Aula aberta de Filosofía

 

    Esta actividade estivo dirixida a alumnado de 1º de bacharelato e 4º da ESO e organizada polo profesor Pepe de Jiménez (Barcelona), coa colaboración de Concello de Cangas. Celebrouse no Auditorio de Cangas o dia 5 de Febreiro

    Trátase dunha experiencia pedagóxica que a aula aberta “Cachai” de filosofía proposta para o alumnado de filosofía e de ética co obxectivo de achegalo a problemas como a cidadanía nun estado non democrático e as circunstancias da incomunicación.

    A actividade comeza cunha obra de teatro que sitúa os personaxes no momento do golpe de estado de 1973 en Chile. A partir de aí, relátanse as andanzas de dous irmáns que intentan gañarse a vida interpretando a un ventrílocuo e o seu moneco, interpretado polo irmán menor que perdeu a capacidade para falar a consecuencia da situación desencadeada polo golpe de estado.

    Unha vez rematada a obra de teatro o profesor Pepe de Jiménez moderou un debate entre o alumnado a partir das ideas propostas nela.

    A actividade presenta en si mesma aspectos interesantes para alumnado que desenvolve no seu currículo a reflexión sobre o estado e a cidadanía. A representación teatral contén momentos de monólogo que resultaron un tanto complicados para os alumnos e alumnas, pero tamén outros nos que resultaba mais fácil manter a atención.

    O debate posterior á representación resultou, tal vez, o aspecto máis positivo da actividade, pois foi ocasión para o intercambio de ideas entre alumnos e alumnas participantes na actividade, que procedían tamén do Instituto de Rodeira. O feito de que o alumnado teña ocasión para debater aspectos como a desigualdade do mundo e o papel do Estado e os gobernos, contribúe dun xeito importante a desenvolver os obxectivos do ensino no bacharelato pois o debate é un dos procedementos básicos para alcanzar a madurez nas ideas e a capacidade de entender aos demais e compartir e contrastar as ideas propias.