Actividades xaneiro-febreiro 2011

Comezamos o ano 2011 cunhas sesións de contacontos . Estas sesións estiveron organizadas pola Biblioteca coa colaboración dun grupo de alumnas de Literatura Universal de 2º de Bacharelato.
“Hai uns días, un grupo de alumnas xuntámonos na Biblioteca para contar contos de As mil e unha noites e do Decameron.Foron dous días e, aínda que, ao principio non estabamos moi convencidas, finalmente resultounos unha boa experiencia e, sen dúbida, eu volvería repetir. O público foi excelente, moi respectuoso, o que axudou a que poidésemos desenvolver os contos máis facilmente. As sesións fixéronse curtas xa que, como era a primeira vez, estabamos nerviosas e queríamos acabar canto antes, pero, estou segura de que se repetísemos, faríamolo doutra maneira, gozando máis dos contos e facendo que o público os vivise máis.
Por todo isto, eu recomendaría a todo o mundo que probase a experiencia de contar contos a outras persoas e a quen non se atreva, que vaia a escoitalos, porque pásase un bo rato e seguro que quedan gañas de repetir. Hai intencións de organizar máis sesións de contacontos, só faltan persoas voluntarias. Animádevos!”  Sandra V.
 
Con motivo do Día da Paz,fíxose un acto conmemorativo no Instituto. Colaborou moita xente: Montse  fixo a tradución ao galego dos textos das cancións (Imagine / Geave Peace a Change);as alumnas e alumnos  de 4ºA e 4ºB que sempre colaboran na elaboración dos carteis, traballaron duramente; o profesorado que lles permitiu rematar os carteis; o alumnado de 3º de Drama representou unhas esceas alusivas ao tema; Pedro Pablo dirixiu a posta en escea do acto; o alumnado de francés ensaiou – e cantou con entusiasmo- o lema en francés; o grupo de actividades de Papiroflexia fixo un feixe de pombas nas que , ademais, puxo palabras propias para expresar a súa idea da Paz; un grupo de alumnas de 1º de Artes repartiu as pombas para que poidesen “soltarse” ao final; grupos de voluntari@s repartiron os textos das cancións coas traducións ao galego; profesorado e alumnado que cantou e berrou os lemas...Colaborou moita xente.
 
A semana so 31 de xaneiro ao 4 de febreiro, Juan Molina, alumno de Artes que gañou o premio do Salón do Cómic que organiza o Concello, expuxo algúns dos seus debuxos na cúpula. Despertaron o interese de moitos alumnos e alumnas. Felicidades!
 
O xoves , día 3, o grupo  Teatrapa teatro da Asociación Juan XXIII presentou no centro a obra “Os desexos de verdade”. Foi durante o recreo e, o Salón de Actos tivo un cheo impresionante. Foi un gran éxito para o grupo. 
Ademais, durante toda a mañá tiveron un expositor coas obras que realizan con material reciclado. Esta exposición tamén  gustou moito.
 
Seguen as charlas para o alumnado de 2º de Bacharelato a cargo de exalumn@s. Iniciou a serie, en xaneiro, Elías Portela. O pasado luns, Evelyn Gandón, contou a súa traxectoria dende que deixara o Instituto, no ano 2003. O próximo luns, 14, será Ana Álvarez a encargada de orientar dende a súa experiencia persoal.