Así foi a presentación de Costa do Solpor, de Xosé Mª Lema

O mércores 22 de maio, presentouse a novela Costa do Solpor no MOME da Estrada, un acto organizado pola Biblioteca e o Equipo de Normalización do noso IES. Foi a nosa primeira presentación, da que estamos especialmente orgullosos polo que supuxo Lema como profesor para o noso Centro durante tantos anos, e pola súa valía como investigador e xornalista (e agora tamén como narrador). O seu traballo é un exemplo de compromiso co ensino público (tan ameazado a día de hoxe coa escandalosa Lei Wert) e co patrimonio cultural e etnográfico da nosa terra.

Reproducimos abaixo as palabras do propio Lema sobre o acto no seu blog, onde fai unha mención moi emotiva a unha lectora moi especial, Filomena Fraga, que nos deixou a todos admirados coa súa ansia de aprender, coa súa vitalidade e coa súa perspicacia como lectora desta extraordinaria novela de aventuras, amor e amizade, impregnada da enorme erudición do autor, o que a fai imprescindible para o coñecemento da vida cotiá da costa do solpor galega no século XVIII.

Copiamos tamén o comentario de Aroa Martínez, editora de diario dixital catrogatos.com, onde podedes ver máis fotos do evento.

PRESENTACIÓN NA ESTRADA DE COSTA DO SOLPOR O 22-5-2013  COA PRESENZA DUNHA ESPECTADORA MOI ESPECIAL: FILOMENA FRAGA.

Na mesa aparecen comigo Heladio Fernández Manso (que introduciu o acto, profesor de Xeografía e Historia do IES Antón Losada Diéguez e responsable da Biblioteca do centro), David Otero (profesor do IES nº 1 e escritor) e Xoán Carlos Garrido (profesor de filosofía de E.S. e tamén historiador). Na organización do acto no MOME (Museo da Madeira e do Moble da Estrada) cómpre agradecer as xestións de Xosé Magariños (ex alumno, ex compañeiro no IES e concelleiro do BNG na Estrada).
Entre os asistentes atopábanse ex compañeiros meus -profesores e persoal non docente- do IES Antón Losada Diéguez, membros da Coral Polifónica Estradense e ex alumnos/as. A todos/as moi agradecido, pero permítaseme que hoxe fale dunha espectadora moi especial, pois desprazouse especialmente para o acto desde a beira do Tambre, nos confíns do concello de Ames (a uns 25 ou 30 km de distancia).
Presenza de Filomena Fraga, unha lectora moi especial
Podedes vela na primeira foto de Aroa na primeira fileira cunha reprodución do mapa da Costa do Solpor na man: trátase de Filomena Fraga, de 87 anos, muller labrega veciña de San Lourenzo de Agrón (Ames), onde ten a súa factoría a empresa leiteira FEIRACO (que dito sexa de paso, unha das poucas que fai a publicidade en galego, motivo máis que sobrado para mercala sempre).
Segundo se conta nalgunha biografía súa, Filomena naceu nesta parroquia amiense en 1926 e foi á escola xusto para aprender a ler e a escribir, dedicando logo a súa vida á súa familia e ós labores de ama de casa e do agro. Pero Filomena era unha muller inqueda, que non se contentaba co papel pasivo da muller tradicional do seu tempo. Preocupada polo futuro dos seus fillos, cando se creou nos primeiros anos da transición un Colexio Rural en Negreira, ela participou activamente na súa xestión, Alí coñeceu un escritor noviño que en pouco tempo ía gozar de enorme éxito pola calidade das súas novelas, Suso de Toro, que foi quen lle prologou un libriño de contos e poesías publicado en 1995 co título A Cancela, rapidamente esgotado na súa 1ª edición; tanto foi así que o Concello de Ames promoveu, en 2006, unha segunda. As dúas presentacións foran multitudinarias, dada a popularidade de Filomena.
Tanto por ese libriño como polas súas opinións claras e contundentes, inconformistas, a labrega de Agrón axiña foi chamada por moitos medios de comunicación para falar en programas e tertulias sobre todo dos problemas das mulleres, das de antes e das de agora. Quizais estrañaba a visión progresista e inconformista dunha muller maior sen estudos superiores. Deste xeito, participou en varios programas de TVG como Doa a doa e foi unha das principais protagonistas do documental Señora de (2010), de Patricia Ferreira, centrado nas relacións de parella entre homes e mulleres dos anos cincuenta e sesenta (e setenta) do século pasado, sobre todo da situación subordinada da muller impulsada polo franquismo, como suxeito pasivo na súa relación co home.
En case todas as presentacións que levo feito da novela citei a Filomena, unha lectora moi especial para min, que, fronte a aqueles ós que lles asusta un relato de 630 páxinas, ela despachouno en pouco máis de un mes. Ó remate da presentación, houbo algunhas intervencións desde o público, e logo pediu ela o micrófono para expresar a súa opinión sobre a novela: entre outras cousas dixo a ela nunca lle atraera o mundo do mar e moito menos as historias de piratas, pois era de terra adentro e non coñecía eses ambientes, pero cando o seu xenro Andrés Lobato lle regalara o libro, puxérase a ler e na non se detera ata rematalo, pois, entre outras cousas, atopara un galego moi fluído, comprensible e enxebre, con palabras e frases que tiña esquecidas (nalgún caso desde había máis de cincuenta anos, quizais) e que agora estaba recuperando. Agora estaba coa segunda lectura, e cun caderniño ó lado para ir anotando esas palabras e frases medio esquecidas que tanto lle chamaran a atención. Entre outros citou o dito “quitar a cobra do burato coa man allea” querendo referirse ó que eu introducira no Epílogo; sen se decatar, ela mesma introduciu unha nova frase feita, pois a miña non era exactamente esa, senón outra equivalente: “quitar a cobra da parede coas mans doutros” (p. 630). Nin que dicir ten que me parece aínda máis expresiva a súa, e, se hai unha 2ª edición da novela, cambiareina en homenaxe a ela.
Filomena fixo a lectura que non puideron facer nin miña nai nin meu pai; quizais eles puxeron na súa boca as súas opinións, desde onde queira que estean (aínda que estou seguro de que tanto un coma o outro ían ser bastante máis críticos).
Sen dúbida, Filomena foi a estrela da presentación da Estrada: se os directores dalgúns xornais lles desen ás presentación de libros (e ós actos culturais en xeral) a importancia que merecen, seguro que a súa intervención no acto sería o titular da noticia.
Agradézolle a esta entrañable amiga as súas agarimosas palabras (en boa parte esaxeradas, pola amizade que nos une) e, sobre todo, o esforzo que fixo en vir a esta presentación da Estrada, mesmo cando se está a piques cumprir o ano do falecemento da súa filla Marga, que a encheu de tristura (que nos encheu de tristura). Lembraremos a Marga Lesta Fraga mañá sábado 25 de maio na igrexa de Catoira cunha misa en galego. Alí estaremos acompañando a Andrés, Filomena e ós seus fillos Brais e Andrea.

Onte ás 21,00 h. da noite o MOME acollía a presentación do libro Costa do solpor.

Lema é un historiador e etnógrafo galego, nado en Bamiro, Vimianzo.
O protagonista do acto, o libro, unha novela de aventuras de mar e de terra con batallas navais, abordaxes, tétricas escenas de terror e tenras de amor, senlleiros personaxes lendarios e reais –un náufrago desmemoriado, un crego sabio e revolucionario, un fidalgo reformista…– e unha vila maldita que conforman a iconografía histórica da galega Costa do Solpor. Unha novela ambientada na Galicia rural e urbana de mediados do século XVIII, facéndonos partícipes das angueiras da vida cotiá daqueles anos.
Costa do Solpor comeza cun manuscrito onde un descoñecido escritor británico de finais do século XIX narra as peripecias da viaxe de volta dunha misteriosa goleta inglesa cargada cun fabuloso tesouro. Tras unha cruenta loita cuns piratas nunha illa atlántica, a goleta regresa ao punto de partida, o porto de Bristol, pero unha tormenta obrígaa a buscar refuxio nunha ría da Costa do Solpor. Un membro da Confraría da Man Morta, decatándose da importancia da carga, marcha a uña de cabalo á cidade da Coruña e avisa o capitán dun bergantín pirata fondeado cun nome de conveniencia neste porto. O bergantín sairá ao encontro da goleta coa intención de lle incautar o tesouro. Logo da abordaxe, o grumete da goleta logra salvarse gañando a costa a nado. Os piratas perseguirano a morte pero o rapaz inglés farase amigo dun mozo e dunha moza da beiramar e tratarán, xuntos, de liberar a goleta e salvar os seus tripulantes dunha morte certa. Costa do Solpor foi finalista do Premio Xerais de Novela 2011.
No acto estiveron tamén presentes o escritor e mestre David Otero e Xoan Carlos Garrido, mestre de filosofía e historiador galego.

Redacción e fotografía: Aroa Martínez