns 1.200 metros de lonxitude. Recolléronse un total de 194,32 kg de residuos, entre os que resaltaron dous pneumáticos (un de grande tamaño), 8 xanelas de cristal (que foron levadas ao punto limpo, xa que pesaban demasiado para levalas de Viloira ao punto de encontro no Salgueiral), pezas metálicas, envases lixeiros e algúns de vidro, así como un número importante de toalliñas hixiénicas, entro outros moitos elementos.
Estas actividades foron coordinadas pola Asociación Chelonia, dentro do proxecto Mares Circulares, impulsado por Coca-Cola Europacific Partners, que se vén desenvolvendo en máis de 80 localizacións de España e Portugal desde o ano 2018.
O alumnado fixo unha valoración moi positiva desta actividade e regresou ao instituto cun maior grao de concienciación sobre a necesidade da reciclaxe e o bo uso dos residuos que xeramos no día a día.
Deixámosvos fotografías de diferentes momento da actividade.