XIII MOSTRA DE TEATRO ENSINO SECUNDARIO: TES TEATRO
TES TEATRO: XIII MOSTRA DE TEATRO DO ENSINO SECUNDARIO DO MORRAZO
Como cada ano desde 1997, atopámonos durante esta semana de abril para mostrar os espectáculos creados polos grupos de teatro dos centros de secundaria da nosa comarca no marco dunhas xornadas, co obxectivo, coma sempre, de habilitar un tempo e un espazo de encontro que promova esta actividade nos centros de ensino do Morrazo.
Esta vez foi no noso IES María Soliño. Acollemos as representacións dos sete grupos participantes de seis centros do Morrazo: o IES Johán Carballeira de Bueu, o IES A Paralaia de Moaña, o IES Rodeira de Cangas, o IES As Barxas de Moaña, O Colexio Eduardo Pondal e por suposto do noso. Pola escena do noso salón de actos evolucionaron despregando entusiasmo, entrega, apuntando boas maneiras e moitos nervios unhas 90 actrices e actores, ben arroupados polos seus equipos técnicos e artísticos, os seus coordinadores e coordinadoras e,desde logo, polos seus directores e directoras. Para poñer o broche final, o alumnado de 1º de interpretación textual da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, dirixidos polo seu profesor Ricardo Solveira, tróuxonos o engado de novos horizontes artísticos.
A Mostra recibiu ademais a visita de grupos de alumnos e alumnas de nove centros do Morrazo, acompañados do seu profesorado que asistiron como público ás representacións, así como a maioría do alumnado do noso instituto.
Tamén se desenvolveron unha serie de actividades paralelas como a mostra dedicada ás edicións anteriores, a exposición dos carteis presentados ao concurso desta edición, a proxección de imaxes dos espectáculos doutros anos e a lectura das obras premiadas no concurso de Teatro Breve que por primeira vez se convocou.
Foi unha semana intensa e chea de emocións que, estamos seguros, todos gardaremos con agarimo na memoria, na que a comunidade educativa é quen de transcender aos hábitos nos que adoita acomodarse para encarar un proxecto conxunto que resulta a un tempo creativo e sumamente formativo. Moitas grazas a todas e a todos.
Nota de prensa en El País