Actividades fin de trimestre 2010
NOVEMBRO
VISITA Á SEMANA DA CIENCIA
Organizada polo Departamento de Tecnoloxía o 15 de novembro de 2010, alumnos/as de 1º C e 2º B de bacharelato realizaron unha visita á SEMANA DA CIENCIA na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas de Vigo na que se pretendía achegar o alumnado de Tecnoloxía Industrial aos programas I+D+I (Investigación + Desenvolvemento + Innovación ) da Universidade en colaboración co tecido industrial do país. As actividades previstas consistiron fundamentalmente na realización de ensaios de dureza de materiais, novos materiais (deseños plásticos), enerxías renovables (biomasa), tecnoloxía de explosivos (simulación), levantamento tridimensional (láser 3D), emprego de cámara termográfica, etc.
A saída didáctica estivo supervisada pola xefa do Departamento de Tecnoloxía Sela Ares, epola profesora de Matemáticas Arancha Vega.
O día 25 de novembro, chegou ao noso centro A Tropa de Trapo, unha compañía de contacontos formada por dúas personas que misturan contos e música. Chegou ao noso centro a través de Benestar Social do Concello de Cangas que accedeu á nosa petición como xeito de celebrar o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero.
O alumnado de 1º de bacharelato e 4º de Diversificación gozou dun espectáculo sinxelo na posta en escea e, á vez, dunha grande intensidade: contos sinxelos, historias cotiás cun importante fondo para a reflexión. Gustounos moitísimo.
DECEMBRO
A recta final do Trimestre estivo marcada polas actividades organizadas polo Departamento de Educación Física, o Departamento de Galego e o de Música.
Na semana do 13 ao 17, o alumnado de 1º de TAFAD amenizou os recreos con explicacións de técnicas básicas e exhibicións de diferentes deportes na ágora. Tiveron un gran seguimento por parte do resto do alumnado. Gustaron especialmente as sesións do xoves e venres.
O Departamento de Galego organizou unha serie de actividades como Homenaxe a Rosalía no 125 aniversario da súa morte. Nestas actividades colaboraron Normalización Lingüística, o Departamento de Música e a Biblioteca.
O día 20, Conferencia sobre Rosalía de Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña, para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato,
O martes 21, na ágora, alumnado e profesorado, escolleron e “tenderon” poemas de Rosalía , acompañados polas notas da Orquestra de 1º de Bacharelato.
O alumnado da Eso asistiu a un recital poético que , con textos de Rosalía, preparou e dirixiu Pedro Pablo, no que participaron un gran número de alumnas e alumnos do centro.