Extraescolares e Complementarias

Campionato provicial de orientación 2015

Este mércores, 11 de marzo,  celebrouse o Campionato provincial de orientación coa participación por vez primeira do nosos centro. Os resultados poden considerarse como magníficos na medida en que se competía con alumnos/as federados: Martina acadou o 3º posto en cadete feminio e Marcos o 4º en infantil masculino. Noraboa a todos/as os participantes. Clicando aquí podes ver unha pequena mostra do evento.

FESTIVAL BENÉFICO MARÍA SOLIÑA-INDIA

FESTIVAL BENÉFICO. ESCOLAS DO MUNDO.Risa

O sábado 7 de xuño de 2014, ás 22,00 h., terá lugar no Auditorio Municipal o Festival Benéfico a prol da Escola María Soliña da India.  Clicando nos arquivos adxuntos podedes consultar o cartel e a programación do evento.Tanto a Fila 0 como a entrada anticipada para o mesmo poden retirarse no Instituto a un prezo de 3 euros (4 euros en taquilla).

Agardamos a vosa desinteresada colaboración.

Cartel

Programación

IV XORNADAS DE ORIENTACIÓN DO MORRAZO

Alumnos/as de 4º da ESO do noso centro realizaron unha visita ao IES Johan Carballeira de Bueu dentro das IX Xornadas de Orientación do Morrazo. Cliclando aquí podes ver aos asistentes.

Día Mundial da Poesía

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Manifesto

Aquí e agora, en Cangas, a 21 de marzo do 2014, queremos reivindicar a Poesía. É, para nós, moi, moi necesaria

PORQUE para quen escribe é unha maneira de liberarse; para quen le, é un xeito reconfortante de sentir que non está só no mundo: hai alguén máis que pensa coma ti.

PORQUE poesía é liberdade, beleza, soños convertidos en palabras. Medos, pesadelos, monstros e escuridade. A poesía é unha mestura de todo o que nos move por dentro. A poesía é un cacho de alma.

PORQUE é ese sentimento que non se pode demostrar pero si mostrar. Unha maneira de fuxir deste [p...] mundo que non mellora e que non ten pinta de mellorar PORQUE é unha forma de respirar, de saír do teu corpo, de rachar co silencio.

PORQUE é un xogo hipnótico de palabras que se enlazan, que se xuntan con coherencia ou sen ela, con ou sen rima, pero cargadas de emocións. Cantadas, interpretadas... son silencios, son murmurios, son versos, son estrofas que se moven pola cabeza para expresar as emocións do corazón.

Club de Poesía María Soliño Cangas- 2014

Imaxes do acto

Saída didáctica a Bueu

SAÍDA DIDÁCTICA  A BUEU
ALUMNADO DE 4º ESO-PDC. ÁMBITO SOCIO´LINGÜÍSTICO
Mª XESÚS MOREIRA FONTÁN

  A finalidade da saída didáctica a Bueu foi coñecer as actividades económicas relacionadas coa pesca (industria conserveira, extracción, comercialización), ademais de observar como eran as artes e embarcacións tradicionais. Tamén visitamos o Museo Massó, emblema da industrialización galega de finais do século XIX.

  Comezamos o noso percorrido na lonxa, onde o patrón maior nos informou da pesquería máis importante e recoñecida de Bueu, o polbo, e doutras como a navalla que conta cun selo de calidade específico, recoñecido a nivel mundial, o percebe e outras pesquerías de baixura (maragota, linguado, robaliza, etc.) e de cerco (xurelo, xarda e sardiña) que se comercializa baixo a denominación “pesca de rías”. Todas estas pesquerías captúranse no contorno da illa de Ons que ofrece boa alimentación ás diferentes especies mariñas.

  Despois continuamos o percorrido seguindo o sendeiro litoral de Bueu escoitando as explicacións dun guía excepcional, Manuel Otero. Ademais de todo o relacionado coa pesca actual, o cultivo de mexillón en batea e pesca tradicional, recibimos información sobre a orixe romana de Bueu, os vestixios da salga e o comercio nesa época. Seguindo o itinerario chegamos ao peirao onde están as reproducións das embarcacións tradicionais da  Asociación “Os Galos”, onde puidemos comprobar as características das embarcacións segundo a pesquería e as artes que empregaban. Máis adiante vimos o monumento a Johan Carballeira, xornalista, poeta e alcalde de Bueu durante a II República,  entre os seus logros como alcalde destaca o acordo entre os mariñeiros e os empresarios da conserva sobre o prezo da sardiña.  Johan Carballeira foi encarcerado durante a Guerra do 36 e axusticiado inxustamente.

  Para acabar a nosa visita fomos ao Museo Massó, que está situado na antiga conserveira do mesmo nome. Puidemos ver a evolución da industria conserveira desde a salga á conserva, propiamente dita, como se estableceron en Bueu e Cangas os fomentadores cataláns desde finais do século XIX. De entre os fondos do museo destacariamos: as embarcacións e utensilios de carpintaría de ribeira, as artes de pesca tradicionais, as diversas máquinas e útiles da conserva (pódese observar a evolución tecnóloxica desde o XIX ao XX, pois Massó foi unha das industrias punteiras na Europa dos anos 60, con instalacións médicas para atender as traballadoras e traballadores), a caza da balea e o seu aproveitamento. Tamén é moi interesante a colección de maquetas de barcos, libros antigos e gravados dos Masso¨.


Marzo, 2013

Visita de Elena Gallego

VISITA DE ELENA GALLEGO ABAD A 3º C

  Sorprendeunos moito a visita de Elena Gallego Abad, unha gran escritora, autora de Dragal, a herdanza do dragón e Dragal II, a metamorfose do dragón. Todos e todas da clase de 3ºESO C lemos o primeiro dos seus libros e algunhas o segundo.Contounos como foi a súa relación coa literatura, o moito que lle gusta ler e que nunca pensou en que escribiría un libro. Tamén por que se decidiu a escribir a novela que inaugura a triloxía de Dragal, en que e en quen se inspirara para facela (nun Hadrián que estaba en Diversificación), explicounos, ademais, o tempo que tardara en escribir os libros, o primeiro tres ou catro meses e o segundo un ano. Nós fixemoslle preguntas e ela contestounos moi amablemente, gustounos moito a súa maneira de falar, de expresarse. Ao final da clase sacamos fotos para gardalas de recordo deste memorable dia. Asinounos os libros cunha dedicatoria, démoslle as grazas por vir ao noso instituto e facernos gozar con Dragal e coa súa conversación. 

 Gustaríanos que viñese outra vez a visitarnos cando poidamos ler o terceiro libro da triloxía que publicará proximamente.

Rebeca, Fernando, Sheila, Brais, Tomás, Paula, Iván.

Visita ao Castro de Vigo

Visita ao Castro de Vigo.

Alumnos/as de Cultura Clásica de 3º da ESO e de Latín de 4º A realizaron unha visita ao Castro de Vigo o venres 24 de febreiro. Estiveron acompañados pola profesora de grego do centro Susana Otero e polo profesor de latín Xosé Martínez. Durante practicamente unha hora e nunha visita guiada, achegáronse aos restos dunha pequena parte do oppidum de Vigo, un gran castro que ocuparía boa parte do monte sobre o que se asenta.

Ante as réplicas alí levantadas os alumnos/as puideron contemplar o verdadeiro significado das construcións orixinais: as tres edificacións reproducen un  momento inicial da ocupación romana. Toda a información arqueolóxica que se ofrece consitúe un valioso documento do pasado que debemos conservar e coñecer.

Visita ao CITEXVI (EFICIENTIC)

O ALUMNADO DO IES MARÍA SOLIÑO EN EFICIEN(TIC)

    O día 7 de febreiro, a maior parte do alumnado dos 1º e 2º cursos do Bacharelato de Ciencias desprazáronse ao CITEXVI ( Cidade Tecnolóxica de Vigo) para participar na actividade EFICIEN(TIC) organizada por Gradiant e Energylab co patrocinio da FECYT ( Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía), acompañados polos profesores Manuel Silva e Serafín Parcero.
    Os alumnos foron partícipes de varias e interesantes experiencias relacionadas coa eficiencia enerxética. Puideron comprobar como unha radio pode funcionar coa enerxía residual desprendida por unha pequena candea; fixeron funcionar un “escalectric” a base de pedalear nunhas bicicletas fixas, compararon o consumo e o rendemento de diversos tipos de lámparas ( incandescentes, fluorescentes, halóxenas, leds...), comprobaron, mediante unha cámara térmica a eficacia dos diversos tipos de illamento, recibiron  consellos para usar os seus teléfonos móbiles e ordenadores dunha forma eficiente e responsable co medio ambiente.   
    Tamén usaron un programa de recoñecemento facial e recibiron nocións de aproveitamento do hidróxeno como fonte de enerxía.

Exposición Escola María Soliña. Orissa-India

ESCOLA MARÍA SOLIÑA
UNHA EXPERIENCIA SOLIDARIA NA INDIA
"Chorei por uns zapatos... ata que vín a un home sen pernas"
(Proverbio hindú)
    A ONG "Shanga Galicia" con sede en Cangas do Morrazo leva adiante o desenvolvemento e financiación da Escola María Soliña en Pubai-Orissa (India). Este proxecto está a permitir a formación e alimentación de nenos e nenas dunha rexión aillada e sen recursos. "Amigo" é o significado de Shanga na súa lingua e nace co compromiso de recadar fondos para esta escola, fondos que se invisten exclusivamente nos gastos que a mesma xenera.
    Trescentos trinta nenos e nenas están escolarizados nas dez aulas das que consta a escola e na que reciben vestimenta, material escolar e a comida do mediodía. Mais todo isto e futuros investimentos non serían posible sen a aportación e colaboración dunhas 300 persoas que de xeito desinteresado e con diferentes cotas contribúen á realización desta mostra de SOLIDARIEDADE.
    Desde esa mesma solidariedade e colaboración, O IES María Soliño sumouse a esta causa na que a EDUCACIÓN cobra o seu significado máis amplo con determinados actos de recadación de fondos para esta ONG.
    Agora queremos presentar á Comunidade Escolar do IES María Soliño unha pequena mostra da vida escolar destes nenos e nenas no seu hábitat cunha pequena escolma de fotografías realizadas en Orissa e que poden contemplarse na cúpula do noso centro.
    Tamén achegamos un  enlace a un video, Desde Galicia para India, realizado polo profesor do centro Joseba García Plazuelo na súa visita á ESCOLA MARÍA SOLIÑA.
GRAZAS.

Samaín 2011

ORIXES DO SAMAÍN
A noite do 31 de outubro comezaba o aninovo celta, como aínda se celebra na illa de Man. Nesta noite as ánimas dos finados voltan visitar as súas familias e as súas vellas casas para quentárense ao carón do lume e comer dos alimentos que con agarimo lles teñen preparados os parentes. O cristianismo, adoptando o ano novo dos celtas e a súa festa á honra dos mortos, designaría o primeiro de novembro como día de Todos os Santos, e no século XII, ao día seguinte como día de Defuntos. Observa algunhas fotos deste  curso.

A LENDA DA CABAZA. CATRO TEXTOS.
Chega o outono. Tempo de castañas, noces, vento, follas secas e días escuros. É o tempo de recoller o maínzo e as cabazas. É tamén o tempo en que a rapazada fai as caveiras na cortiza das cabazas, seguindo unha antiga tradición dos tempos dos celtas. Os celtas foron uns antigos habitantes de Galicia. Un dos seus costumes era poñer unha luz acesa dentro das caveiras dos inimigos mortos. Xa hai moitos séculos que tal costume se perdeu, máis hoxe en día aínda fica a tradición de tallar unha caveira na cortiza das cabazas e poñer no seu interior unha candea que escintile pola noite. Os celtas, antigos habitantes de terras galegas, tiñan un grande respecto polos mortos. Nas súas caveiras poñían unha candea para que, ao escintilar pola noite, puxera medo no corazón da xente. Tal cousa facíana ao chegar os tempos escuros do ano, que ao andar o tempo, foise transformando na festa dos defuntos. Hoxe en día xa non se practican tales crenzas, máis ao longo do tempo mantívose un costume derivado destas: tallar caveiras na cortiza das cabazas e alumealas cunha candea no seu interior.
Rafael López

Rafael López Loureiro, mestre de escola de Cedeira foi o responsable de redescubrir esta tradición e comprobar que existía por todo o país ata hai menos de trinta anos. Por se fose pouco tamén comprobou a súa pervivencia no norte de Cáceres, arredor da zona na que están situadas as aldeas de fala galega, e aínda en zonas de Zamora e mesmo en Madrid. Ademais, este estudoso analizou a relación do costume das cabazas co culto á morte e a semellanza coas tradicións irmás das illas británicas.

CONCURSO DE CABAZOS
No concurso de cabazos que se celebrou no noso centro, o xurado acordou outorgar os seguintes premios:
-LAURA CHAPELA GONZÁLEZ (2º-A-BACH.) -   1º PREMIO
-SARA GARCÍA GAGO (1ºESO-C) -  2º PREMIO
-VÍCTOR MANUEL DEL CASTILLO FERNÁNDEZ (1ºESO-C)-3º PREMIO
-ABRAHAM  BERNÁRDEZ GARCÍA (4ºESO-B) -ACCÉSIT

RECEITA:Chulas

Ingredientes:1kg de cabazo, 200gr de fariña,  250gr de azucre, 6 ovos, aceite de xirasol, anís, raiado de limón


Preparación:
      Cocer o cabazo cortado en anacos grandes en auga fervendo con sal, hasta que esté tenro (uns 10 ou 15 min). Deseguido deixalo arrefriar e escurrilo. Cando enfríe un pouco, mesturalo nun recipiente xunto cos ovos, o raiado de limón e co anís, e removese todo. Poñelo a quentar nunha tixola con aceite. Cando alcance temperatura, fritir a masa en pequenas doses . Cando estén ben feitas poñelas nun prato ou noutro recipente e expolvorealo con azucre.


Distribuir contido