Visita a Sotavento

 

Sotavento é unha empresa situada na Serra da Loba entre as provincias de Lugo e A Coruña, concretamente entre os concellos de Monfero e Xermade. Aquí está o parque eólico experimental de Sotavento, composto por 24 muíños tripala brancos, grises e azuis; as cores da pintura teñen a finalidade de fundilos coas distintas tonalidades do ceo. Neste parque trabállase con diversas empresas para despois comparar os resultados e saber cal é a máis eficiente.

Teñen tamén outros experimentos activos, como por exemplo unha casa bioclimática. Esta é única en España. En que consiste? Pois nunha casa ecolóxica con instalacións solares propias, sistemas de calefacción ecolóxicos e electrodomésticos de clase A. Esta vivenda está controlada polo sistema coñecido como “domótica”, isto é o control de todos os aparellos da casa a través dun PDA. Deste xeito pódense automatizar todos os mecanismos da casa conseguindo así o ambiente desexado. Esta casa tamén está orientada cara ao sur aproveitando a calor e a luz do sol.

Na excursión pasámolo ben, concienciáronnos para que pouco a pouco vaiamos facendo das nosas casas unhas vivendas máis ecolóxicas, pois é escandalosa a cantidade de millóns anuais que se gastan en electricidade. Aprendemos moito acerca de todas as enerxías renovables (solar, xeotérmica, biomasa...)

Por último fixemos un xogo parecido á oca con preguntas sobre todo o que aprendemos e disfrutamos tamén dun bo chocolate solar quente.

Rodrigo Graña