Skip to Content

Prácticas

Prácticas: disección dun corazón

Este 31 de maio os alumnos de primeiro curso de STEMbach realizaron a disección dun corazón de porco, dirixidos pola profesora de Bioloxía do IES Ánxel Fole Lourdes Novoa Álvarez, que xa os cursos pasados impartiu esta práctica aos alumnos deste bacharelato do noso instituto.

Observaron a anatomía externa de diferentes tecidos, do pulmón, da tráquea, do esófago, da epiglote e do corazón. Deste músculo viron a anatomía externa (aurículas, ventrículos, arterias e venas) e interna (válvula mitral, tricúspide, semilunar…). Distinguiron as tres capas deste órgano vital: pericardio, endocardio e miocardio e as súas funcións. Finalmente, repasaron as causas de importantes enfermedades relacionadas co aparato circulatorio: soplos, infartos, ictus, tromboses, varices, insuficiencias renais, hipertensión, etc.

Álbum: Sen categoría -> Corazón21

Ampliación do glosario científico

Este 24 de maio o alumnado do bacharelato STEM realizou a tarefa de ampliar o glosario científico iniciado polos seus compañeiros dos cursos pasados. Os idiomas empregados foron o galego, o castelán, o  inglés, o francés e o alemán e para isto baseáronse na documentación dos anteriores poñentes deste bacharelato. Concretamente, trataron de engadir diferentes termos útiles no eido da ciencia e da tecnoloxía.

Esta práctica foi impartida e supervisada de xeito presencial polas profesoras do noso centro María del Mar Álvarez Álvarez, do Departamento de Inglés, e María del Carmen Correa Folgar, do Departamento de Alemán. As profesoras animaron ao alumnado a realizar prácticas laborais en centros estranxeiros.

Álbum: Sen categoría -> Glosario 21

Prácticas de laboratorio: extracción de ADN, PCR e visualización de resultados

Os profesores da Familia Química do noso IES, Xoán Carlos Rodríguez e Belén Reija, dirixiron este 3 de maio esta práctica de xenética, empregando o kit DNA-MEAT, adquirido polo noso centro ao grupo de innovación docente XuvenCiencia. https://xuvenciencia.org/portal/xc-na-aula/dnameat/

Extraeron cunha resina o ADN de carnes de porco, tenreira, mestura de porco e tenreira, e polo. Para axilizar o proceso, mentres tivo lugar a extracción fixeron a reacción en cadea da polimerasa, PCR. Para esta reacción empregaron mostras extraídas anteriormente por alumnos do Ciclo Superior de Química. A continuación, mentres os termocicladores con tapa termostatizada remataban a amplificación do material xenético, visualizaron os resultados de mostras similares obtidas en días previos, empregando a técnica de fluorescencia molecular. Finalmente, cargaron as mostras de ADN en xeles de agarosa para ver a súa fluorescencia, despois da súa separación por electroforese en función da masa molecular.

Álbum: Sen categoría -> PCR 21

Prácticas: Cuantificación de toxinas en augas

Este primeiro de marzal Xoán Carlos Rodríguez dirixiu un ensaio microbiolóxico para a cuantificación en augas de toxinas que producen doenzas hepáticas. Este alumnado de primeiro curso de bacharelato STEM tamén viu algún destes microorganismos ao microscopio previamente, concretamente o día 21 do pasado mes de decembro.

Os estudantes realizaron esta práctica baseada nunha reacción de inhibición dunha enzima, na que canto maior é a concentración de microcistinas menor é a absorción de luz por parte dun colorante. Realizaron medidas duns patróns e de varias mostras de augas por duplicado. As lecturas realizáronse en placas empregadas para a técnica ELISA (“Ensaio por inmunoabsorción ligado a enzimas”), que as alumnas e alumnos do curso pasado coñeceron de xeito virtual. Finalmente, puideron ver o funcionamento doutro equipamento usado polo alumnado do ciclo superior da familia química do noso instituto nalgúns procedementos biotecnolóxicos, como un lavador automático destas placas. A análise e interpretación dos resultados realizarana posteriormente, repasando os axustes lineais e non lineais.

Álbum: Sen categoría -> ELISA

Prácticas: Impresión 3D

Este 8 de febreiro Carlos Cazón impartiu unhas prácticas sobre impresión tridimensional na aula de tecnoloxía do noso instituto para o alumnado STEMbach desta promoción.

Comezou cunha introducción teórica sobre esta tecnoloxía, onde presentou os pasos a seguir para obter obxectos, varios programas de deseño e laminado, pormenores do procedemento e as súas aplicacións actuais.

Finalmente, viron a impresión dunha peza nunha das máquinas das que dispoñemos empregando un dos filamentos comerciais.

Álbum: Sen categoría -> print 3D

Prácticas: Programación con Arduíno II

Carlos Cazón continuou dirixindo aos alumnos de primeiro curso de STEMbach nas súas prácticas de programación con software libre, que iniciaron a semana pasada.

Este 18 de xaneiro programaron cunha placa Arduíno o funcionamento de diodos LED, dun potenciómetro e da medida de distancia mediante sensores de ultrasóns.

Álbum: Sen categoría -> practicas arduino 21 2
Distribuir contido


by Dr. Radut