Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Deporte en Asturias con 1º de BAC

Os días 13 e 14 de xuño o alumnado de 1º de Bac participou nunha saída de actividades deportivas na natureza en Asturias organizada polo departamento de EF. 

Desfrutaron remando nunha parte do descenso do río Sella dende Arriondas, xogaron ao paintball,  ao bubble soccer e ao cluedo no albergue de Piloña, fixeron unha actividade de iniciación á espeleoloxía na cova de Pando e remataron cun baño na praia La Griega despois dunha ruta camiñando dende a praia La Isla. Nesta ruta puideron observar as trincheras da guerra civil na primeira praia e as pegadas de dinosaurio na segunda.

O grupo de 31 alumnos e alumnas asistiu a esta actividade acompañado polas súas profesoras Laura e Luisa. Felicitamos ao grupo pola súa implicación e o seu impecable comportamento.

Cambia de cor

Vídeo promocional de hábitos saudables realizado polo alumnado de 1ºESO de Proxecto Competencial

Crónica Erasmus Ostia (18-06-2024)

O alumnado que foi a Ostia como parte do programa Erasmus+ relátanos a súa experiencia.

Dirección: Nuria
Locutores: alumnado Erasmus
Control: Xabi

 

 

 

Saída ao Río Miño

Entre as actividades de promoción do respecto ao medio ambiente e posta en valor da nosa contorna natural destaca a xa clásica Saída ao Río Miño polo coñecido roteiro "ecolóxico".

Nesta ocasión, con constante ameaza de chuvia, o alumnado de 1º da ESO A e B puido participar desta camiñata e doutras actividades lúdicas nas instalacións do Club Fluvial a quen agradecemos a súa colaboración.

Porén, a saída prevista para o martes tivo ser cancelada a causa dunha ameaza maior de chuvia e dunha temperatura máis baixa. Esperamos que poda ter lugar noutra ocasión, talvez a principios do curso que vén.

 

 

Venres Musicais - Invitada especial (14-06-2024)

Programa de música variada elexida integramente por Andrea

Dirección: Andrea Doinita Mustafa
Locutores: Andrea Doinita, José Manuel, Xabi
Control: Xabi

Apadriña un Lector

Sen dúbida, a nosa actividade máis fotoxénica segue a ser o apadriña/amadriña un lector/unha lectora, no que un alumno/a de 1º de BAC acolle nos xardíns do noso centro a un pícaro/a de educación infantil do CEIP Casás e complementa as actividades de introdución a lectura nun contexto diferente.

Temos que agradecer ao noso alumnado que asistiran a esta actividade unha vez ter rematado o seu período lectivo e facelo de xeito complemetamente voluntario. Esperemos que estes pequenos lectores dentro dunha década sexan os que apadriñen/amadriñen novos lectores que aínda están por nacer. 

E sobre todo, agradecer ao equipo da nosa Biblioteca e ao profesorado de Infantil do CEIP Casás que sigan comprometidos nunha actividade tan completa como esta.

Enredando co Galego 2024

O 12 de xuño tivo lugar a festa do evento Enredando co Galego organizado polo Concello de Lugo e do que o noso centro é asiduo participante. Nesta ocasión, ademais, temos que destacar o compromiso dunha parte moi significativa do noso alumnado aprol da promoción do uso da lingua galega que queremos seguir escoitando no noso barrio por mil primaveras máis.

No acto estivo presente a sensación musical do panaroma galego, o techno-rockeiro do Valadouro Grande Amore, facendo visible a presenza do galego nas vangardas musicais.

Parabéns aos gañadores/as e ata o ano que vén que seguiremos enredando co galego!

 

Excursión ás Ons

O alumnado de 2º da ESO pasou un par de días de experiencias naturais e deportivas nunha contorna única nas illas Ons, pertencentes ao Parque Natural das Illas Atlánticas. Nesta imaxe, arrodean o Burato do Inferno, un dos atractivos da illa.

Agradecemos o comportamento exemplar de todo o alumnado e o compromiso do profesorado participante nunhas actividades tan beneficiosas para o convivencia e para unha formación respectuosa co medio ambiente.

 

Visita do alumnado do CEIP Casás

O venres 7 de xuño recibimos a visita do alumnado do CEIP Casás que se incorporará ao noso centro educativo no vindeiro curso escolar. O programa foi o seguinte:

Programa Xornada de Benvida.

 

  • 10h Benvida e Presentación no Salón de Actos.
  • 10:30h Asignación de mediadores acompañantes.
  • 10:45h Merenda (froita) ofrecida polo instituto.
  • 11h Período de Lecer cos acompañantes.
  • 11:30h Concerto no Salón de Actos polo alumnado de 1º de BAC.
  • 12:20h Actividade de Orientación Deportiva no patio do instituto. 
  • 13:10h Obradoiro de banda deseñada na Biblioteca. 
  • 13:50h Despedida.

Esta xornada organízase co obxecto de presentar ao novo alumnado o que será o seu futuro centro educativo antes das vacacións e que pase un verán coa tranquilidade de coñecer onde estudará os próximos anos. Esperamos que esta etapa que comezan estea chea de bos momentos, aprendizaxes e moitas amizades.

Encontro antiBullying

O 31 de maio recibimos a visita do alumnado axudante do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria para intercambiar experiencias e iniciativas de combate contra o acoso escolar. En total 40 rapaces e rapazas dos dous institutos compartiron unha xornada de traballo e convivencia que deu como resultado un material que está xa colgado no curso Administración Alumnado da nosa Aula Virtual.

Queremos agradecer a visita e esperamos que poda ter continuidade no futuro. Ficou claro que temos moitas cousas en común, a máis importante, un alumnado consciente e formado na resolución pacífica de conflitos convencidos do diálogo como ferramenta insuperable para acadar este obxectivo.

Distribuir contido


by Dr. Radut